O rural galego sofre dende hai anos unha degradación progresiva dos servizos públicos, comezando pola sanidade e o o ensino. A cooperativa audiovisual Xarda comezou a publicar hai unhas semana a serie de videos e artigos #LugarDe, que recolle distintos problemas, movementos e iniciativas do rural galego. O primeiro vídeo estivo centrado na sanidade e agora vén de publicarse o segundo, que afonda en distintas problemáticas do ensino, dende o peche de escolas rurais, ás deficiencias no transporte pasando por outras eivas que fan máis difícil o día a día para o alumnado e familias que viven en concellos rurais.
O vídeo está centrado en historias do Courel, Luaña e Mazaricos que constitúen exemplos "de como a administración pon trabas ao ensino rural e á propia subsistencia destas vilas"
A peza audiovisual está centrada en historias do Courel, Luaña e Mazaricos que constitúen exemplos "de como a administración pon trabas ao ensino rural e á propia subsistencia destas vilas", destaca Xarda, que subliña que "non son tres casos illados, senón un exemplo do que está a pasar co ensino en todo o país. As propias entrevistadas inciden na desigualdade que supón isto para as crianzas do rural".
Tamén se incide no conflito que se está a vivir na comarca do Courel, onde o cambio de licitación no transporte provocaría que os nenos e nenas de Romeor tivesen que facer máis de dúas horas de coche cada día
Así, nos vídeos contase como nas aldeas de Mazaricos, os rapaces e rapazas saen as seis da mañá para chegar ás nove ás aulas. Tamén se incide no conflito que se está a vivir na comarca do Courel, onde o cambio de licitación no transporte provocaría que os nenos e nenas de Romeor tivesen que facer máis de dúas horas de coche cada día.
A nova proposta da Xunta contempla o uso de microbuses de case 30 prazas para unhas rutas cubertas desde hai décadas por furgonetas-taxi de ata nove asentos, mellor adaptadas á zona, máis rápidas e azosas para as estradas da montaña. Ademais, as firmas que resulten adxudicatarias deben abranguer a un tempo o transporte noutros centros do sur da provincia de Lugo, o que fai inasumible que os taxistas que prestan o servizo poidan optar a el e amplía as rutas.
Relátase tamén a situación que se vive na aldea de Luaña, en Brión, onde este verán pechou unha escola unitaria construída pola veciñanza da parroquia hai máis de oitenta anos
Relátase tamén a situación que se vive na aldea de Luaña, en Brión, onde este verán pechou unha escola unitaria construída pola veciñanza da parroquia hai máis de oitenta anos. "Esta calidade educativa non a imos ter noutro lugar", dicíanos Lucía Forján, representante da ANPA de Luaña, nunha defensa do modelo de escolas unitarias, que nos últimos anos veñen pechando de forma xeneralizada en Galicia.
No audiovisual falan sobre estes temas e reflexionan sobre os problemas e os beneficios do ensino no rural o taxista e pai do Coural Pedro Romeo; Pilar Veiga, da ANPA do Colexio Uxío Novoneyra de Folgoso; Lucía Forján, da ANPA da Unitaria da Luaña e Mayka Cacheiro, profesora e parte da Federación Provincial de ANPAS Coruña-Costa da Morte.
"Se dende o propio rural non loitamos polo rural, non imos conseguir nada"
Lucía Forján, da ANPA da Unitaria da Luaña, sinala que "nos vemos un pouco soas". "As reivindicacións no rural son difíciles, porque somos poucos e hai pouca xente nova, que é a que máis se move. A xente máis maior seguramente está cansa de protestar durante anos e que non se lle escoite", explica. E conclúe: "se dende o propio rural non loitamos polo rural, non imos conseguir nada".
Mayka Cacheiro denuncia que, directamente, a administración “fomenta que marches do rural”
Mayka Cacheiro critica que, directamente, a administración “fomenta que marches do rural”, denuncias moi semellantes ás do manifesto lanzando hai unhas semanas polas ANPA dos colexios de Baamonde, do Courel, de Navia de Suarna e de Baralla, que baixo o título de "As Anpas do rural unidas nun berro de dignidade", puxo sobre a mesa o proceso de "desmantelamento" que están a vivir moitos centros de ensino nas zonas rurais do país.
O mesmo opina Pilar Veiga: "Eu non percibo que se fomente o rural. Iso queda moi bonito nun spot televisivo, pero o que se está fomentando é que a xente do rural marche". A representante da ANPA do Colexio Uxío Novoneyra de Folgoso pídelle á Xunta "que consulten á xente para tomar decisións: poden falar cos pais, cos mestres e mestras, coas anpas..., que consulten á xente que vivimos no rural cales son as nosas necesidades".