Volta ás ratios pre-pandemia nas aulas e recortes de profesorado: os plans para o curso 2021/22

Clase nun instituto galego, coa docente e o alumnado con máscaras por mor da COVID CC-BY-SA Xunta

A Xunta ten que decidir se mantén as ratios reducidas deste curso e o número de docentes contratados pola COVID

Achégase o final de curso e comezan a despexarse as dúbidas sobre como será o vindeiro, que seguirá afectado pola COVID. Desde o Ministerio de Educación presentouse un plan ″vivo″, en palabras de Isabel Celáa, susceptible de sufriren "axustes" de aquí a setembro, no que cada Goberno autonómico escollerá se mantén a ratio de alumnado por profesor deste ano, ou permite que as aulas volvan á capacidade anterior á pandemia. A Xunta xa fixo unha primeira consulta aos centros sobre o número de alumnado que soportaría cada aula cunha distancia de 1,2 metros (este curso é de 1,5).

Das ratios van depender os recortes nos cadros docentes dos centros de ensino para o vindeiro curso, que se viron ampliados neste 2020/21 despois das mobilizacións de profesionais, sindicatos e asociacións de nais e pais. A presión social forzou a Xunta á contratación de preto de 1.900 profesionais no último momento, coincidindo coa volta de Román Rodríguez á Consellería de Educación, para garantir a presencialidade no ensino obrigatorio e facilitar o desdobramento das aulas co obxectivo de manter as medidas de seguridade por mor da pandemia.

Concentración por unhas aulas seguras coa pandemia no curso que está a rematar CC-BY-NC CIG-Ensino

O Ministerio pide que se manteñan "os mesmos recursos humanos"

A consigna do Ministerio de Educación queda clara no ′Plan de recuperación, transformación y resiliencia′, que dirixirá o gasto dos fondos europeos ata 2023 e prevé un investimento de 4.687 millóns de euros no eido do ensino, onde se especifica que ″o reforzo do capital humano é fundamental para que o plan de inversións e reformas teña o impacto desexado, tanto na xeración de actividade a curto prazo, como no reforzo estrutural da economía e das novas oportunidades laborais a medio e longo prazo″.

″Estamos a reclamar ás comunidades autónomas un esforzo conxunto e que manteñan os mesmos recursos humanos que consideraron necesarios para soster a mellor situación académica e escolar″, advertiu a ministra Isabel Celáa despois da reunión convocada polos departamentos de Educación e Sanidade na que se xuntaron o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e a Conferencia Sectorial de Educación. 

A distancia de seguridade entre o alumnado poderá pasar de 1,5 a 1,2 metros nas aulas de 5º e 6º de Primaria, en todos os niveis de Secundaria e Bacharelato, na Formación Profesional de grao básico e nas Escolas Oficiais de Idiomas nun escenario de baixa incidencia da COVID. Porén, a ″recomendación xeral″ do Ministerio segue a ser ese 1,5 metros de distancia, que se convertirán en obrigatorios de producirse un incremento da incidencia do coronavirus. Fica en mans da Xunta se na ESO volve haber clases de 30 estudantes e nas de Bacharelato de 35, se o permiten as dimensións das aulas. 

A CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, informou de que a Xunta, a través da Inspección educativa, remitiu un correo electrónico aos centros de Secundaria "no que se lles pide que en menos de 24 horas lle remitan un estudo de adaptación das aulas coa distancia de 1,2 metros 'con ou sen mampara". Nesa mesma comunicación "pregúntase polos actuais grupos desdobrados e aulas con mamparas, así como se existen grupos de FP con docencia semipresencial e polo incremento de profesorado autorizado neste curso escolar". 

A Xunta pregunta polas aulas desdobradas este curso nos institutos

Polo que CIG-Ensino solicitou por carta ao conselleiro de Educación a convocatoria da Mesa Sectorial cun "carácter monográfico" para analizar os pasos a dar "en materia de ratios, profesorado e medidas de protección de cara ao curso escolar 2021/22". Unha xuntanza que desde o sindicato cualifican de "imprescindible" e na que consideran que a Consellería debe presentar "un plan de continxencia adaptado ao escenario previsto para o curso entrante".

Concentración no edificio da Xunta en San Caetano para demandar máis recursos e profesorado para o curso 2020/2021 © CIG-Ensino

Infantil e Primaria

No documento aprobado polo Ministerio de Educación figura que nos primeiros cursos de Primaria e mais no ensino de Infantil manteranse os chamados ″grupos burbulla″ ou grupos de convivencia estable para o vindeiro curso, coa novidade de que ″non sería necesario gardar a distancia interpersoal de maneira estrita″ e as nenas e nenos poderían relacionarse entre si cunha maior normalidade.

"Por primeira vez en moitos anos, a Xunta cumpriu coas ratios máximas", di a CIG-Ensino

Desde CIG-Ensino salientan que "o único avance" coa pandemia en Infantil e Primaria "foi que por vez primeira en moitos anos, a Xunta cumpriu coas ratios máximas e non se superaron os 25 nenos e nenas nas aulas". O sindicato alerta da posibilidade de que a Consellería de Educación "teña a pretensión de volver ás andadas e autorizar elevar as ratios por riba da cifra legal ordinaria", e lembra que "o alumnado repetidor 'non conta' para as ratios xa que a matrícula faise sen saber se vai haber repetidores ou non"; como tampouco se ten en conta "o 10% de aumento por cambios de residencia ou motivos que xustifiquen a matrícula fóra de prazo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.