Galicia rexistra 6 positivos de coronavirus por cada 100 PCR, por riba do 5% fixado pola OMS para o control da enfermidade

Recollida de mostra para unha proba PCR nun centro sanitario CC-BY-SA Foto: Goberno de Navarra | Montaxe: Praza Pública

A Organización Mundial da Saúde estableceu un nivel de referencia para valorar o control que un determinado territorio ten da pandemia de coronavirus, atendendo á porcentaxe de probas de detección da enfermidade que teñen un resultado positivo. Ese nivel é o 5%, é dicir, que se máis de 5 de cada 100 PCR son positivas, o coronavirus mantén unha incidencia alta, cunha situación de transmisión que debe levar a preocupación.

O Estado español leva varias semanas por riba dese nivel do 5%, que Galicia tamén comezou a superar

O Estado español leva varias semanas por riba dese nivel do 5%, que Galicia tamén comezou a superar. Cómpre ter en conta que este nivel é apenas unha referencia, útil unicamente para aqueles países que realizan un número suficiente de probas e que levan a acabo un axeitado rastrexo de contaxios e gromos. Hai que sinalar, igualmente, que na medida en que as probas sexan máis aleatorias (cribados masivos) a porcentaxe de positivos será menor e que se os tests se centran en persoas con máis probabilidade de ter sido contaxiadas, a taxa aumentará.

A relación entre novos positivos e probas realizadas mantívose por debaixo do 1% entre o 15 de maio e o 15 de xullo, comezando a medrar nese momento e disparándose ao chegar agosto

Na actualidade Galicia detecta xa máis de 6 positivos de coronavirus por cada 100 probas PCR que realiza, unha porcentaxe que se multiplicou por catro no que levamos de mes de agosto, sobre todo na primeira quincena do mes, medrando posteriormente máis de vagar.

A relación entre novos positivos e probas realizadas mantívose por debaixo do 1% entre o 15 de maio e o 15 de xullo, comezando a medrar nese momento e disparándose ao chegar agosto. Os datos poden obterse a partir das cifras de novos diagnósticos achegados polo Ministerio de Sanidade -que inclúen a súa data exacta de detección ou inicio de síntomas- e dos datos de PCR realizadas, que a diario ofrecen o Sergas e mais o Ministerio.

O dato galego, a pesar de ter empeorado notablemente nas últimas semanas, é inferior á media do Estado, que rolda o 8%

Cómpre ter en conta que de acordo coa nova estratexia de vixilancia do pasado 11 de maio, as cifras de novos diagnósticos inclúen tamén positivos detectados mediante tests de anticorpos sempre que nese momento a persoa presente unha sintomatoloxía compatible coa enfermidade. Polo tanto, a taxa de positividade real será un chisco inferior ao 6,29%. Por esa mesma razón, non é posible comparar neste indicador a situación actual coa que se vivía antes do 11 de maio, pero si os meses posteriores e ata o momento actual.

O dato galego, a pesar de ter empeorado notablemente nas últimas semanas, é inferior á media do Estado, que rolda o 8% e sobre todo á situación que se vive en territorios coma a Comunidade de Madrid, cunha taxa superior ao 14%.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou este mércores ante os medios de comunicación que o aumento de casos que se está a vivir en Galicia estaba relacionado co incremento de probas PCR realizadas diariamente no noso país. Isto é certo só en parte.

Nas últimas dúas semanas Galicia incrementou notablemente o número de PCR que realiza cada día, pero tamén aumentou moito a relación entre probas realizadas e positivos

É certo que nas últimas dúas semanas Galicia incrementou notablemente o número de PCR que realiza cada día. O pasado 1 de agosto a media de probas realizadas nos sete días anteriores era de 1.424 e hoxe supera as 3.830, case tres veces máis. Este incremento explica só en parte que no que levamos de mes o número de positivos detectados en Galicia se multiplicase por 10 dende os niveis moi reducidos que se daban a finais de xullo.

É certo, igualmente, que o número de probas que se levan a cabo na actualidade é moi superior ao que existía a comezos de abril, cando a cifra de casos de coronavirus diagnosticados era semellante ao actual. Por este e outros motivos a situación actual non pode ser comparada á que se vivía naquel momento.

Porén, a relación entre casos positivos e probas realizadas experimentou tamén unha suba moi importante nas últimas semanas, o que demostra o empeoramento da situación, independentemente do aumento de probas realizadas. 

Por outra banda, este xoves o Ministerio de Sanidade actualizou a súa serie de casos, que amosa o incremento que se está a producir en Galicia no que levamos de mes. Cómpre ter en conta, coma sempre que se empregan os datos desta serie, que os indicadores da última semana adoitan estar infravalorados, pendentes da inclusión dun gran número de casos recentes.

As gráficas cos datos de cada provincia amosan a escalada que está a ter lugar na Coruña, pero tamén o incremento de casos na provincia de Lugo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.