As dúas consellerías admiten oficialmente carecer de información sobre os novos positivos que van afectando ao ensino
A Consellería de Educación “non dispón” da serie histórica de novos casos de COVID-19 vinculados a escolas infantís e centros educativos senón “unicamente” dos casos activos en cada momento, indicador menos preciso para seguir a evolución da pandemia e coñecer o impacto do virus en cada centro. Así o vén de responder oficialmente a consellería despois de que outro departamento do mesmo Goberno galego que preside Feijóo, Sanidade, tamén negase ter eses datos e considerase que debía telos Educación.
Tras cada xornada lectiva a Consellería de Sanidade remite aos medios de comunicación un listado -que á súa vez Educación publica na súa web- cos casos activos de COVID en cada centro, un dato que pola distinta duración da enfermidade nunhas ou noutras persoas impide saber o número total de doentes xa que baixas e altas poden enmascararse unhas ás outras.
Sanidade respondera previamente que a competencia para informar dos novos casos é do órgano "que posúa a información, que consideramos é Educación", á que remitiu a petición
A petición formal de Praza.gal a Sanidade ao amparo da Lei de Transparencia para coñecer a serie histórica de novos positivos ligados aos centros de ensino non foi atendida ata que interveu a Valedora do Pobo, responsable da Comisión de Transparencia de Galicia. Tras a súa petición de explicacións, Sanidade respondeu que carecía da información que se lle solicitaba e que a competencia para informar deses datos é do órgano "que posúa a información, que consideramos é Educación", á que remitiu a petición.
Agora chega a resposta de Educación, que sinala que ela mesma “non dispón da serie histórica de datos vinculados a escolas infantís e centros educativos que se solicita, dispoñendo unicamente dos datos dos que se dá publicidade na páxina web”, os de casos activos en cada momento.
Por outra banda, nin Sanidade nin Educación sinalan nada a respecto do terceiro departamento da Xunta implicado, o de Política Social, do que dependen as escolas infantís.