Galicia supera o cento de persoas hospitalizadas pola covid-19, con 240 novos diagnósticos de coronavirus

©

No último día houbo 240 novos diagnósticos de covid-19, o que eleva a 1.647 o número de positivos na última semana, unha media de 235 casos diarios

A incidencia do coronavirus segue medrando en Galicia, aínda que os datos deste xoves, que vén de comunicar a Consellería de Sanidade, amosan unha ralentización do ritmo de crecemento do número de casos. No último día houbo que engadir 240 novos diagnósticos de covid-19, o que eleva a 1.647 o número de positivos na última semana, unha media de 235 casos diarios.

Trátase dunha cifra semellante á que se rexistraba ao remate da primeira semana de abril, pero coa importante diferenza de que na actualidade a capacidade de detección de novos casos é moi superior e de que se está a realizar unha cifra de probas PCR moi superior á existía en abril. De feito, o número de tests levados a cabo este mércores (máis de 4.500) duplica os datos das primeiras semanas de abril

En todo caso, o número de casos detectados na última semana multiplica por 6 a cifra da primeira semana de agosto e multiplica por 9,4 o dato da derradeira semana de xullo. E resulta preocupante cando estamos ás portas do mes de setembro, no que se reactivarán numerosas actividades despois do descanso vacacional, comezando pola polémica volta ás aulas nos centros de ensino.

Na súa intervención deste mércores, o presidente da Xunta fixo unha apelación a que se puxese o foco non tanto no número de casos de coronavirus detectados, senón na cantidade de casos de determinada gravidade, aqueles que requiren de atención hospitalaria. O feito de que se estean a detectar antes os contaxios, mesmo en fase asintomática, e de que a media de idade das persoas infectadas sexa moito menor que a que se daba na primavera está a facer que a porcentaxe de persoan con coronavirus que se atopan ingresadas nos hospitais galegos sexa moito máis reducida que en abril.

Mesmo así, o número de persoas hospitalizadas non deixa de medrar, e é esperable que nas vindeiras semanas continúe a actual tendencia, na medida en que vaian evolucionando os casos dos pacientes cuxa infección está a ser detectada nestes momentos. 

O número de persoas con covid-19 ingresadas nos hospitais galegos sitúase este xoves nas 107, dez máis que onte. Delas, 12 están na UCI (unha menos que o mércores) e 95 noutras unidades de hospitalización (11 máis)

O número de persoas con covid-19 ingresadas nos hospitais galegos sitúase este xoves nas 107, dez máis que onte. Delas, 12 están na UCI (unha menos que o mércores) e 95 noutras unidades de hospitalización (11 máis). Trátase da primeira vez dende o pasado 19 de maio que se supera o cento de persoas ingresadas. 

Con todo, as cifras están moi lonxe dos datos que se chegaron a acadar a comezos do mes de abril, con máis de mil persoas ingresadas (1.107 foi o dato máximo). De igual xeito, cómpre salientar que a situación hospitalaria en Galicia é moito máis favorable que a que se vive noutros territorios do Estado. Algo máis do 1,5% das camas hospitalarias galegas están ocupadas por persoas con coronavirus, mentres que a media española rolda o 6% e en Madrid supera amplamente o 10%.

Este xoves hai que sumar dous novos falecementos pola enfermidade, acadando esta cifra as 635 persoas, 16 dende o inicio desta segunda fase da pandemia

O número de 'casos activos', o indicador manexado polo Sergas, chega este xoves a 2.939, o valor máis elevado dende o 4 de maio. Aumenta tamén o número de 'altas' ou 'curacións', que se sitúa nas 12.183, 97 máis que o día anterior.

Por desgraza, este xoves hai que sumar igualmente dous novos falecementos pola enfermidade, acadando esta cifra as 635 persoas, 16 dende o inicio desta segunda fase da pandemia, unha vez rematado o estado de alarma.

Este mércores leváronse a cabo 4.541 probas PCR e a media diaria rolda as 3.800 probas, o valor máis elevado dende o inicio da pandemia. Ao redor do 5% destes tests ten na actualidade un resultado positivo

Este mércores leváronse a cabo 4.541 probas PCR e a media diaria rolda as 3.800 probas, o valor máis elevado dende o inicio da pandemia. Ao redor do 5% destes tests ten na actualidade un resultado positivo, un valor moi inferior ao que se rexistra en rexións como Madrid, pero que se atopa no límite do que a OMS considera indicativo do inicio da existencia de transmisión comunitaria.

A situación nas residencias non experimenta grandes variacións, con dous novos casos, na Coruña e Arnoia e o falecemento dunha muller usuaria dun centro na cidade da Coruña. O número de casos activos é de 99 entre as persoas usuarias e de 39 entre o persoal, sendo a residencia do Incio, con 113 positivos o espazo con máis contaxios.

Por áreas sanitarias, dos 2.939 casos activos 1.304 son da área da Coruña (29 máis que o mércores), 482 da de Lugo (+41), 266 da de Ourense (+23), 179 da de Pontevedra (+14), 185 da área de Vigo (+8), 404 da de Santiago (+22), e 119 da de Ferrol (+4).

A Coruña segue a rexistrar as maiores cifras totais e a maior incidencia da enfermidade, que se sitúa nos 237 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Lugo é a segunda área cunha maior incidencia (151)

Este xoves as cifras aumentan en todas as áreas, pero sobre todo en Lugo e A Coruña, seguidas de Ourense e Santiago. Un día máis Pontevedra, Ferrol e sobre todo Vigo son as áreas que presentan un menor número de novos diagnósticos.

A Coruña segue a rexistrar as maiores cifras totais e a maior incidencia da enfermidade, que se sitúa nos 237 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Lugo é a segunda área cunha maior incidencia (151), tamén por riba da media galega (110). Santiago é a terceira área con máis casos por habitante (90), un dato semellante ao de Ourense (87). Ferrol (67), Pontevedra (61) e Vigo (32) amosan comportamentos máis favorables.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.