Máis do 25% do profesorado fixo do sistema educativo público en Galicia xubilarase nos vindeiros anos. Arredor dun cuarto do total do do funcionariado de carreira conta agora con entre 55 e 65 anos, polo que todos os docentes incluídos nesta franxa de idade reúnen os requisitos para se xubilar ou prexubilar desde agora e nos próximos cinco anos.
Arredor dun cuarto do total do do funcionariado de carreira conta agora con entre 55 e 65 anos
Son algunhas das conclusións do informe elaborado por CIG-Ensino a raíz dos datos que a Consellería de Educación facilitou ao sindicato na Mesa Sectorial na que se presentou a oferta de emprego público de 2021. As cifras indican que son case 8.000 (en concreto, 7.753) os e as docentes entre os 55 e 65 anos dun total duns 28.000, ao que se engadirían uns 5.700 interinos.
Tal e como explica a CIG, a práctica totalidade do profesorado entre 55 e 65 anos pertence ao réxime de clases pasivas, que adoita xubilarse anticipadamente nos últimos anos de docencia. De feito, calcúlase que "a inmensa maioría" dos profesionais de entre 60 e 65 anos (case 2.700) xubilarase en breve, seguindo a tendencia no sector de non agardar aos 65 polo retiro.
Así, segundo a central, e de non se producir cambios no modelo de xubilación anticipada, "é de prever que unha parte maioritaria dos docentes entre 55 e 59 anos (case 6.000) xubilaranse así que reúnan os requisitos", algo que sucedería nos próximos anos.
Daquela, nos vindeiros cinco anos será moi maioritario profesorado entre esas franxas de idade que optará pola xubilación, "provocando taxas de reposición que poden ser superiores a 5.000 docentes, con cifras anuais por tanto similares ás destes últimos anos", destaca CIG-Ensino.
A "inmensa maioría" dos docentes de entre 60 e 65 anos xubilarase en breve; os de entre 55 e 60 "así qeu reúnan os requisitos", lembra a CIG
Ademais, son o corpo de mestres e as especialidades con máis docentes de Secundaria as que ocupan os primeros postos en canto ao número de profesorado entre 55 e 65 anos: 1.316 de Primaria, 488 de Infantil ou 249 de Inglés.
En Secundaria, sobresaen os docentes de Inglés, con 500 nesa franxa de idade, os 447 de Lingua Galega, os 355 de Xeografía e Historia ou os 343 de Matemáticas. No entanto, segundo destaca a CIG, "as porcentaxes de docentes próximos á xubilación esténdese case por igual nas especialidades que imparten docencia na ESO e o Bacharelato e, en cifras relativas, tendo en conta o total de docentes en activo e cada especialidade, son moi elevadas en case todas".
Como derivada, o sindicato nacionalista destaca que o feito de que as porcentaxes de persoal interino que superou os procesos selectivos, especialmente no colectivo dos que xa levan anos a traballar, sexan reducidas implicaba un maior risco na exclusión do profesorado con experiencia e que "son vítimas dun marco legal que despreza a súa situación e de anos de recortes e de ausencia de ofertas de emprego".
"O alto índice de xubilacións está a servir como protección fronte ao que podería ter sido unha desfeita para o profesorado interino"
"O alto índice de xubilacións, cunha rotación importante nas listas de interinidades, está a servir en moitas especialidades como protección fronte ao que podería ter sido unha desfeita para o profesorado interino", di a CIG, que denuncia que se manteña o veto a incorporar unha cláusula de estabilidade para salvagardar centos de postos de profesorado interino en risco, "partindo de cuestións como contar cunha determinada antigüidade nas listas ou unha idade avanzada", principios nos que se fundamentou a negativa do sindicato a subscribir o acordo sindical sobre persoal interino.
"Negámonos a sermos cómplices de procesos masivos nos que non se dá solución ao abuso na contratación temporal. O fracaso do pacto sindical (CCOO-UGT e CSIF) co PP, mantido na actualidade polo goberno Sánchez, debe ser superado", conclúe a CIG.