A reforma educativa promovida polo Goberno de España superou a pasada semana o seu primeiro gran trámite parlamentario no Congreso con 177 votos a prol de sete partidos, cinco votos menos que a LOMCE do Goberno de Mariano Rajoy, pero co soporte de seis partidos máis. Pouco despois da súa aprobación, o presidente da Xunta reiterou as súas críticas ao texto, que agora segue trámite no Senado, centradas en aspectos como os atrancos para aumentar as subvencións ao ensino concertado.
"Todo o que poidamos preservar da nova lei que non sexa de obrigado cumprimento, ímolo facer", asegura o presidente da Xunta, que exemplifica a súa promesa con medidas que si entran dentro do permitido pola nova norma
Tamén foi albo das críticas de Alberto Núñez Feijóo o feito de que a LOMLOE non adxective como "vehicular" á lingua castelá, definición introducida na lexislación educativa en 2013 mediante unha emenda do extinguido partido UPyD. Naquela mesma intervención, ao tempo, o xefe do Executivo asegurara que a nova lei "di que o castelán non é lingua vehicular", o cal non se corresponde coa realidade, pero tamén admitira o certo é que non limita a presenza do castelán nas aulas.
Naquelas primeiras críticas, o titular da Xunta xa bosquexara unha argumentación na que continuou afondando nos días seguintes e que cadra coas directrices da dirección estatal do PP. A posibilidade de incumprir parcialmente a lei educativa. "Todo o que poidamos preservar da nova lei que non sexa de obrigado cumprimento, ímolo facer", asegurou nunha entrevista con La Voz de Galicia sen dar máis detalles sobre os artigos que non considera de obrigado cumprimento.
Para apoiar a súa afirmación, Feijóo asegurou que "non imos dar o título de Bacharelato a unha persoa que suspende" -a norma só contempla esa posibilidade como excepción, co suspenso dunha única materia, previo acordo do claustro docente e sempre que o estudante acadase "os obxectivos e competencias vinculados" ao título-. Tamén que "non imos ter un único idioma vehicular na ensinanza" ou que "imos manter o ensino concertado". Estes aspectos, non obstante, non contradín unha lei que segundo Feijóo "non é educativa".
A dirección central do PP asegura que o seu partido vai "tratar de bloquear" a LOMLOE nas comunidades autónomas e Feijóo compromete a "máis mínima aplicación posible" mentres o voceiro dos populares galegos no Parlamento di "non ter dúbidas" sobre o cumprimento da lei, tamén en Galicia
Este amago de incumprimento cadra coas directrices da cúpula central do PP que encabeza Pablo Casado. Así, a través do seu vicesecretario de política territorial, Antonio González Tero, os conservadores afirmaban nos últimos días que o PP vai "tratar de bloquear" o que consideran "aspectos máis lesivos" da nova lei utilizando os gobernos que dirixen nas comunidades autónomas, caso de Galicia. "Hai capacidade para que, no desenvolvemento, vía decretos e ordes das consellerías, se poida parar parte das accións máis lesivas desta lei", afirmou entre críticas á prioridade do financiamento da escola pública por diante da apertura de novos centros concertados.
Esa eventual insubmisión, non obstante, é arrefriada dende as propias filas do PP galego polo seu voceiro parlamentario. Mentres Feijóo promete a "máis mínima aplicación posible" da reforma educativa, Pedro Puy respondía á prensa no Parlamento que "non ten dúbidas" sobre o cumprimento da nova lei en Galicia en canto estea en vigor, o mesmo que "noutras comunidades" porque "estamos nun Estado de Dereito". Iso non é contraditorio, matizou, coas posturas críticas a respecto da norma que, ao seu xuízo, supón "unha oportunidade perdida".