A consideración do castelán como "lingua vehicular" na lei educativa foi unha novidade introducida en 2013 pola formación de Rosa Díez, que no país foise diluíndo entre Ciudadanos e Vox
En 2013 unha emenda de UPyD á lei educativa impulsada polo daquela ministro popular José Ignacio Wert fixo que por primeira vez o castelán fose considerado con rango de lei “lingua vehicular” en todo o Estado, algo que non contemplaba inicialmente o PP. Sete anos despois o apoio maioritario do Congreso a que esa expresión desapareza da nova lei -a educación debe garantir competencias en todas as linguas cooficiais en cada territorio- provocou a reacción irada dos grupos da dereita. En plena polémica, o mércores o Boletín Oficial del Estado (BOE) publicaba a decisión dun xulgado do Mercantil de Madrid de declarar a “extinción” de UPyD por considerar inviable que poida chegar a pagar as débedas que acumula.
UPyD só logrou un concelleiro en toda a súa historia en Galicia, en Baiona en 2011, que fora do PP e que o ano pasado se presentou sen éxito por Vox
UPyD hoxe, ademais de débedas, ten como máxima representante nun cargo público á eurodeputada Maite Pagazaurtundúa, integrada no grupo de Ciudadanos. Pero a herdanza do partido que fundou en 2007 e liderou ata 2015 a ex-socialista Rosa Díez aínda ecoa en Galicia.
Non o fai porque siga a ter presenza nas institucións, xa que a diferenza da maior parte do resto do Estado, no que chegou a ter cinco escanos no Congreso nas xerais de 2011 con preto do 5% dos votos, aquí o seu único cargo público foi, aquel mesmo ano, un concelleiro en Baiona que antes o fora do PP e que o pasado ano se presentou sen éxito por Vox. A principal herdanza segue a ser a novamente resucitada mentira da imposición do galego do ensino, emblema de UPyD no seu desembarco en Galicia que levou tras de si un PP temeroso de perder votos por ese flanco.
"Somos a alternativa á política mediocre e aos extremistas”, di a formación tras a resolución xudicial, que asegura que recorrerá
A imaxe de Rosa Díez na manifestación convocada pola asociación 'Galicia Bilingüe' o 8 de febreiro de 2009 en Santiago tornou en símbolo do conflito lingüístico que iniciara o PP de Feijóo dous anos antes, que para aquela altura xa escapara do seu control e que agora o propio presidente vén de resucitar.
Neste tempo UPyD tamén foi noticia en Galicia por propostas como rexeitar o tren de alta velocidade ou querer reducir os orzamentos do Estado. Caída finalmente en desgraza electoral en todo o Estado, ex-membros da formación en Galicia acabaron buscando refuxio en Ciudadanos ou, como fixo o concelleiro de Baiona, en Vox.
Agora, tras coñecerse a declaración de “extinción” de UPyD, a formación asegurou que recorrerá a resolución xudicial xa que “o noso proxecto non só é viable economicamente, tamén é necesario; somos a alternativa á política mediocre e aos extremistas”.
