Galicia é unha das catro autonomías sen a app Radar COVID e a Xunta "traballa" para tela activa este mes

A implantación de Radar COVID chegaba, ata este 13 de setembro, a trece das dezasete comunidades autónomas CC-BY-SA Foto: Neonbrand/Unsplash | Montaxe: Praza Pública

O pasado 20 de agosto, a aplicación Radar COVID comezou a estar operativa, aínda en probas, nas comunidades autónomas de Andalucía, Cantabria, Aragón e Extremadura. Principiaba así a primeira experiencia de uso real da aplicación para o rastrexo de contactos de persoas contaxiadas co coronavirus desenvolvida polo Goberno de España, despois dos simulacros desenvolvidos na illa canaria de La Gomera.

Tras finalizar as probas, dende o 20 de agosto comezou a integración das comunidades autónomas na aplicación de rastrexo de contaxios, á que a Xunta solicitou adherirse nese mesmo mes

Dende aqueles días, a aplicación xa estivo dispoñible para a súa descarga nas dúas principais plataformas de aplicacións móbiles, Google Play -para o sistema operativo Android- e App Store -para terminais móbiles de Apple-. Non obstante, para que as persoas usuarias reciban posibles avisos por estaren preto de persoas que deron positivo en COVID-19, o sistema sanitario de cada comunidade autónoma debe estar conectado á aplicación, algo que xa sucedeu en 13 das 17 autonomías. Faltan catro e unha delas é Galicia, se ben a Xunta asegura que está a "traballar" para completar a integración este mes de setembro.

A última en completar a integración en Radar COVID ata o momento foi a Comunitat Valenciana, o pasado 8 de setembro, polo que a Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial indica que a aplicación "chega xa a case o 70% da poboación" do Estado. Antes, o 4 de setembro, incorporáranse La Rioja e Asturias; dous días antes fixérano Madrid e Navarra; o 26 de agosto sumárase Murcia, o día 24 dese mes integráronse as Illes Balears, e o 21 de agosto adheríranse Canarias e Castilla y León.

Praza.gal púxose en contacto a pasada semana coa Consellería de Sanidade para coñecer as previsións da integración galega na aplicación e a posibilidade de que existira algunha demora, toda vez que o Goberno galego asegurou o 18 de agosto que viña de solicitar formalmente ao Estado sumarse a Radar COVID. A resposta oficial do departamento agora dirixido por Julio García Comesaña a este diario foi que "Galicia, ao igual que o resto das comunidades, está traballando conxuntamente co Goberno en poñer en marcha a aplicación no seu territorio".

Sanidade asegura que "está traballando conxuntamente" co Goberno de España para "poñer en marcha a aplicación" e di pretender que "isto sexa posible" arredor do 15 de setembro

A respecto da data, a Consellería de Sanidade aseguraba o pasado 9 de setembro que "a data sobre a que actualmente se traballa para que isto sexa posible é a do 15 de setembro. O pasado 18 de agosto, aínda con Jesús Vázquez Almuíña á fronte, o daquela conselleiro considerou, sen achegar datas concretas, que era "preciso atopar novas vías de control e seguimento para combater a expansión do virus" e consideraba que Radar COVID "contribuirá a mellorar a detección precoz de novos casos". 

Daquela, a Xunta aseguraba tamén que Radar COVID ía ser compatible con Passcovid, outra aplicación impulsada polo Goberno galego. Cando menos de momento, a Xunta tampouco especifica se a integración do Sergas na aplicación estatal implicará que estea dispoñible tamén en galego, toda vez que ata agora só está dispoñible en castelán, catalán e inglés, o cal xa suscitou protestas de colectivos como A Mesa pola Normalización Lingüística e, no Congreso, do deputado do BNG, Néstor Rego.

O funcionamento da aplicación

Unha vez que o Servizo Galego de Saúde estea integrado en Radar COVID, a cidadanía galega xa poderá integrarse no seu sistema de rastrexo. A aplicación utiliza a conexión Bluetooth do móbil e, "cando dous terminais estiveron próximos durante 15 minutos ou máis" -o radio é duns dous metros-, "ambos gardan o identificador anónimo emitido polo outro", explican dende a Secretaría de Dixitalización do Goberno central.

A aplicación utiliza a conexión Bluetooth do teléfono e detecta os terminais máis próximos, almacenando esa información de maneira anónima durante dúas semanas

No momento en que unha persoa usuaria da aplicación sexa sometida a un test do coronavirus -por exemplo, unha PCR- e o seu resultado sexa positivo, recibirá un código que introduciría "voluntariamente" na aplicación. Nese momento, todos os teléfonos móbiles que estivesen preto do seu nos 14 días previos, recibirán unha notificación indicando que estiveron preto de alguén que deu positivo -sen indicar de quen se trata en concreto-, un "aviso sobre posible contaxio" con "instrucións sobre como proceder".

Pantallas da aplicación Radar COVID CC-BY-SA Praza.gal

O Executivo estatal vén reiterando que "ao non solicitarse datos de ningún tipo, é imposible identificar ou localizar de forma ningunha" á persoa usuaria do móbil. "Ningún usuario pode ser identificado ou localizado, porque non hai dato ningún rexistrado e todo o proceso se desenvolve no teléfono, sen saír cara a ningún servidor", mantén

O Sergas rastrexa entre 2 e 6 contactos por caso

O dato galego de contactos identificados por cada positivo é mellor que a media estatal, pero a porcentaxe de novos casos con orixe descoñecida do contaxio é a peor do Estado

Un dos obxectivos de aplicacións como Radar COVID e as súas homólogas noutros Estados -en Portugal, por exemplo, está dispoñible a súa aplicación Stayaway COVID dende finais de agosto- é aumentar o número de contactos rastrexados por cada persoa que dá positivo. Segundo os datos máis recentes do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII), que elabora os seus informes a partir dos datos fornecidos polas comunidades autónomas, Galicia rastrexa entre 2 e 6 contactos por novo caso de coronavirus e o máis habitual é rastrexar uns 4.

O dato galego está un chisco por riba do global do Estado. O dato agregado de todas as comunidades autónomas indica que a media estatal é de entre 1 e 5 contactos identificados por caso, con arredor de 3 contactos como valor máis habitual. Galicia destaca, pero nun sentido completamente contrario, no rastrexo cara a atrás, isto é, en indagar na orixe do contaxio de cada persoa que dá positivo. Esta nova edición do informe do ISCIII, que chega ao 9 de setembro, segue a indicar que o Sergas non identifica a orixe de arredor do 80% dos novos casos de coronavirus, a maior porcentaxe de todas as comunidades autónomas, tal e como figuraba xa en informes anteriores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.