As altas de contaxiados en agosto amortecen as cifras da COVID-19 do Sergas, cuns 240 casos novos diarios

Os cribados contribúen a elevar o número de probas PCR realizadas (na imaxe, divulgada polo CHUO, persoal participante nun deles en Ourense) CC-BY-SA Foto: CHUO | Montaxe: Praza Pública

Durante o pasado mes de agosto, Galicia entrou definitivamente na segunda vaga da pandemia do coronavirus, semellante a algunhas semanas da primeira en canto a novos casos diarios, pero diferente en moitos outros factores, como as cifras de hospitalización e mortalidade. Dende o 1 de agosto e ata este 13 de setembro, o Servizo Galego de Saúde rexistrou ata 8.013 casos novos (dato do que a Xunta non informa directamente, pero que é posible calcular) e 62 falecementos ligados á COVID-19.

Isto implica que as mortes supuxeron, neste mes e medio, arredor do 0,7% dos positivos que o Sergas deu detectado. Daquela, unha ampla maioría das persoas contaxiadas acaban computando como "curadas" -con independencia de que padezan secuelas da doenza ou teñan que continuar en seguimento médico- cando pasan a dar negativo se se cumpren os requisitos dos protocolos médicos. Este efecto está a reflectirse xa nas cifras que o Sergas si difunde. [Autos xudiciais revelan datos do coronavirus por concellos que a Xunta se nega a publicar]

Os novos casos son 236, pero as ata 289 altas sumadas provocan o terceiro descenso da semana no número de "positivos activos", cifra de referencia para a Xunta

Este domingo, 13 de setembro, os "positivos activos" por coronavirus dos que dá conta o Sergas nos seus comunicados son 4.281. Son 55 menos que o día previo para finalizar unha semana na que esta cifra descendeu en tres xornadas despois de que non o fixese ningún día dende finais de xullo. A razón non é que non fose detectado caso novo ningún, senón que Sanidade xa comeza a computar altas de persoas contaxiadas durante o mes de agosto; este domingo son 289 -para un total de 15.222- e, dende o pasado luns, día 7, son 1.430. 

Ata 95 destas altas da última xornada son da área sanitaria da Coruña-Cee, a máis afectada en termos absolutos nesta segunda vaga, segundo confirman dende o CHUAC. Nos últimos tres días, esta área sanitaria considerou recuperadas a case 300 persoas que deran positivo.

A morte de dous pacientes ingresados no hospital de Verín eleva o total de falecementos ligados á pandemia na estatística oficial neste domingo a 681, aínda que Sanidade xa computa outros catro máis

Aínda que Sanidade segue sen explicitalo nos seus comunicados, estas cifras implican que na última xornada foron detectados 236 casos novos da COVID-19. A cifra é esta polo devandito número de altas e tamén porque se produciron dous falecementos máis, que elevan o total a 681 persoas. Segundo indicou o Sergas, os falecidos foron dous homes de 75 e 87 anos que estaban ingresados no hospital de Verín e ningún deles procedía dunha residencia de maiores, centros que acumulan algo máis do 44% dos falecementos ligados á pandemia ata agora en Galicia. [Seis meses de pandemia do coronavirus en Galicia, en seis gráficos]

Aínda fóra da estatística oficial (integraranse nela este luns) están outros catro falecementos dos que a Consellería de Sanidade deu conta pasado o mediodía deste domingo. Dous delas, falecidas no hospital de Lugo, son persoas que vivían en residencias: unha muller de 82 anos, procedente da residencia DomusVi de Outeiro, e un home de 77 que vivía na do Incio. Ademais, alén das residencias, faleceu unha paciente de 95 anos en Vigo e outra muller de 87 en Lugo, ambos no hospital.

As PCR seguen en máximos

Ao contrario que noutras semanas, as cifras divulgadas este domingo, correspondentes ao sábado día 12, non están afectadas por un descenso no número de probas PCR por mor da fin de semana. Na última xornada volveuse superar o limiar das cinco mil, cun total de 5.026 novas probas, segundo o Sergas, o que supón unha das maiores cifras nun só día dende o comezo da pandemia. En Galicia, segundo Sanidade, xa se realizaron 394.634 destes test. 

Estas cifras están impulsadas non só pola realización de probas a persoas con síntomas. Tamén polos "cribados preventivos" a colectivos profesionais determinados -como nos centros sociosanitarios- ou en puntos concretos da xeografía, caso do recentemente realizado no centro comercial Pontevella de Ourense.

Os casos novos equivalen a menos do 5% das probas PCR feitas por segundo día consecutivo

Este elevado número de PCR supón que os novos casos detectados na última xornada equivallan, por segundo día consecutivo, a menos do 5% do número de probas feitas. Os 243 novos positivos equivalen, concretamente, ao 4,8% das PCR procesadas. A Organización Mundial da Saúde sitúa nese 5% o limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio, se ben cómpre ter en conta que a ausencia dunha serie pública e de datos abertos do Sergas sobre a COVID-19 impide coñecer se todos os novos casos e probas son do mesmo día ou cantos dos positivos detectados o foron por test diferentes á PCR.

A hospitalización continúa á alza

As 247 persoas ingresadas supoñen un novo máximo nesta segunda vaga da pandemia en Galicia

Coa media semanal de novos casos diarios trazando unha liña lixeiramente descendente dende principios de setembro, a peor evolución -alén dos falecementos- segue a ser a das cifras de pacientes coa COVID-19 que precisan hospitalización. Aínda que seguen lonxe das dos pasados meses de marzo e abril, as 247 hospitalizacións que indica este domingo o Sergas supoñen un incremento de 13 nun só día e un novo máximo nesta segunda vaga. Isto significa, daquela, que houbo polo menos trece novas hospitalizacións, que poden ser máis en función das altas. A Xunta non especifica este dato.

Vinte e seis desas 247 persoas ingresadas permanecen en coidados intensivos e as restantes 221, en unidades hospitalarias convencionais. Mentres, 4.034 persoas están en seguimento nos seus lugares de residencia, entre elas, 248 persoas que viven en centros de maiores (máis da metade, ata 142, no centro DomusVi de Outeiro de Rei, onde tamén están infectados 22 membros do cadro de persoal, e outros 60 da residencia da Fundación San Rosendo do Incio, que ten 36 traballadoras afectadas). 

Os "activos" soben, sobre todo, na área de Pontevedra

Por áreas sanitarias, único nivel territorial alén do galego do que informa a Xunta -que segue sen publicar datos por concellos ou comarcas- en termos de "positivos activos", a que segue a rexistrar un maior incremento é a de Pontevedra-O Salnés, a que estivo máis recentemente afectada por rebrotes de consideración e, por tanto, na que aínda non é posible rexistrar cifras elevadas de altas, como xa está a suceder en áreas como a da Coruña-Cee ou a de Lugo.

Así, os "positivos activos" sobren na área pontevedresa ata os 470 (+31). Mentres, Ferrol e Vigo experimentan leves incrementos (+4 e +2, respectivamente) e as restantes descenden, especialmente A Coruña-Cee e Lugo (-36 e -34) por mor das altas de positivos do pasado agosto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.