Os casos detectados este martes sitúanse ao nivel da primeira semana de abril. Iso si, co dobre de probas PCR realizadas
A incidencia do coronavirus segue medrando en Galicia neste mes de agosto. As primeiras semanas despois do remate do estado de alarma, o pasado 15 de xuño, rexistraron un número moi reducido de infeccións. Nos últimos días dese mes de xuño xurdiu xa o gromo da Mariña, que obrigou a confinar aquela comarca ás portas das eleccións ao Parlamento galego. Porén, o auténtico empeoramento da situación epidemiolóxica chegou xa no mes de agosto.
No último parte do Sergas, publicado este mércores pola mañá e correspondente á situación existente ata este martes pola noite, rexístrase o maior incremento de novos diagnósticos de coronavirus dende o pasado 5 de abril. Son un total de 285 novos casos, unha cifra que non se acadaba dende aquela primeira semana de abril que xunto coa derradeira semana de marzo marcou os maiores niveis de detección de positivos de covid-19.
Nos últimos sete días Galicia sumou 1.612 novos diagnósticos de coronavirus, unha media de máis de 230 cada día
Cómpre ter en conta que a situación actual non pode ser comparada coa que se vivía naqueles momentos, dada a maior capacidade de detección de casos e gromos existente hoxe. De feito, este martes leváronse a cabo en Galicia 4.604 probas PCR (a cifra máis elevada dende o inicio da pandemia), mentres que na primeira semana de abril realizábanse ao redor de dous mil tests diarios.
Con todo, os datos feitos públicos pola Consellaría de Sanidade este mércores amosan o mantemento da tendencia crecente iniciada hai xa varias semanas, despois de que as cifras de novos casos de luns e martes fosen máis reducidas, debido ao efecto da fin de semana. Nos últimos sete días Galicia sumou 1.612 novos diagnósticos de coronavirus, unha media de máis de 230 cada día.
No que levamos de mes de agosto Galicia multiplicou por dez a incidencia da enfermidade, unha tendencia crecente que se mantén. Iso si, o noso país segue por debaixo da media do Estado, con territorios como Aragón e Madrid que se atopan nunha situación moi preocupante.
Este mércores, na notificación diaria do Ministerio de Sanidade, Galicia suma 326 positivos novos, 171 deles diagnosticados no último día
Este mércores, na notificación diaria do Ministerio de Sanidade, Galicia suma 326 positivos novos, 171 deles diagnosticados no último día. A incidencia en 14 días (medida en casos por cada 100.000 habitantes) sitúase en 95,68 casos, moi por debaixo da media española (176,22) e convértese na sexta máis baixa entre todas as comunidades autónomas. A incidencia nos últimos 7 días (57,71 casos) é tamén a sexta máis reducida de todo o Estado.
98 casos necesitaron hospitalización en Galicia na última semana, 9 deles na UCI e na actualidade a porcentaxe de camas hospitalarias ocupadas con persoas infectadas pola covid-19 é do 1,5%, fronte a unha media do 5,5% no Estado.
Este martes acadouse un novo máximo de probas PCR, con 4.604 test nunha soa xornada
O empeoramento da situación epidemiolóxica obrigou ao Goberno galego a incrementar o número de probas PCR realizadas cada día. Despois de que este luns e martes os datos de tests diarios fosen máis reducidos, por mor do efecto da fin de semana, o parte deste mércores volver amosar un importante aumento, cun total de 4.604 probas, a cifra máis elevada dende o inicio da pandemia, superando as 4.331 PCR realizadas o pasado venres.
Na última semana a media de probas PCR levadas a cabo cada día situouse nas 3.685, fronte ás 2.502 da semana anterior ou as 1.539 probas diarias da primeira semana de agosto. Galicia atópase aínda por debaixo da media estatal en probas PCR por habitante, especialmente nas tres primeiras semanas de agosto, nas que se convertiu nunha das comunidades que fixo menos tests.
O número de 'casos activos' de coronavirus, o indicador que habitualmente manexa a Consellaría de Sanidade, medra este mércores ata os 2.798, a cifra máis elevada dende o pasado 6 de maio. Aumenta dende os 2.580 do día anterior. Aumenta tamén o número de 'altas' ou 'curacións', que pasan de 12.019 a 12.086. Pola contra, o número total de falecementos mantense nos 633 que xa se notificaran o día anterior.
Hai un total de 97 pacientes hospitalizados con covid-19, 11 máis que o martes
Dos 2.798 casos activos comunicados polo Sergas a maior parte (2.701) atópase nos seus domicilios, con sintomatoloxía leve. Hai un total de 97 pacientes hospitalizados con covid-19, 11 máis que o martes. O número de persoas ingresadas nas UCI mantense en 13, pero nos resto de unidades a cifra de persoas infectadas medra de 73 a 84.
Trátase das cifras máis altas de hospitalizacións en Galicia dende o pasado 16 de maio. Con todo, os números son aínda baixos en comparación cos de territorios como Madrid ou Aragón ou en relación cos datos acadados o pasado mes de abril. A porcentaxe de camas ocupadas con pacientes de covid-19 está en Galicia por debaixo do 1,5%.
O Sergas informa este mércores dun empeoramento da situación na residencia da terceira idade do Incio, que engade 31 infeccións máis entre os usuarios e usuarias
O Sergas informa este mércores dun empeoramento da situación na residencia da terceira idade do Incio, que engade 31 infeccións máis entre os usuarios e usuarias. En total, este centro suma xa 87 casos entre os e as residentes e 26 entre as traballadoras e traballadores.
No conxunto das residencias do país o número de casos activos chega xa a 137 (99 de usuarios e 38 entre o persoal), con casos en Culleredo, Lalín, Monforte, Paradela, Xove, Coles, Santiago, Ourense e Touro.
A Coruña, Lugo e Santiago seguen a ser as tres áreas nas que están a aumentar máis os casos
Por áreas sanitarias, dos 2.798 casos activos, 1.275 son da área da Coruña (+35 dende o día anterior), 441 da de Lugo (+89), 243 da de Ourense (+19), 165 da de Pontevedra (+18), 177 da área de Vigo (+7), 382 da de Santiago (+53), e 115 da de Ferrol (3 menos que o día anterior).
A Coruña, Lugo e Santiago seguen a ser as tres áreas nas que están a aumentar máis os casos. Na área con centro na cidade herculina as novas altas están a ser compensadas cun gran número de curacións e, de feito, no que levamos de semana foron Lugo e Santiago as zonas nas que máis se incrementaron os casos activos.
En cambio, as restantes áreas sanitarias galegas presentan cifras menores. No que atinxe á incidencia da enfermidade (número de casos por cada 100.000 habitantes), a Coruña segue a ser o territorio con peores datos, cun total de 231 casos nos últimos 14 días. Lugo sitúase en 138 casos e Santiago en 86. Ourense aparece despois con 80, e xa a moitrra distancia están Ferrol (64), Pontevedra (56) e Vigo (31).