Frea a tendencia á baixa de novos casos diarios da COVID-19 en Galicia e o Sergas suma outras cinco mortes

A peor evolución da epidemia rexístrase nos últimos días en Pontevedra (na imaxe, de arquivo, o hospital de Montecelo) CC-BY-SA Foto: Bene Riobó | Montaxe: Praza Pública

O que semellaba liña descendente tende agora a ser unha meseta con lixeiras subidas e baixadas. Tras cinco días de descenso no número de novos casos da COVID-19 detectados en Galicia -aínda que todas as xornadas por riba dos douscentos-, os datos divulgados pola Consellería de Sanidade este 15 de setembro, correspondentes ao luns 14, permiten calcular que foron detectados 253 novos positivos, o que volve situar a media semanal de casos diarios por riba dos 250.

Tres das cinco persoas falecidas vivían na residencia DomusVi de Outeiro de Rei

É a tendencia que trazan as cifras dunha xornada na que o Servizo Galego de Saúde confirma cinco falecementos máis ligados á pandemia do coronavirus, todos eles de persoas de idade avanzada e tres, residentes do centro DomusVi de Outeiro de Rei: tres mulleres de 80, 87 e 99 anos. As outras dúas persoas falecidas foron unha muller que permanecía ingresada no hospital lucense Polusa, de 88 anos, e un paciente hospitalizado no CHUAC da Coruña, de 86 anos. 

O número de novos casos diarios detectados aumenta e faino, ademais, no día con menos probas PCR procesadas en Galicia nunha semana. Foron 3.007 novas probas, segundo as cifras do Sergas (o total chega a 401.119), polo que a positividade -equivalencia entre novos casos e probas feitas- ascende ata o 8%, case dous puntos máis que o día previo e tres por riba do 5% fixado pola Organización Mundial da Saúde como limiar para dar por controlada a epidemia nun territorio. A pasada semana, Galicia estivo dous días por baixo dese límite. [Seis meses de pandemia do coronavirus en Galicia, en seis gráficos]

Diferenza entre a variación de "activos" e casos novos

Estas cifras son resultado dunha xornada na que o indicador de referencia para a Xunta, o dos "positivos activos", volve aumentar tras tres días seguidos á baixa por primeira vez dende xuño. Pasa de 4.264 a 4.301 (+37), o cal sucede porque os 253 casos novos son máis que a suma das 211 "curacións" que a Xunta incorpora ao seu cómputo (para un total de 15.651) e os cinco falecementos. 

A variación dos casos activos depende das cifras de altas e falecementos

Como adoito, cómpre ter en conta que os casos "activos" son unha foto fixa de cada xornada e que o seu incremento ou descenso debe ser observado xunto á cifra de casos novos para obter unha imaxe máis precisa da evolución da pandemia. Máis aínda tendo en conta que a Xunta continúa sen publicar unha serie pública e aberta dos seus datos, malia dispoñer dela. [Autos xudiciais revelan datos do coronavirus por concellos que a Xunta se nega a publicar]

Así, por exemplo, dende a fin do estado de alarma e ata finais de xullo foron frecuentes os días en que diminuían os "positivos activos" mentres se seguían rexistrando casos novos. Co definitivo inicio da segunda vaga, ambos valores incrementáronse e, dende finais de agosto, mentres os novos casos diarios continúan roldando os 250 por xornada, a tendencia dos "positivos activos" foi á baixa porque comezaron a computarse abondosas altas de persoas contaxiadas durante o mes de agosto que superaron a infección.

Outro máximo na hospitalización da segunda vaga

Outro indicador que aumenta, aínda que en menor medida que en días anteriores, é o das persoas que precisan hospitalización a causa da COVID-19. Agora son 250 -un incremento dun único paciente, o cal non quere dicir que houbese só unha nova hospitalización, porque esta cifra tamén depende das altas e a Xunta non ofrece máis datos ao respecto- e delas, 30 (+2) están na UCI, mentres que 220 (-1) permanecen en unidades de hospitalización ordinaria.

229 residentes en centros de maiores e 26 persoas usuarias de centros de discapacidade están actualmente infectadas pola COVID-19

Mentres as cifras de hospitalización semellan tender a unha relativa estabilidade, o número de persoas illadas nos seus domicilios sitúase en 4.051, case corenta máis. Nelas inclúense 229 residentes en centros de maiores, aos que se engaden outras 26 usuarias de residencias para persoas con discapacidade. No que atinxe ao persoal das residencias, están infectadas un total de 101 membros do seu cadro de persoal; 89 de centros de maiores e 12, de centros para persoas con discapacidade.

Segundo indica o Sergas, a residencia con máis casos da COVID-19 entre os seus residentes segue sendo a de DomusVi en Outeiro de Rei (138), seguida da da Fundación San Rosendo no Incio (58). Os brotes en ambos centros contribuíron a incrementar moi notablemente a mortalidade ligada á pandemia na provincia de Lugo nas últimas semanas.

Medio cento de novos casos na área de Pontevedra

O Concello de Pontevedra informa que 283 dos 552 casos activos da área sanitaria corresponden co seu termo municipal

Por áreas sanitarias, único nivel territorial alén dos datos xerais para Galicia sobre o que informa a Xunta, a peor evolución continúa sendo a da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, á que corresponden medio cento dos novos casos da xornada. Nesta área sanitaria os "positivos activos" son 49 máis, o que unido a seis altas -segundo puido confirmar Pontevedra Viva- eleva os novos casos a 55 e consolida a Pontevedra-O Salnés como a cuarta área en total de casos activos (552) e a terceira en positivos activos por 100.000 habitantes (188), por riba da primeira vaga. 

Segundo revelou o Concello de Pontevedra a partir da información transmitida dende o CHOP, no termo municipal pontevedrés os casos activos son este 15 de setembro 283. A Xunta non fai pública esta información.

Outras áreas con incrementos significativos de "positivos activos" son Santiago (+33) e Ourense (+22) e en menor medida, Vigo (+12). Mentres, as áreas máis afectadas en semanas anteriores, A Coruña e Lugo, seguen amosando o efecto das altas con ata 51 activos menos na área da Coruña-Cee, que rexistra apenas unha vintena de casos novos -segundo as cifras ofrecidas dende o CHUAC- e 23 menos na área lucense. Ferrol, pola súa banda, diminúe en catro.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.