A aplicación da Xunta para comunicar os positivos de COVID-19 das escolas é unha "pantalla en branco"

Captura de pantalla da aplicación EduCovid da Xunta CC-BY-NC Profesorado en Pé

A ferramenta que conecta os colexios coa Xunta para a xestión dos brotes de coronavirus segue sen funcionar co alumnado xa nas aulas

Docentes de toda Galicia están a constatar que a aplicación EduCovid, a vía designada pola Xunta de Galicia para a comunicación de contaxios de coronavirus no eido escolar tanto á Consellería de Educación como á de Sanidade, non está en funcionamento

Nenas e nenos de Infantil e Primaria comezaron as clases o pasado día 10 e desde a plataforma Profesorado en Pé afirman que a aplicación é unha ″pantalla en branco″ e que foi creada con data do 11 de setembro, mais fica ″baleira de datos″. Consultada sobre o que está a suceder coa ferramenta EduCovid, a Consellería de Educación aínda non achegou ningunha información.

A CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, presentou un escrito dirixido ao titular de Educación, Román Rodríguez, no que demandan a ″urxente″ posta en funcionamento da aplicación EduCovid. Suso Bermello, secretario nacional, explica que teñen recibido ″numerosas queixas″ dos centros porque aínda non está operativa e os casos de COVID-19 xa están a provocar peches de aulas en colexios de Infantil e Primaria. Nun inicio, contemplaron a posibilidade de que non estiveran cargados os datos de Secundaria, pois o inicio do curso neste nivel adiouse ata o día 23, mais no sindicato puideron comprobar que esta canle non está operativa para ningún centro de ensino galego.

CIG-Ensino reclamou a posta en marcha "urxente" da aplicación EduCovid nun escrito dirixido ao conselleiro de Educación

Desde a CIG-Ensino lembran que no mes de xuño xa remitiron un documento con propostas para este curso á Consellería de Educación, que incluía ″a necesidade dun auténtico plan de actuación que contase cunha avaliación de riscos de cada centro educativo″. Neste sentido, o escrito enviado este luns ao conselleiro expresa a preocupación ″desde a perspectiva da protección fronte á COVID-19″ alén das ratios, a ″falacia″ das aulas burbulla e os problemas que se poidan derivar dunha ″deficiente hixiene e desinfección pola negativa a incrementar o persoal de limpeza″, pois se centra no referido á ″dotación de material de protección axeitado″ e no ″correcto seguimento de contaxios″.

Ese seguimento de contaxios, segundo indica a última versión publicada do ′Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021′, faise a través dunha canle ″específica″, a aplicación EduCovid, creada para ″a comunicación dos datos básicos dos contactos estreitos dos posibles casos confirmados″. Neste momento, co alumnado de Infantil e Primaria xa nas aulas, non hai outra maneira de trasladar esta información á Xunta desde os centros. Segundo puido confirmar Praza.gal, os centros de saúde que teñen como referencia as escolas están a manifestar que non teñen capacidade para atender a este labor pola súa propia saturación.

EduCovid é a única vía que teñen as escolas para comunicar posibles contaxios de COVID-19 a Sanidade

″No caso de comunicación ao centro educativo por parte do seu persoal ou de algún alumno/a da aparición dun caso confirmado, o equipo COVID do centro incluirá a información dos contactos estreitos do afectado/a, entre eles o compañeiros/as de aula, os mais próximos dentro da mesma e o profesorado que imparte clase nese grupo, os compañeiros/as do transporte e do comedor escolar, os compañeiros do transporte particular no que viaxan varios nenos do centro, así como aquela información sobre outros contactos vinculados ao centro educativo que poidan achegar voluntariamente os pais, nais ou titores/as legais″, detalla o protocolo da Xunta.

Aula coa separación dun metro entre o alumnado no IES Lucus Augusti, en Lugo CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Membros do equipo COVID de varios centros confirman a Praza.gal que non hai maneira de iniciar o protocolo indicado pola Xunta sen esta aplicación. No caso de que se presenten síntomas nunha aula, só poden illar ao neno ou nena e chamar aos seus pais ou titores para que o recollan. Ademais, a app EduCovid tamén debera empregarse para que a información sobre casos positivos de coronavirus chegue ás escolas, tal e como figura nas instrucións do Goberno galego. ″No caso de que o Centro de Seguimento de Contactos (CSC) teña confirmación dun caso positivo dunha persoa que sexa alumno/a dun centro escolar ou dun profesional que traballe no mesmo, porque o protocolo indica que ″incluirá a información na aplicación informática onde solo resultará visible para o equipo COVID do centro escolar″.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.