Educación publica no Diario Oficial de Galicia as datas lectivas e non lectivas do próximo curso
A Consellería de Educación vén de publicar este venres no Diario Oficial de Galicia o calendario oficial para o curso 2021/22 nos centros públicos e concertados. O ensino obrigatorio terá 175 días lectivos, un menos que o anterior curso, e a principal novidade será o adiantamento a xuño das probas extraordinarias de setembro nos cursos de educación secundaria obrigatoria, o primeiro curso de bacharelato e o primeiro curso da formación profesional básica, en liña coa medida xa adoptada no curso 2018/19 no que xa se adiantaran esas probas en segundo de bacharelato para facilitar a realización dos exames de acceso á universidade.
Estas son as principais datas do calendario escolar:
- Inicio das actividades lectivas: En educación infantil, educación primaria e educación especial, as clases comezan o 9 de setembro. En educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, as actividades lectivas comezan o 15 de setembro.
- Remate das actividades lectivas: As clases rematarán o 22 de xuño para educación infantil, educación primaria, educación especial, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional. No caso do segundo curso de bacharelato ese remate adaptarase ás datas das probas de acceso á universidade. Nas ensinanzas de réxime especial o curso rematará o 30 de xuño.
- Comedores escolares: funcionarán desde o 9 de setembro ata o 22 de xuño.
- Vacacións escolares: no Nadal do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, ambos inclusive; no Entroido do 28 de febreiro ao 2 de marzo, e en Semana Santa do 11 ao 18 de abril.
- Festivos: Ademais dos festivos de ámbito estatal, galego ou local, e dos ata dous días non lectivos que pode establecer cada centro educativo, tamén será non lectivo o Día do Ensino, que no próximo curso queda fixado para o 11 de outubro.
- Período de adaptación en educación infantil: O DOG establece que “o período de adaptación do alumnado de educación infantil que se incorpora por primeira vez ao centro non se prolongará máis alá do día 21 de setembro de 2021”.