A Xunta decidiu endurecer os criterios fixados polo Goberno central para pasar de curso e obter os títulos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten listas xa as instrucións coas que pretende "corrixir" o real decreto aprobado polo Consello de Ministros o pasado mes de setembro e que permitía ao alumnado promocionar sen ter en conta o número de materias suspensas, aplicando unha medida similar á adoptada durante a suspensión da actividade lectiva por mor do confinamento iniciado en marzo.
A Xunta aposta por "normas propias" para "non rebaixar o nivel" ante un decreto estatal que "desprestixia o traballo de docentes e familias"
Así o aclarou o conselleiro Román Rodríguez, que cargou contra o devandito decreto por ser "imposto de xeito unilateral polo Goberno central" e avanzou as "normas propias" coas que a Xunta pretende "non rebaixar o nivel" e desenvolver unhas instrucións estatais que, dixo, "rompen a igualdade de oportunidade" e "desprestixian en gran medida o traballo de docentes e familias".
O conselleiro presumiu do éxito do alumnado galego en informes como o PISA e apelou á "cultura do esforzo que se lle vén inculcando aos alumnos" e que, di a Xunta, "prevalece na última década".
O decreto estatal establece que o equipo docente avaliará e decidirá o paso de curso; a Xunta establece, de maneira xeral, a necesidade de aprobar todo
O decreto estatal, tendo en conta as condicións educativas pola pandemia, establece que será o equipo docente o que avalíe e tome a decisión sobre o paso de curso ou non tendo en conta se o estudante alcanzou os obxectivos e independentemente do número de materias aprobadas.
En condicións normais, a Lomce fixa en tres suspensos en Secundaria e dous en Bacharelato os máximos para poder promocionar. En Galicia, a Xunta determina que, con carácter xeral, para pasar de curso e para obter o título de ESO e Bacharelato "hai que ter as materias todas aprobadas", unha forma coa que, insistiu Román Rodríguez, búscase "corrixir os efectos perversos" do texto.
O conselleiro, durante unha visita ao Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), advertiu de que o decreto do Goberno central supón a "desincentivación do estudo", algo que cre "moi prexudicial para un sistema educativo como o galego" que, dixo, está "en postos de referencia". De feito, a Xunta foi máis alá e xa formulou unha queixa formal ante o Ministerio de Educación por unha normativa que considera "antiequitativa" e que resta "motivación" ao alumnado.
“Non podemos permitir que a pandemia marque o ritmo do sistema educativo”, insistiu Rodríguez, que aclarou que Educación aplicará os criterios de avaliación, promoción e titulación actualmente vixentes na normativa propia de Galicia e establecidas nas instrucións aprobadas o 30 de xullo para o curso en marcha. O Goberno central, pola contra, flexibilizara os criterios de avaliación e promoción para que os centros puidesen adaptarse en función da presencialidade do alumnado e de calquera outro condicionante ou atranco que se derivase da pandemia.
"Galicia non adoptará a posibilidade aberta polo Goberno central de revisar á baixa os criterios de avaliación, promoción e titulación, é dicir, promocionar de etapa con independencia das materias aprobadas", explica a Consellería.
Na ESO acadará o título quen aprobe todo agás "casos moi excepcionais"; en Bacharelato titulará o alumnado que teña aprobadas todas as materias
Xa que logo, na ESO acadará o título o alumnado que ao terminar "teña avaliación positiva en todas as materias e acade os obxectivos da etapa e adquirido as competencias correspondentes". En definitiva, os que aproben todo, aínda que tamén poderán titular, se así o considera o equipo docente e en "casos moi excepcionais", aqueles estudantes que logo de realizar as probas extraordinarias teñan dúas materias pendentes, "sempre que non sexan simultaneamente Lingua Galega e Literatura e Matemáticas, ou Lingua Castelá e Literatura e Matemáticas".
En Bacharelato obterá o título o alumnado que aprobe todas as materias dos dous cursos.