O que di (e o que non) a nova lei de educación

Alumnado dun colexio de Ames, nunha imaxe de arquivo © Concello de Ames

A reforma educativa promovida polo Goberno de España superou o pasado xoves a súa primeira votación clave no Congreso por 177 votos a prol de sete partidos, 148 en contra doutros sete e 17 abstencións, o que lle permite seguir o seu trámite cara ao Senado. A norma substituirá á LOMCE, impulsada en solitario polo PP en 2013 con 182 votos a prol (os dos populares), 143 en contra de once partidos e 2 abstencións, e o seu avance vén acompañado de duras acusacións das bancadas da dereita. Sobre todo, do PP e de Vox, que culminaron o debate batendo nos escanos entre berros de "libertad, libertad".

A reforma educativa superou a súa primeira gran proba parlamentaria con 177 votos a prol de 7 grupos políticos para pasar a páxina da LOMCE, aprobada en 2013 cos 182 votos que daquela tiña o PP

Os populares centran os seus argumentos contra a lei no que consideran como "fin da liberdade de elección das familias e dos alumnos", en verbas de Pablo Casado. O ensino das linguas, a condición da materia de Relixión (católica) ou o remate das subvencións para os colexios privados que segregan en función do sexo son algúns dos puntos clave destas críticas a unha norma que tampouco contempla os que foran algúns dos emblemas da Lei Wert, como as controvertidas reválidas nas que o propio gabinete de Rajoy acabara recuando. Tamén as referencias da norma aos colexios de educación especial, que líderes conservadores chegaron a presentar en risco de desaparición.

Mentres, dende o Ministerio de Educación e por parte das forzas que sustentan ao Goberno do PSOE e UP, ven na inminente aprobación da LOMLOE un avance para "o dereito de todos a unha educación excelente e inclusiva", ademais de "cumprir o compromiso de derrogar a LOMCE", resalta a ministra, Isabel Celaá. Ao tempo, lamentan que as formacións da dereita "falten á verdade" en aspectos como os lingüísticos ou os relativos á educación especial. Pero, que di realmente o texto da nova lei ao que a maioría absoluta do Congreso vén de dar o seu visto e prace?

Ensino privado-concertado

Fronte ao indeterminado concepto de "demanda social" da LOMCE, que nos últimos anos serviu nalgunhas comunidades autónomas para incrementar as unidades de ensino privado-concertado, a nova lei indica que a Administración "programará a oferta educativa de xeito que garanta a existencia de prazas públicas suficientes, especialmente nas zonas de nova poboación". Promove, ao tempo, o "incremento progresivo da rede de centros de titularidade pública". 

A nova lei prevé o "incremento progresivo da rede de centros de titularidade pública" e prohibe aos concertados cobrar "por recibir ensinanzas de carácter gratuíto" e segregar o alumnado por sexo

Ademais, a respecto da admisión de alumnado, o texto aprobado estipula que se regule, tanto na pública como na privada-concertada, "de xeito que garanta o dereito á educación, o acceso en condicións de igualdade e a liberdade de elección de centro" coas "medidas necesarias para evitar a segregación do alumnado por motivos socioeconómicos ou doutra natureza". Adicionalmente, e dada a reintrodución da educación en igualdade como condición para acceder ao financiamento público, a lei deixa claro que os colexios subvencionados "non separarán o alumnado polo seu xénero", o que impedirá manter os concertos cos colexios que segregan por sexo, que no caso galego son cinco (catro, ligados directamente ao Opus Dei) con concertos vixentes ata 2023.

Isabel Celaá, nun intre do pleno do Congreso que deu o visto e prace á reforma educativa © Congreso

Neste sentido, "para garantir a posibilidade de escolarizar" sen "discriminación por motivos socioeconómicos", a LOMLOE fixa que "en ningún caso poderán os centros públicos ou privados concertados percibir cantidades das familias por recibir as ensinanzas de carácter gratuíto" ou "impoñer (...) a obriga de facer achegas a fundacións ou asociacións", así como "establecer servizos obrigatorios" que requiran "achegas económicas". Si poderán cobrar por actividades extraescolares con "carácter voluntario". [A reforma educativa impedirá á Xunta renovar os concertos con colexios que segregan por sexo, agora vixentes ata 2023]

Idiomas oficiais

A LOMLOE garante "o dereito a recibir ensinanzas en castelán e nas demais linguas oficiais" e establece a necesidade dun "dominio pleno e equivalente da lingua castelá e (...) na cooficial correspondente"

O outro gran cabalo de batalla da dereita fronte á LOMLOE é a desaparición da expresión introducida pola LOMCE segundo a cal "o castelán é lingua vehicular do ensino en todo o Estado e as linguas cooficiais sono tamén en cadansúas comunidades autónomas, de acordo cos seus Estatutos e normativa aplicable". Na nova lei a principal mudanza é na redacción, toda vez que pasa a indicar que as Administracións "garantirán o dereito" do alumnado "a recibir ensinanzas en castelán e nas demais linguas oficiais en cadanseus territorios,  de conformidade coa Constitución Española, os Estatutos de Autonomía e a normativa aplicable".

