Antonio Amorín, que tamén foi concelleiro do PP, é o número 2 en Baiona da lista de extrema dereita, que encabeza unha ex-edil de Almuiña
Nas eleccións municipais de 2011 UPyD obtivo en Baiona, co 8,12% dos votos, un concelleiro, Antonio Amorín, que acabaría sendo o único cargo público da historia da formación en Galicia, onde o partido fundado por Rosa Díez se distinguiu por encabezar a loita contra a lingua galega. Amorín xa fora concelleiro do PP nos anos noventa e tras deixar UPyD en 2012 agora será o número 2 da lista de Vox en Baiona, un dos 13 concellos nos que a formación de extrema dereita se presentará ás municipais.
A lista de Vox en Baiona estará encabezada por María Iglesias, ata hai unhas semanas tenente de alcalde no goberno local do PP, do que formaba parte desde que era rexedor o agora conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e no que seguiu ascendendo cando herdou a alcaldía o seu curmán, Ángel Rodal Almuiña. A súa presenza e a do ex-concelleiro de UPyD na candidatura de Vox é unha proba máis da histórica fragmentación da dereita en Baiona baixo distintas marcas galegas, estatais ou independentes que só foi quen de unirse durante uns poucos anos do mandato de Almuiña e que novamente volve dispersarse.
“Gústame a idea nacionalista de UPyD, creo que España é unha”, dicía Amorín en 2015 ao converterse no único cargo público da formación en Galicia
Amorín, que fora concelleiro do PP nos anos noventa do século pasado e que estivera afastado da primeira liña política máis dunha década, salientaba en 2011, tras ser elixido concelleiro por UPyD, as ideas nacionalistas da súa formación: “Gústame a idea nacionalista de UPyD, creo que España é unha”, dicía nunha entrevista con Xornal de Galicia na que aseguraba que era “un partido transversal, central”. Ano e medio máis tarde Amorín deixaba a formación, xa en descomposición -“o partido está esgazado”, dicíalle a El País- pero mantiña a súa acta de edil ata as municipais de 2015. Agora, catro anos máis tarde, o único cargo público da historia dunha formación que dicía ser de centro aspirará a repetir como concelleiro pola extrema dereita nunha das vilas nas que máis formacións se presentan, oito: PP, PSOE, BNG, Manifesto Miñor-En Marea, Unidas Podemos Son En Común, Nós Baiona (formación independente encabezada por un ex-alcalde do PSOE), Ciudadanos e Vox.