A Xunta ve “controlados” os brotes de COVID-19 no Incio, Monforte, Melide e Ourense mentres na Coruña “parece que se estabiliza”

Comparecencia de Feijóo este mércores para dar conta das últimas decisións da Xunta en materia sanitaria CC-BY-SA Xunta de Galicia

Sanidade “recomenda” no DOG aos concellos da área coruñesa que controlen mellor as actividades dos seus centros sociais e das “agrupacións de persoas” durante as noites

Tras unha nova reunión do comité de expertos que asesora á Xunta fronte ao coronavirus, o Goberno galego vén de decidir prorrogar novamente as restricións xa ditadas para a área sanitaria da Coruña, onde se vén rexistrando o principal brote da enfermidade desde a fin do confinamento, mentres que opta por non establecer restricións territoriais específicas para ningún dos outros brotes do país, que considera “controlados”

Así queda reflectido nunha edición extraordinaria do Diario Oficial de Galicia publicada a última hora deste mércores que como únicas medidas adicionais “recomenda” aos concellos da área da Coruña (Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, ademais da capital) “que extremen as medidas de protección nas actividades socioculturais de tipo grupal que se realizan nos centros cívicos e sociais dependentes deles” e “que adopten medidas que coadxuven no control das agrupacións de persoas en lugares públicos e das actividades prohibidas relacionadas co consumo de bebidas alcohólicas” especialmente durante as noites.

“O aumento de cadeas de transmisión independentes e a porcentaxe de casos orfos da comarca indican que persiste un certo grao de transmisión comunitaria, aínda que de intensidade descoñecida”, di Sanidade a respecto da área da Coruña

O propio presidente Feijóo asegurou este mércores, tras unha nova reunión do comité de expertos que asesora á Xunta, que a situación da Coruña e a súa área é a que máis “preocupa”, pero matizando que malia que “a situación segue a ser complicada, parece que se estabiliza nos últimos días”. Sobre o resto de brotes, dos que citou expresamente os rexistrados no Incio, Ourense, Monforte e Melide, Feijóo dixo que tamén preocupan “pero entendemos que están controlados, focalizados”.

Porén, unhas horas despois o DOG matizaba a respecto da Coruña que “ben que as taxas de incidencia acumulada nesta semana baixaron respecto á semana anterior, a taxa diaria presenta flutuacións que indican a falta de estabilidade das cifras e, polo tanto, non pode falarse dunha redución sostida das taxas”. Sanidade sinala que “a positividade é especialmente alta en grupos de idade de 20 a 35 anos que poden ser os máis afectados, pero tamén, con máis alta probabilidade, asintomáticos e, polo tanto, máis difíciles de diagnosticar e de illar para romper as cadeas de transmisión”. “O aumento de cadeas de transmisión independentes e a porcentaxe de casos orfos da comarca indican que persiste un certo grao de transmisión comunitaria, aínda que de intensidade descoñecida”, engade.

Feijóo admite que hai que “transparentar” o “número de contaxios”, cifra que a Xunta non divulga, pero pide poñer o foco nas cifras de hospitalización e coidados intensivos, moito máis baixas que na primeira vaga da pandemia

Este mércores, ao anunciar a prórroga das restricións que faría oficial o DOG a última hora, o presidente da Xunta pediu mirar máis alá dos brotes e “que se poña o foco non só no número de contaxios, que tamén, hai que transparentalos”, dixo, senón tamén no número de persoas hospitalizadas ou que requiren coidados intensivos, 84 e 13 respectivamente este martes, cifras moi inferiores ás da primeira vaga da pandemia e que supoñen unha ocupación de só o 1,3% das camas hospitalarias.

Feijóo lembrou que o incremento de novos casos positivos, o “número de contaxios”, débese en parte a que agora se están a facer tres veces máis probas PCR que na primeira vaga da pandemia. [Galicia, entre as comunidades que fai menos probas PCR e nas que máis aumenta a incidencia do coronavirus]. Ademais, malia admitir que “hai que transparentalos”, a Xunta segue sen informar dos novos casos que se rexistran cada día nin a nivel de Galicia nin nos dous grandes brotes rexistrados ata agora na Mariña e na Coruña. O Goberno galego segue empregando como principal concepto o de “casos activos” nun momento dado, e só realizando cálculos se pode obter unha cifra de aumento diario de novos casos rexistrados que non se poden situar no tempo se foron de xornadas anteriores porque a Xunta segue sen facer pública unha serie histórica dos seus datos da pandemia como fan o resto de comunidades e o Ministerio de Sanidade.

Reunión por videoconferencia de Feijóo cos expertos que asesoran á Xunta fronte ao coronavirus CC-BY-SA Xunta de Galicia

A campaña da gripe comezará o 12 de outubro con 865.000 doses, 200.000 máis que a anterior, para chegar ao 75% da poboación maior de 65 anos

O presidente tamén avanzou este mércores que a próxima campaña de vacinación fronte a gripe vai ser reforzada, comezará o 12 de outubro e desenvolverase durante doce semanas ata finais de ano. Segundo Feijóo, a Xunta prevé distribuír 865.000 doses, unhas 200.000 máis que o pasado ano, coas que acadar unha cobertura do 75% da poboación maior de 65 anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.