A Xunta anuncia contratacións de profesorado para Secundaria e FP no día previsto para iniciar as clases e a escasas horas de que se celebren concentracións por toda Galicia pola xestión do curso escolar
As protestas dos institutos perante o terceiro cambio de idea da Consellería de Educación, que desbotou a distancia de seguridade de 1,5 metros entre o alumnado de Secundaria e FP para propoñer a instalación de mamparas nas aulas provocaron, finalmente, a reacción do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. O conselleiro Román Rodríguez anunciou este mércores a "incorporación inmediata" de 847 docentes "para poder aplicar as medidas de seguridade contra a COVID-19".
Este mércores, día 16, estaba previsto o inicio do curso escolar para o alumando da ESO, Bacharelato e Formación Profesional. A data foi adiada pola Xunta para unha incoporación progresiva nos días 23, 24 e 25, mais este anuncio de novas contratacións chega a escasas horas das concentracións convocadas nas cidades e principais vilas galegas para reclamar "unha volta segura" para as rapazas e rapaces de máis de 16 anos. Neste últimos días, varios equipos directivos presentaron a súa dimisión para desmarcarse da Consellería.
"Avaliouse centro a centro, aula a aula, para cumprir coas necesidades de profesorado e para conseguir que os espazos educativos teñan todas as garantías sanitarias", sinalou Román Rodríguez na súa comparecencia deste mércores após a xuntanza semanal do comité clínico que asesora á Xunta pola pandemia. Ata o de agora, os institutos aínda non tiñan a confirmación por parte de Educación do profesorado co que podían contar para este curso, polo que non podían elaborar os horarios das clases.
O conselleiro de Educación explicou que "a Xunta vai incorporar de xeito inmediato 1.890 profesores", o que supón "un incremento dun 6,2% con respecto ao previsto para este curso". "Un enorme esforzo orzamentario", destacou. Desta cifra hai que descontar o profesorado xa incorporado por necesidades habituais de cada curso e as prazas de apoio docente que xa se empregaron o ano pasado.
Polo tanto, segundo as declaracións do conselleiro, para os cursos da ESO, Bacharelato e FP incorpóranse 1.107 profesores, 260 polo incremento da oferta educativa e os 847 anunciados este mércores a maiores pola pandemia. Dentro deses 1.890 profesores tamén figuran os 240 novos docentes de Infantil e Primaria que xa foron incorporados a semana pasada aos centros e os 543 novos docentes de apoio a través do programa ARCO, dos cales 221 son para Primaria e 322 para ESO, que "estarán en horario lectivo para reforzar a adquisición de competencias básicas".
Dentro deses 1.890 profesores contratados figuran os 240 novos docentes de Infantil e Primaria que xa foron incorporados a semana pasada
Román Rodríguez manifestou que "xa comezaron os chamamentos" deses 847 profesores novos para Secundaria e que "estarán nos centros a semana que vén". "Os centros, a través dos servizos de Inspección, xa coñecen o número de profesores que se incorporan para elaborar os seus horarios", sostivo o conselleiro. No IES da Terra Chá, en Castro de Ribeiras de Lea, no que a directiva presentou a dimisión esta semana, confirmaron a Praza.gal que a última hora da tarde do martes recibiron o aviso da Inspección educativa coa confirmación de que o centro contará cos dous docentes que solicitou a maiores por mor dos desdobres de aulas polo coronavirus.
A Xunta incorpora agora ao protocolo para o curso escolar que as máscaras de protección teñen que "cumprir as normas UNE correspondentes"
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, detallou a modificación da instrución do 31 de agosto, realizada despois do acordo entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Educación, que modificaba o ′Protocolo de Adaptación ao contexto da COVID‐19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020‐2021′ asinado polas consellerías de Educación e Sanidade o pasado 22 de xullo. Desta maneira, segundo o titular de Sanidade, vaise incluír ″a recomendación de que as máscaras cumpran as normas UNE correspondentes″, a ″posibilidade da semipresencialidade nas ensinanzas de Bacharelato, FP e no ensino de réxime especial″ e a ″autorización da redución da distancia de seguridade física menor de 1,5 metros coa instalación simultánea de mamparas″.
"Galicia será das comunidades autónomas con mellor ratio alumno profesor", indicou Román Rodríguez, após matizar que aínda non ten datos deste curso para realizar dita comparación. O titular de Educación indicou que os cambios nas instrucións para o curso vixente teñen a intención de achegar "seguridade xurídica" e un "aval sanitario" ás medidas anunciadas por el mesmo nos seguintes días á toma de posesión. Con todo, Rodríguez volveu botar a culpa do "atraso" no inicio do curso na Secundaria e na FP ao Goberno español por unha reunión que tivo lugar o pasado 27 de agosto na que acordaron a distancia de 1,5 metros nas aulas.
Malestar nos institutos
As ″cartas abertas″ ás familias foron a vía de comunicación das direccións de colexios e institutos, que empregaron a páxina web dos centros para trasladar críticas directas ao protocolo da Xunta pola pandemia e á xestión da Consellería de Educación do inicio do curso. ″Levamos todo o verán traballando para que a volta ás aulas sexa o máis segura posible, pero non somos responsables do desaguisado continuo que as autoridades educativas teñen a ben realizar″, salienta o equipo directivo do IES Laxeiro de Lalín, que manifestaba a súa ″indignación″ previa ao último anuncio de contratacións de docentes por parte da Xunta.
″Os posibles atrasos no inicio do curso responden aos continuos cambios de criterio e indicacións dos nosos superiores, que provocaron que a 15 de setembro non teñamos adxudicación de profesorado, o que implica que os horarios de xullo quedan invalidados, e a organización das aulas feitas na primeira semana de setembro queda paralizada en espera da resolución definitiva″, manifesta a dirección do IES do Milladoiro, no concello de Ames, na carta ás familias do seu alumnado.
Máis "axustes" nos protocolos
Ademais, o conselleiro avanzou aparte das modificacións das instrucións publicadas por Educación o 31 de agosto, haberá "axustes" e "concrecións" no que se refire á atención á diversidade e ao servizo de comedor. Neste sentido, dixo que contarán cun "protocolo de atención á diversidade" porque "actúa sobre un alumnado moi sensible", que "tivo aportes de entorno a 30 entidades de persoas con necesidades educativas especiais". Mencionou unha opción de "escolaridade combinada" e os "grupos colaborativos" como mecanismos para que estes alumnos "poidan voltar ás aulas de forma máis segura", mais non detallou ningunha das medidas.
Tampouco entrou en detalles sobre a normativa para os comedores escolares que "desenvolve as liñas mestras" do texto existente. Román Rodríguez mencionou que haberá un "asento fixo" para os nenos e nenas, "agrupacións por aulas" e cambios na "localización" e nas "distancias". "Escoitouse a diferentes colectivos", indicou, "para dar seguridade xurídica" ás Anpas que organizan os comedores, que "alimentan a preto de 80.000 alumnos en toda Galicia". Anpas Galegas, e Foanpas en Vigo, agardaban ter no día de hoxe estas medidas para valoralas nas súas asembleas.