″Non queremos ser partícipes do descontrol″: dimite a dirección do IES da Terra Chá tras o terceiro cambio de protocolo da Xunta

Concentración por un ensino público presencial e con seguridade no IES da Terra Chá CC-BY-NC IES Terra Chá

O instituto de Castro de Ribeiras de Lea aínda non ten confirmado o número de docentes cos que pode contar este curso, polo que a dirección non sabe cando poderán comezar as clases

O equipo directivo do IES da Terra Chá presentou este luns a súa dimisión polo ″desgaste″ acumulado nos últimos dous meses polos cambios nas directrices da Consellería de Educación, que acaba de darlle a volta ao protocolo para Secundaria e FP e o fixo de tal maneira que a este centro de Castro de Ribeiras de Lea aínda non chegou ningunha comunicación oficial da Xunta a respecto da posibilidade de instalar mamparas e así deixar só un metro de distancia entre as mesas, nin da opción da ″semipresencialidade″ formulada polo conselleiro Román Rodríguez na reunión do Consello Escolar de Galicia na tarde previa ao inicio do curso escolar en Infantil e Primaria.

″Levamos todo o verán traballando a cañón para adaptarnos ao protocolo de xuño, cando xa o tiñamos rematado sácannos a finais de agosto o do 1,5 metros de distancia de seguridade e aí si que foi un desastre porque tiñamos que conseguir electricistas e carpinteiros, porque tivemos que desfacer aulas enteiras. E agora que xa estamos con isto case listo, decatámonos pola prensa de que vai cambiar e que hai que poñer mamparas e haberá semipresencialidade″, conta Noelia Blanco, directora dimitida do IES da Terra Chá.

Aula preparada no instituto da Terra Chá co protocolo actualizado a 31 de agosto pola Xunta CC-BY-NC IES Terra Chá

"Para dous profesores máis que pedimos, seguimos sen saber se nolos van mandar ou non, os horarios sen facer e as familias chamando desesperadas", di a directora do IES da Terra Chá

″Para dous profesores máis que pedimos, seguimos sen saber se nolos van mandar ou non, os horarios sen facer e as familias chamando desesperadas para saber cando comezan as clases, mentres nós non podemos dar resposta″, lamenta, pois xa non dan para máis. ″Non queremos ser partícipes do descontrol″, afirma, ″parece que non nos decatamos de nada porque ninguén nos comunica nada de forma oficial″.

A Inspección educativa non se comunicou co IES da Terra Chá para trasladarlle as últimas directrices da Consellería que si están a chegar a outros institutos como o IES Lucus Augusti, en Lugo, no IES Eduardo Pondal de Santiago ou no IES de Brión. ″O noso inspector xa sabe que a nós iso da semipresencialidade non nolo poden obrigar porque nos imos negar, o noso alumnado non pode volver estar como estiveron nas casas, aquí non hai boa conexión a internet″, apunta Blanco.

A directora do IES da Terra Chá incide en que non teñen ″liberdade″ de decisión. ″Todos os días chaman varias familias e dá a sensación de que nós non queremos facer. Na prensa saía que se ía dar liberdade aos centros para facer os desdobres. Pero se a min non me din os profesores dos que podo dispoñer, eu non podo facer desdobres. Son mentiras que se deixan caer e as familias, moitas veces, non son conscientes do que nós podemos facer e do que non está na nosa man″.

"Nesta zona hai moitísimas necesidades e carencias pola situación socioeconómica", explica Noelia Blanco, "necesitamos traballar con desdobres para asegurarnos de que non perdemos aos rapaces″.

Sen unha orde oficial, tampouco saben se terán que instalar mamparas nas aulas:″toleamos para mercar xeles, dispensadores, papeleiras... e agora nos metes coas mamparas? Aparte de que, co que levamos gastado, xa non as podemos mercar″. O que agardan desde hai semanas é unha confirmación por parte da Inspección educativa dos dous docentes que teñen solicitados para levar a cabo os desdobres de grupos de alumnos cos que xa traballaron en cursos anteriores.

″Nós levamos as clases cheas -detalla Noelia Blanco-, pero nesta zona hai moitísimas necesidades e carencias pola situación socioeconómica. E este ano, concretamente, entran en 1º da ESO moitos nenos e nenas con necesidades, que ademais veñen sen hábitos porque perderon uns cantos meses o curso pasado, polo que nós necesitamos traballar con eses desdobres para asegurarnos de que non perdemos a eses rapaces″.

Feira de Castro de Ribeiras de Lea durante o brote da COVID-19 no mes de agosto CC-BY-NC-SA Praza Pública

Para Blanco, se a Xunta lles nega a posibilidade de artellar eses grupos máis reducidos, cos que pretenden manter un seguimento máis individualizado do alumnado, o resultado vai ser o mesmo que se volven ao ensino a distancia. ″Necesitamos dous profesores máis, non nos dan as horas. Ou cancelamos clases ou non podemos tirar adiante. Temos que loitar por defender ao noso alumnado″, salienta.

″Aquí ofertamos todas as optativas a pesar de ser un centro rural e, en función das que teñan alumnado suficiente, impartimos esas materias. Unha vez que temos claro as que son, repartimos as horas por departamento e cada un deles nos vai devolvendo á dirección que docentes asignan a cada grupo. Isto xa non o podemos facer ao non saber o profesorado do que dispoñemos″, abunda.

A directiva deste instituto lucense non conta con que se vaia aceptar a súa dimisión, seguen a realizar a formación online obrigada como membros do ′equipo COVID′ do centro e agardan por unha resposta da Xunta. ″Agardabamos un mínimo esforzo por parte da Consellería″, di. Pois a día de hoxe non saben se poderán comezar as clases a semana que vén, o día 23, na nova data sinalada polo conselleiro Román Rodríguez, quen manifestou que os centros contaban cun ″tempo precioso″ para adaptarse ás normas nesta semana de atraso para a volta ás aulas na Secundaria.

Os de 6º de Primaria non irán a clase en Castro de Ribeiras de Lea

Por outra banda, nais e pais do alumnado de 6º de Educación Primaria do CEIP Veleiro Docampo concentráronse onte ás portas do colexio para reclamar que se desdobre a aula en dous grupos, como viña sucedendo neste centro de Castro de Ribeiras de Lea. "Estamos en folga", aseguran na información de El Progreso

As familias das 25 nenas e nenos do último curso de Primaria xa non os levaron a clase o pasado venres coa intención de reclamar que non se reúna nunha soa aula a todo o alumnado deste nivel. Unha solución á que chegaron no colexio este curso debido a que o docente que se ía encargar do segundo grupo de 6º de Primaria foi enviado como reforzo a Educación Infantil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.