Tres anos de reválidas da Lomce, tres anos de boicot masivo en Galicia

Aula baleira nun centro escolar de Galicia © Xunta

Tres anos, tres cursos nos que as probas de avaliación impulsadas pola polémica Lomce sofren dun importante boicot da comunidade educativa en Galicia. Desde que en 2015 se promovese a insubmisión a estas probas, o absentismo é importante e constante, mesmo maior a cada exercicio. Hai tres, na primeira serie de exames, sindicatos e anpas cifraron o seguimento daquel boicot en entre un 50% e un 60%, mentres a Xunta falaba dun 20%. Nas últimas reválidas celebradas no martes e mércores desta semana, as centrais e as asociacións de nais e pais cifran en entre o 80% e o 96% o boicot, mentres que a Administración recoñece que como mínimo 4 de cada 10 alumnos non realizan os exames, incluíndo neses datos os centros privados, que non son contabilizados polas organizacións sindicais. 

A Xunta recoñece un absentismo do 40%, semellante á das últimas probas, nas realizadas esta semana en Primaria e a ESO

Desde a Consellería de Educación, como nas últimas reválidas, recoñécese unha participación "de arredor do 60%, na mesma liña que o ano pasado". Neste caso, refírese ás probas de avaliación mostrais, celebradas nun total de 450 centros galegos escollidos pola Administración: a proba en 6º de Primaria, que abrangueu 290 colexios, e a de 4º de ESO, en 160 institutos. Neste último caso, o boicot, segundo a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (Pgdep), chegou ao 96%; no primeiro, o absentismo situouse no 80%, dato que coincide cos do resto de probas dos últimos anos e que certifican as anpas. A pasada semana, mesmo, a insubmisión aos exames en 3º de Primaria alcanzou o 80%.

O boicot chegou ao 96% nas probas mostrais de 4º da ESO e ao 80% nas de 6º de Primaria

"Isto demostra o alto nivel de concienciación da sociedade galega contra a peor lei educativa imposta unilateralmente polo partido corrupto que a día de hoxe aínda segue á fronte do goberno español", di a Pgdep. Xa en anteriores protestas, a mobilización en Galicia foi moi superior á das levadas a cabo noutros territorios do Estado, liderando por moito a insubmisión ás probas. 

"O máis incrible de todo isto é que a Xunta, que asume que as probas levan anos fracasando, nin tan sequera nos chama para falar, para interesarse... É inadmisible", di Fernando Lacaci, vicepresidente da Confederación Anpas Galegas, que entende que a Administración asuma a realización das probas porque "está a cumprir a lei", pero non entende "que non inste a cambiar esa legalidade, esa Lomce que está morrendo". A crítica, ademais, céntrase na "falta e comunicación" e no desleixo amosado pola Xunta ante as críticas e o fracaso das avaliacións, das que os datos son escasos ou nulos. 

Galicia leva tres anos liderando a insubmisión ás reválidas que impuxo a Lomce

As Anpas Galegas pregúntanse "canto diñeiro público" se gasta na organización, corrección e información dunhas probas que considera "inútiles". "Cal é a valoración laboral, canto é o tempo perdido de profesorado, equipas directivas e alumnado? Onde está a relación de centros 'casualmente escolleitos' pola Consellaría para facer estas probas? Cales son os criterios desa escolla que garanten a fiabilidade da mostra seleccionada? Onde están os resultados, as valoracións, e as propostas de mellora que xurdiron das actuacións realizadas en anos anteriores?", insisten. 

As críticas ás reválidas veñen de lonxe e mantéñense. A Pgdep advirte de que "responden aos intereses de organizacións como a OCDE, de grandes empresas privadas educativas e dos principais lobbys editoriais". E lembra que "non teñen ningún valor académico" pero "supoñen un elemento de tensión innecesaria para o estudantado, xerarquizan as materias e os contidos en base a criterios puramente economicistas e supoñen un desprezo ao labor docente, á súa autonomía e liberdade de cátedra, así como ao valor que ten a avaliación continua dentro do proceso de ensino-aprendizaxe". 

Desde Confapa Galicia, por exemplo, e en referencia ás probas de avaliación celebradas a pasada semana, advirten de que avalían "só as competencias de lingua e matemáticas" e "clasifican o alumnado desde idades temperás". Ademais, destaca que "fomentan a competencia entre os centros e a súa estigmatización sen tomar en conta circunstancias locais compensatorias da avaliación" e "desautorizan o profesorado e o sistema de avaliación continua", ademais de xa  ter amosado "o seu nulo valor nos anos que leva en vigor".

As Anpas Galegas, pola súa banda, denuncian tamén que estas últimas reválidas realizadas supoñen de novo o gasto "dunha importante cantidade dos orzamentos públicos". "Gastan un importante número de horas do traballo da comunidade educativa, e nin poden ser significativas nin serven absolultamente para nada", rematan. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.