Feijóo desdeña as críticas do Consello de Europa á política lingüística da Xunta: "Alá eles"

Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta © Xunta

"Se hai informes que están en contra de que os galegos poidamos estudar, coñecer e falar en inglés, alá os autores do informe". Con esta frase despachou Feijóo este pasado xoves as preguntas sobre o resultado do informe que avalía o cumprimento en Galicia da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias e que volve cargar contra a política lingüística da Xunta por, entre outras cousas, "limitar a docencia" na lingua propia

"Se hai informes que están en contra de que poidamos estudar, coñecer e falar en inglés, alá os autores do informe", di Feijóo ante as críticas do Consello de Europa

España ratificou en 2001, practicamente por unanimidade, a devandita Carta, o que a tornou en dereito a aplicar internamente no Estado. O Consello de Europa, cada certo tempo, avalía o cumprimento deste tratado a través do seu comité de expertos, que emite un informe logo de visitar o país e reunirse con administracións, entidades ou expertos. 

O informe deste ano volve ser moi crítico do Goberno galego, sobre todo no que ten ver coa presenza do galego no ensino. Xa o fora en 2012 e 2016 sobre a aplicación dunha carta que é un tratado internacional que o Estado decidiu ratificar co seu máis alto nivel de compromisos. Galicia segue sen cumprilos e a situación "non mellora", como lembran os expertos, pero Feijóo desdeña o estudo. "Si me sorprende que se critique o plurilingüismo", dixo tras o Consello da Xunta, logo de advertir de que lle correspondía máis a análise á "Dirección Xeral de Política Lingüística". Referíase, en realidade, á Secretaría Xeral. 

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

O Consello de Europa pide que axiña se "eliminen as limitacións á docencia en galego en todos os niveis de educación precisos", que se "modifique a Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir o uso da lingua nos procedementos xudiciais de pedilo unha das partes" e que se "empregue o galego na Administración do Estado en Galicia". 

Entre outras demandas e a advertencia dos compromisos incumpridas, unha vez máis, o Consello de Europa advirte de que "o nivel de aplicación da Carta non mellorou significativamente" desde o último seguimento. E lembra que "os últimos estudos sociolingüísticos mostran unha diminución do número de falantes" e que "a transmisión do idioma de pais a fillos xa non está garantida, polo que a proporción de alumnos con coñecemento do galego como lingua de uso cotiá tamén caeu de xeito significativo". Evidencias, todas estas, certificadas polas últimas estatísticas sobre o uso do idioma publicadas polo IGE

Feijóo presume de que "nunca houbo en Galicia tantos galegos que soubésemos escribir e ler galego"

"É ben coñecido que nunca houbo en Galicia tantos galegos que soubésemos escribir e ler galego como agora. E iso non o di ese informe, dio o INE", retrucou Feijóo. Segundo os últimos datos estatísticos, un cuarto da infancia en Galicia non sabe falar galego e case a metade usa só o castelán. Ademais, hai unha quebra da transmisión interxeracional cada vez máis asentada e o castelán segue a ser a lingua dominante no ensino.

Feijóo, no entanto, obvia calquera problema ou négao directamente. "Falar e escribir o galego, o castelán e o inglés. Imos insistir nas políticas de plurilingüismo, absolutamente procedentes na Europa actual", di o presidente da Xunta en referencia ao Decreto 79/2010, en vigor desde hai unha década. 

Precisamente, e sobre ese decreto, o Consello de Europa alerta de que esa normativa, "pola que se definen as materias que se impartirán en galego, exclúe a posibilidade dunha educación en galego como lingua vehicular, co castelán como materia". Xa que logo, advirte da imposibilidade legal de acceder ao sistema de inmersión lingüística que si é posible noutros territorios do Estado. 

O Consello de Europa alerta da "presenza insuficiente" do galego no ensino e da imposibilidade de que este idioma sexa a lingua vehicular na educación

Feijóo recoñece que en Galicia "temos un problema na fala, pola vontade de falar galego na mocidade". "É un problema que temos detectado e diagnosticado. Que podemos facer? Facer campañas de promoción do uso do galego, porque na campaña clarísima da educación, que é garantir o coñecemento, estamos nos mellores datos dende que hai rexistros", asegurou. 

"Por suposto que non imos renunciar a que a xente coñeza o galego, sería ridículo", engadiu Feijóo. O informe dos expertos, pola contra, advirte de que "a presenza do galego é insuficiente no ensino, especialmente a nivel preescolar", e volve alertar de que no ensino secundario "non se impartan as grandes materias científicas" na lingua propia. Ademais, lembra que a actual normativa "non permite impartir máis do 50% das materias en galego" no ensino non universitaria e que "aínda non hai posibilidade" de que o estudantado opte por ter unha educación integramente en galego "en ningún centro de preescolar, primaria ou secundaria". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.