Adicionalmente, a nova lei explicita que "ao finalizar a educación básica", todo o alumnado "deberá acadar un dominio pleno e equivalente na lingua castelá e, no seu caso, na lingua cooficial correspondente". Neste sentido, introduce a obriga -no caso galego, para a Xunta- de "aplicar instrumentos de control e avaliación" para que quede "garantido" que "todo o alumnado" é competente en ambos idiomas e, se non o é, "adoptar, por parte dos centros, as medidas necesarias para compensar as carencias que puidesen existir en calquera das linguas". [Feijóo empurra o galego no ensino de volta cara á ruptura que promoveu en 2007]

Alumnado dun centro escolar galego © Xunta

Educación especial

A nova lei educativa define o alumnado "que presenta necesidades educativas especiais" como aquel que, por mor de discapacidades ou "trastornos graves da conduta, da comunicación e da linguaxe" precisa de "apoios e atencións educativas específicas". Para este alumnado, indica, o sistema educativo "disporá dos recursos necesarios para a detección precoz" e para que "poidan acadar os obxectivos establecidos con carácter xeral".

A lei fixa a aprobación dun plan para que colexios e institutos teñan "recursos para poder atender o alumnado con discapacidade" e prevé "apoio necesario" para que os colexios de educación especial, "ademais de escolarizar", sirvan de "referencia e apoio para os centros ordinarios"

Noutros artigos, sinala que a Administración terá que "velar para que as decisións de escolarización garantan a resposta máis axeitada ás necesidades específicas" de cada estudante", atendendo á "vontade das familias que amosen a súa preferencia polo réxime máis inclusivo" e desenvolvendo "programas para a súa axeitada escolarización en centros de educación primaria e secundaria obrigatoria". Para facelo, as ratios de alumnado por cada docente "poderá ser inferior á establecida con carácter xeral".

Alén destes artigos, unha disposición adicional céntrase especificamente neste alumnado e indica que o Goberno de España e as comunidades autónomas "desenvolverán un plan para que, no prazo de 10 anos" e atendendo á Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU e a Axenda 2030, "os centros ordinarios conten cos recursos necesarios para poder atender nas mellores condicións ao alumnado con discapacidade". Paralelamente, "as Administracións educativas continuarán prestando o apoio necesario aos centros de educación especial" para que "ademais de escolarizar" o alumnado "que requira unha atención moi especializada", poidan "desempeñar a función de centros de referencia para os centros ordinarios". En ningún punto da lei, daquela, se prevé a desaparición dos colexios de educación especial.

Paso de curso e obtención dos títulos da ESO e BAC

A reforma mantén o criterio xeral de poder pasar de curso na ESO cun ou dous suspensos se así o estima o profesorado; tamén en Bacharelato, pero recuperando no segundo curso as posibles materias pendentes 

Outra das acusacións recorrentes por parte dalgúns dos grupos da oposición de dereitas a respecto da nova lei é unha suposta facilidade para que o alumnado pase de curso sen superar as materias do anterior. Na ESO, a nova lei mantén intacto o texto da anterior no referido a que "as decisións sobre a promoción do alumnado dun curso a outro serán adoptadas de forma colexiada" polo profesorado, pero introduce o matiz de que os estudantes "promocionarán de curso cando o equipo docente considere que a natureza das materias non superadas" permite "seguir con éxito o curso seguinte" e "estime que ten expectativas favorables de recuperación".

"En todo caso -agrega sobre a ESO- promocionarán quen acaden os obxectivos das materias ou ámbitos cursados" e "teñan avaliación negativa nunha ou dúas materias", limiar que tamén existía na LOMCE, que tamén abría a porta ao paso de curso "excepcional" con tres suspensos. Si desaparece a referencia á repetición obrigatoria no caso de suspender Lingua Castelá e Matemáticas, que pasan a ter a mesma consideración que o resto de materias.

As accións sobre a igualdade de xénero (na imaxe, de arquivo, unha actividade ao respecto no IES Félix Muriel de Rianxo) pasan a ter máis peso © IES Félix Muriel

Para obter o título da ESO (nivel educativo ao que volven os programas de diversificación curricular), segundo a nova lei, será preciso "adquirir as competencias establecidas e acadar os obxectivos da etapa". En Bacharelato, será posible pasar de primeiro a segundo con dúas materias pendentes que cumprirá recuperar. Para obter o título "será necesaria a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos" e "excepcionalmente", o profesorado poderá outorgalo cun único suspenso se na materia en cuestión o estudante non incorreu "nunha inasistencia continuada e non xustificada" e, polo demais, acadase "os obxectivos e competencias vinculados" ao título. [A Xunta apela á "cultura do esforzo" para endurecer os criterios do Estado na obtención do título de ESO e Bacharelato]

Relixión

A nova lei sinala o dereito a "recibir a formación relixiosa e moral" que "estea de acordo coas propias conviccións" da familia do alumnado e mantén a materia de Relixión como "obrigatoria" na oferta dos centros e "optativa" para o estudantado. No caso de ser escollida, non computará na media final do alumnado. Ademais, agrégase que "no marco da regulamentación das ensinanzas" de Primaria e Secundaria, "poderase establecer a ensinanza non confesional de cultura das relixións".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.