Santiago e Lugo pasan a ser as áreas nas que máis aumentan os casos de coronavirus nos últimos días

©

O coronavirus segue sumando casos positivos en Galicia. Este martes, segundo o último parte da Consellaría de Sanidade, o número de novos diagnósticos da enfermidade medra en 191, cunha media na última semana de 211 novos casos diarios. Trátase da primeira vez dende o pasado mércores que a cifra baixa de 200 novos positivos diarios. 

No conxunto de Galicia os novos positivos seguen a crecer a un ritmo de 200 diagnósticos ao día

Con todo, cómpre ter en conta que nas estatísticas que se dan a coñecer os martes (correspondentes ao luns) entra en xogo aínda o efecto da fin de semana. Nas últimas tres semanas os datos difundidos os martes foron notablemente inferiores aos do resto dos días, comezando a medrar de novo os mércores.

A cifra de 'casos activos', o indicador empregado polo Sergas, medra ata os 2.580, fronte aos 2.452 que se rexistraban este luns. Aumenta tamén a estatística de 'curacións', que ten en conta os pacientes que deixan de dar positivo nas probas da covid-19. A cifra total acada as 12.019 persoas, fronte ás 11.956 do día anterior.

Afortunadamente, neste martes a cifra de falecementos non experimenta variacións, ficando nas 633 mortes que xa se contabilizaban o luns.

13 persoas con covid-19 atópanse nas UCI dos hospitais galegos (un máis que onte) e 73 noutras unidades de hospitalización (3 máis que o luns)

Dos 2.580 casos activos, a maior parte (2.494) atópanse nos seus domicilios, sen síntomas ou con síntomas leves. O número de pacientes hospitalizados con covid-19 pasa de 82 a 86. 13 atópanse nas UCI dos hospitais galegos (un máis que onte) e 73 noutras unidades de hospitalización (3 máis que o luns). Estas 86 hospitalizacións supoñen o valor máis alto dende o pasado 20 de maio.

A área sanitaria da Coruña segue acumulando a maioría destes casos hospitalizados, cun total de 56 pacientes ingresados e ingresadas, un máis que este luns, 5 deles na UCI.

Na última xornada leváronse a cabo 2.315 probas PCR, a cifra máis baixa dende o pasado martes

O Sergas informa de que na última xornada se levaron a cabo 2.315 probas PCR, a cifra máis baixa dende o pasado martes. O número total de PCR realizadas dende o inicio da pandemia en Galicia medra ata as 308.162.

Nas residencias da terceira idade e de atención á discapacidade hai un total de 68 casos activos entre as persoas usuarias e 19 entre o persoal. A residencia do Incio (58 casos de persoas usuarias e 8 de traballadoras e traballadores) segue a ser a situación que máis preocupa, pero hai tamén positivos en Lalín, Culleredo, Monforte, Paradela, Xove, Coles, Ourense, A Coruña e Santiago.

 

Datos do Ministerio de Sanidade

Os datos comunicados polo Ministerio de Sanidade este martes pola tarde amosan un panorama semellante, con 165 positivos máis en Galicia con respecto á notificación anterior. Iso si, a situación hospitalaria descrita polo informe do Ministerio é máis negativa que a informada polo Sergas, cun total de 105 pacientes hospitalizados, con 30 ingresos nas últimas 24 horas. Con todo, a porcentaxe de camas ocupadas (1,3%) segue estando moi por debaixo da media do Estado.

Por áreas sanitarias, dos 2.580 casos activos, 1.240 son da área da Coruña (catro máis que este luns), 352 da de Lugo (+31), 224 da de Ourense (+12), 147 da de Pontevedra (+6), 170 da área de Vigo (+15), 329 da de Santiago (+55), e 118 da de Ferrol (+5).

A área de Santiago suma 55 casos activos máis este martes e pasou de 130 a 329 persoas infectadas dende o venres

O número de casos activos na área da Coruña-Cee semella ter freado a súa escalada, con aumentos máis pequenos nos últimos días. Con todo, cómpre ter en conta que nesta área se están a producir tamén un gran número de 'altas' ou 'curacións' nas últimas xornadas, ao ter pasado máis de dúas semanas dende o momento en que foron diagnosticados como positivos.

Mentres, son Lugo e sobre todo Santiago as áreas que máis están a medrar esta semana. A área de Santiago suma 55 casos activos máis este martes e pasou de 130 a 329 persoas infectadas dende o venres. A área de Lugo, con importantes gromos en Monforte ou O Incio, duplicou os seus datos dende o pasado xoves, cando rexistraba 170 casos, sumando 352 na actualidade.

A incidencia acumulada (número de casos por cada 100.000 habitantes) nos últimos 14 días segue a ser máis elevada na Coruña (225 casos). Supera amplamente os indicadores de Lugo (110 casos), Santiago e Ourense (73 casos en cada área). Ferrol (66), Pontevedra (50) e Vigo (30) presentan indicadores moito máis favorables.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.