No seu intento por esquivar a reforma educativa do Goberno central, o PP de Pablo Casado anunciou hai un mes que as comunidades autónomas gobernadas polo seu partido, en solitario ou en coalición con Ciudadanos, adiantarían o prazo de matrícula para o vindeiro curso para sortear as "limitacións" que a nova lei de educación suporía na elección de centro, segundo vén denunciando a formación conservadora.
A Xunta amagara coa posibilidade de seguir as directrices do seu líder a nivel estatal, Pablo Casado, que advertira do "adianto do prazo de inscrición, de modo que o curso 2021-22 non se vexa afectado polas limitacións na liberdade de elección das familias" e para que puidesen "seguir elixindo libremente o centro educativo dos seus fillos, público ou concertado, alí onde goberne o PP".
Educación adianta a reserva de praza en centros adscritos para os alumnos que cambian de etapa, que podería realizarse desde este luns e ata o 8 de febreiro
Neste mesmo luns, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade abriu o prazo de reserva de praza para o alumnado que finaliza etapa escolar e ten que pedila nun centro adscrito. Esta solicitude poderá realizarse desde xa e até o 8 de febreiro, case un mes antes que no ano pasado, cando o prazo abrangueu do 1 ao 15 de febreiro.
A Xunta faino ao abeiro da orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 22 de decembro, que permite á Xunta --como xa fixeron outros goberno autonómicos do PP-- esquivar a aplicación da denominada lei Celaá, aprobada de maneira definitiva no Senado o pasado 23 de decembro.
Segundo aclara a Consellería nun comunicado, "adiantar o procedemento permite as familias dispor de máis tempo para formalizar as reservas de praza, e aos centros educativos ter máis marxe para completar os trámites administrativos". Unha explicación semellante á que dá o texto polo que se modifica a orde de 2013 que regula a admisión e que introduce un ambio no artigo referido aos centros adscritos.
"Adiantar o procedemento permite as familias máis tempo para freservar praza, e aos centros ter máis marxe para completar os trámites", di a Xunta
"A ampliación do devandito prazo permitirá tamén unha correcta adecuación da posterior oferta de prazas naqueles casos en que a fase de reserva non permita a escolarización de todo o alumnado solicitante", exlica a orde.
A medida afecta o alumnado que remata etapa nun centro escolar e ten que pedila nun centro adscrito, aquel que lle corresponde ao cambiar de etapa. Non é aplicable a aquel que entra por primeira vez no sistema --maioritariamente os de 4º de Infantil-- nin ao que quere cambiar de colexio ou instituto (sempre que haxa prazas dispoñibles), que terá o prazo xeral do 1 ao 20 de marzo.