Un de cada dez positivos de coronavirus en Galicia desde o comezo da pandemia rexistrouse nos últimos oito días

Recreación do coronavirus e gráfico da evolución dos casos en Galicia CC-BY-SA Imaxe ao microscopio: NIAID | Montaxe: Praza Pública

As cifras oficiais da Xunta están a piques de chegar aos 15.000 casos desde marzo, dos que case 12.000 están “curados” e 2.300 activos, con preto de 1.500 novos casos só desde o domingo 16 de agosto

Xa son 14.827 as persoas que en Galicia deron positivo nalgunha proba de coronavirus nalgún momento desde o comezo da pandemia, segundo as cifras oficiais da Xunta divulgadas este domingo. E segundo esas mesmas cifras, 1.487, un de cada dez do total, foron rexistrados nos últimos oito días, entre o domingo 16 e domingo 23 de agosto.

Con cifras de novos casos rexistrados cada día que non baixan do cento desde o 12 de agosto, cos catro últimos días seguidos superando mesmo os douscentos, e con altas diarias en rangos moi inferiores, os 2.306 casos activos que a Xunta comunicou este domingo supoñen á súa vez o 15,5% dos preto de 15.000 casos totais rexistrados en Galicia desde marzo. 

Parte do total de casos comunicados pola Xunta apareceron directamente como "curados" sen ser nunca antes "positivos activos"

Porén, parte dos 15.000 casos que segundo a Xunta tiveron o coronavirus ata agora foron detectados posteriormente, en probas de anticorpos, sen que as persoas afectadas chegasen a saber que tiveran o virus, uns 2.000 casos a mediados de xuño, cando o total de casos acumulados en Galicia era duns 11.400.

Eses casos foron sumados pola Xunta ao seu cómputo de “curacións” sen que en ningún momento anterior pasasen polo de “casos activos”, cifra de referencia para o Goberno galego, que non divulga ningunha serie completa da evolución da pandemia, o que impide facer axustes posteriores e recolocar os casos no tempo como fai periódicamente o ministerio. Unha eiva que segue tendo no 29 de abril o seu efecto máis visible, cando aquel día a Xunta sumou dun golpe máis de 3.500 curacións, pero que se podería estar producindo cada día.

Segundo o ministerio, ata agora son máis de 3.100 as persoas que precisaron hospitalización en Galicia desde o comezo da pandemia, 87 na última semana

Por outra banda, segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade divulgados na tarde do venres, ata agora precisaron hospitalización en Galicia 3.113 casos (87 deles na última semana), polo que unha quinta parte das persoas contaxiadas tiveron que pasar polo hospital. 

Na actualidade, segundo os datos divulgados pola Xunta este domingo, hai 10 persoas na UCI en toda Galicia, moi lonxe das 177 que chegou a haber o 4 de abril. En hospitalización convencional en planta hai outras 66 persoas, tamén moi lonxe das 939 do 6 de abril.

Ademais, os 632 falecidos acumulados ata este domingo supoñen que morreron o 4,2% dos 14.000 casos rexistrados en Galicia ata o momento, a gran maioría durante a primeira vaga da pandemia: sen unha soa morte en todo o mes de xullo, cos falecementos estabilizados daquela en 619 casos, son unha ducia os decesos producidos desde que o 8 deste mes de agosto volveron rexistrarse defuncións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.