Se houbese que situar no calendario o momento en que o PP galego decidiu dar un volantazo e romper os consensos en materia lingüística dos que o propio partido participara, é posible que a memoria política do país -caso de existir- sinalase o 8 de febreiro de 2009. Ás portas da campaña electoral galega, boa parte da cúpula da formación manifestouse en Santiago xunto a unha asociación denominada Galicia Bilingüe, que baseaba a súa existencia na denuncia dunha suposta persecución da lingua castelá en Galicia en xeral e nas aulas en particular. Naquela manifestación non participara Alberto Núñez Feijóo, que elixira esa fin de semana para celebrar actos de precampaña en Sudamérica.
A importancia da manifestación xunto a Galicia Bilingüe na viraxe política do PP sobre o galego é incuestionable, pero posiblemente sexa máis preciso situar a ruptura dous anos antes, cando os populares romperon a baralla
A importancia daquela manifestación na viraxe política do PP a respecto do galego é incuestionable. Pero, é posible que sexa máis preciso situar a ruptura uns dous anos antes. Foi daquela cando a dirección que Feijóo comandaba como substituto de Manuel Fraga dende apenas un ano antes rompeu a baralla. A ese punto vén de regresar Feijóo nas últimas semanas, cando menos no que a xestos e actitudes se refire, a conta da reforma educativa que impulsa o Goberno de España.
O ano 2007 comezara en Galicia con aires de consenso lingüístico que acabaran fraguando nunha fotografía chamada a formar parte da historia da autonomía. A daquela conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón (PSdeG), comparecera ante a prensa xunto a deputados dos grupos que sustentaban o Goberno (socialistas e BNG), pero tamén cunha delegación do PP para anunciar que, tras cinco intensas reunións de negociación, lograran tecer un acordo sobre un novo decreto de uso do galego no ensino. Ou, o que é o mesmo, para aplicar nas aulas as directrices do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) que en 2004, aínda con Fraga no poder, recibira o aval unánime do Parlamento.
O PXNL era claro sobre o camiño a tomar na escola: un "mínimo" do 50% da docencia en galego ou utilizar a lingua propia para materias tecnolóxicas e científicas como as matemáticas, entre outras medidas. Tal era a identificación co Plan, que o novo decreto o transcribiu literalmente nun anexo, ademais de agregar que todo o alumnado debería rematar cada etapa educativa con "competencia nas dúas linguas oficiais".
O PP pasou a sinalar como "modelo monolingüístico" e "imposición" o que poucos meses antes aseguraba ver como un exercicio de "galeguismo" e "equilibrio entre as dúas linguas oficiais"
Pero cando o texto final do decreto chegou ao Diario Oficial de Galicia, en xuño daquel 2007, o PP xa se borrara da foto. Onde a súa representante nas negociacións, a ex-conselleira Manuela López Besteiro, vía "galeguismo", "equilibrio entre as dúas linguas oficiais", "respecto á lingua materna" ou un "instrumento esencial" disque pasou a observar unha ruptura do "consenso" que abría a porta a "un modelo monolingüístico" en galego. A dirección do PPdeG, que viña de propiciar tamén o que sería bloqueo definitivo da reforma do Estatuto de Autonomía, deixou de sintonizar coas teses da "autoidentificación" do fraguismo para facelo coa cruzada territorial que, naquela altura, encabezaba o partido liderado por Mariano Rajoy contra a política do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero para Euskadi e Catalunya.
Nos argumentarios do PP en Galicia fixéronse habituais termos como "imposición lingüística" e nas promesas do daquela candidato Feijóo, medidas como "una casilla en el sobre de matrícula" para que, aseguraba, pais e nais decidisen en "liberdade" o idioma do ensino. Esa retórica continou ata ben entrado 2010, coa aprobación do aínda vixente 'decreto do plurilingüismo".
Nos anos seguintes, a Xunta do PP non mudou a práctica pero si o ton, ao que contribuíu tamén o perfil, máis conciliador, de quen é secretario xeral de Política Lingüística dende 2012, Valentín García. Neste tempo mesmo se produciron imaxes impensables nos anos de maior axitación da teoría da imposición, como a participación do PP en 2015 nunha Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega, iniciativa promovida dende A Mesa pola Normalización Lingüística coa que, non obstante, sectores do PPdeG e a súa contorna se mostraron abertamente incómodos.
A nova lei educativa recolle a garantía do dereito a "recibir ensinanzas en castelán e nas demais linguas cooficiais", pero a ausencia da expresión "lingua vehicular" serve á dirección do PP para regresar á teoría da "imposición"
Pero ese perfil baixo a respecto do idioma semella que vén de rematar a conta da reforma educativa que impulsa o Goberno de España, un novo texto legal que, en materia lingüística, traerá consigo unha redacción moi semellante á vixente ata a aprobación en 2013 da coñecida como Lei Wert. Tras o proceso de emendas, a nova lei indica que "as Administracións educativas garantirán o dereito dos alumnos e as alumnas a recibir ensinanzas en castelán e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios, de conformidade coa Constitución Española, os Estatutos de Autonomía e a normativa aplicable".
O feito de que nesa redacción non figure unha referencia ao castelán como "lingua vehicular" do ensino serviulle á dirección estatal do PP de Pablo Casado para advertir dunha persecución deste idioma nas aulas e á cúpula galega do partido, para regresar á teoría da “imposición”. Primeiro fíxoo a través do seu secretario xeral, Miguel Tellado, e despois por medio do propio presidente nas redes sociais e en varias intervencións nos medios de comunicación. Máis dunha década despois, Feijóo volve teorizar a respecto dunha suposta desaparición do castelán no ensino, controversia sobre a que o PP se dispón, ademais, a propiciar un debate e votación no Parlamento de Galicia encamiñada a cargar contra o Executivo que preside Pedro Sánchez.
Mentres os datos sociolingüísticos apuntan a que, se algo fixo o galego no ensino nestes anos foi retroceder, a xestualidade do partido no Goberno volve ao vieiro da alerta de importación sobre o castelán oprimido nas aulas polo resto de idiomas oficiais
Tras as diatribas lingüísticas posteriores á ruptura do consenso en 2007 e unha vez acadado o poder, o propio Goberno do PP acabara admitindo oficialmente que, mentres axitaban o espantallo dunha suposta primacía do galego fronte ao castelán nas aulas, realmente detectaran todo o contrario. Agora, mentres os datos sociolingüísticos máis recentes apuntan a que, se algo fixo neste tempo a posición relativa do galego na escola foi retroceder, a xestualidade do partido no Goberno volve ao vieiro da alerta de importación sobre o castelán oprimido como consecuencia da presenza no ensino do resto de idiomas oficiais.
Segundo Feijóo, resulta especialmente reprochable que o Goberno de España impulse a reforma lingüística “en plena pandemia”. Para a oposición galega, o censurable é que, precisamente en plena pandemia, o presidente da Xunta resucite a teoría da imposición e o faga ademais, consideran, non só faltando á verdade como hai máis dunha década, senón tamén coa fin de gañar protagonismo no taboleiro político estatal en clave de oposición ao Goberno do PSOE e Unidas Podemos.