A pasada semana a ministra de Educación en funcións, Isabel Celaá, subliñou durante a súa intervención no XV Congreso das Escolas Católicas que o dereito constitucional á educación e á escolla das ensinanzas relixiosas non leva implícito, co mesmo nivel de protección da Constitución, o dereito á libre elección de colexio. As súas verbas foron axitadas de inmediato dende as formacións da dereita como mostra dos supostos riscos do eventual Goberno do PSOE e Unidas Podemos e o PP apostou por prolongar a cuestión implicando os Executivos das comunidades onde goberna, entre eles á Xunta.
O Goberno galego participou na xuntanza na que o PP anunciou unha ofensiva "política e xurídica" na defensa da escola concertada tras as declaracións da ministra Celaá
O pasado luns a dirección do PP citou na madrileña rúa de Génova aos conselleiros e conselleiras de Educación que o partido ten nas diversas autonomías onde mantén o poder. A galega Carmen Pomar non asistiu -estivo presente no pleno do Parlamento, que debatía as emendas á totalidade dos Orzamentos de 2020 e, segundo El Correo Gallego, realizou unha intervención vía Skype- pero si o fixo no nome do gabinete de Alberto Núñez Feijóo o director xeral de Educación, Manuel Corredoira.
Nese encontro os populares anunciaron unha ofensiva "política" e "xurídica" -sen desbotar mobilizacións aos xeito das desenvolvidas en tempos de Zapatero xunto á Conferencia Episcopal, daquela presidida por Antonio María Rouco Varela- para "protexer" o "dereito" a escoller un colexio concertado. No entanto, no caso galego mesmo no caso de mudanzas legais no Estado, este tipo de centros privados financiados con fondos públicos terían pouco que temer, cando menos ata o ano 2023.
Na primavera de 2017 a Xunta publicou a orde que rexe os concertos educativos vixente na actualidade. E fíxoo estendéndoos mesmo máis do esixido pola lei educativa aprobada nos tempos de Rajoy e aínda vixente, a LOMCE, a coñecida como Lei Wert. Aquela norma incluíu novidades como a fin da preferencia da educación en igualdade para ampliar concertos. Pero tamén ampliou a vixencia "mínima" dos concertos en Primaria de catro a seis anos.
Na vixente orde de concertos, ditada en 2017, a Xunta ampliounos todos a seis anos aínda que a LOMCE obrigaba a facelo só en Primaria, polo que se manterán durante toda a vindeira lexislatura galega
A Xunta asumiu ese precepto en Primaria, como marcaba a lei, pero tamén o fixo no resto de niveis educativos, onde a Lei Wert non ordenaba facelo. Así, pasaron a durar seis anos tamén os da ESO, Educación Especial e Formación Profesional. "A Xunta foi máis alá da LOMCE na defensa da concertada", resumira daquela a CIG-Ensino, sindicato maioritario do sector.
Esta orde, dotada cuns 258 millóns de euros ao ano -arredor dun 9% máis que a orde previa- deixou na práctica blindados os concertos educativos ata o remate do curso escolar 2022-23. Deste xeito, como xa sucedera na fin do fraguismo, o goberno que saia das urnas nas eleccións de 2020 terá, sexa ou non do PP, que xestionar o sistema educativo galego asumindo os concertos concedidos en 2017. Entre eles, os logrados por cinco colexios que segregan nenos e nenas -catro deles vinculados ao Opus Dei-, protexidos pola LOMCE, como acreditou en 2018 o Tribunal Constitucional.
Os datos máis recentes divulgados polo INE -datados no curso 2014-2015, polo que aínda non contemplan a orde de concertos vixente- indican que o financiamento público dos colexios privados en Galicia practicamente se duplicou dende mediados dos anos 90 do século pasado. Alén do incremento das cantidades, a mesma fonte oficial indica que nestes anos o financiamento público sempre supuxo máis do 60% dos seus ingresos.