Educación xustifícao polas “necesidades efectivas da poboación escolar”, que agora terá que trasladarse a outros centros en Begonte e Mazaricos
A mobilización de meses da comunidade educativa de Baamonde non serviu de nada e o pasado xuño o seu Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) celebrou a súa derradeira fin de curso. O anuncio xa avanzado pola Consellería de Educación de que tanto ese colexio como o CEIP do Pino de Val pecharían por ter pouco alumnado para trasladar o restante a outros dous centros dos mesmos concellos de Begonte e Mazaricos vén de facerse oficial no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste venres.
Como todos os anos por estas datas, a Consellería de Educación publica a Orde coa que modifica as unidades e postos de traballo dos seus centros públicos, e como todos os anos o diario oficial constata un novo peche de centros. Se na última década e media o habitual foi o peche de escolas unitarias, con máis de duascentas desaparecidas, dúas o pasado ano, desta volta as que quedan mantéñense e desaparecen os anteditos dous CEIP.
Educación argumenta eses peches e o resto de reestruturacións de unidades e profesorado en que “para adaptar a organización dos centros docentes ás necesidades efectivas da poboación escolar e ás exixencias duns cadros de persoal que incidan na atención á diversidade coa introdución de profesorado especialista e a mellora da súa oferta educativa, deben revisarse as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes desta consellería”.
Feijóo en persoa avalou o peche do colexio de Begonde defendido polo alcalde do PP
No caso do CEIP de Baamonde, a mobilización veciñal confrontou co propio alcalde, José Ulla, do PP, partidario do peche do centro. Recibiu o respaldo mesmo de Feijóo, que o avalou defendendo que o concello pasará "de ter dous centros con feble matrícula a un único centro fortalecido con maiores recursos educativos".