A Consellería de Educación lanzou a pasada semana a nova orde de concertos educativos, que rexerán o financiamento público dos colexios de titularidade privada a partir do vindeiro curso polo remate da vixente normativa, ditada en 2013. Como informou Praza.gal, a nova orde chega ao abeiro da aínda vixente LOMCE apóiase nela para, entre outros aspectos, eliminar a preferencia da educación en igualdade á hora de primar uns colexios sobre outros, aínda que isto implique contradicir o plan de educación igualitaria para nenas e nenos que aprobou a propia Xunta. No entanto, hai outro aspecto no que o Goberno galego vai alén da alcumada como 'Lei Wert', a duración dos acordos de financiamento con estes centros privados.
As sucesivas ordes que regularon ata agora os concertos educativos fixaban, como normal xeral, unha duración de catro anos. A LOMCE ampliou a duración "mínima" destas concesións ata os seis anos, pero só en Primaria. O obxectivo, segundo se sinalou daquela dende o Ministerio, era que os concertos durasen, cando menos, tantos anos como cursos ten ese nivel educativo. No entanto, a Xunta opta por estender esa prolongación tamén aos demais niveis: ESO, Educación Especial e Formación Profesional, o que implica que todos os asinados cheguen ata o 31 de agosto de 2023 ou, o que é o mesmo, á segunda metade da próxima lexislatura galega.
A LOMCE establece que os concertos de Primaria deben ampliarse de catro a seis anos, pero a Xunta opta por estender a duración en todos os niveis do ensino concertado
Esta extensión xeralizada dos concertos suscitou este venres as críticas do voceiro do PSdeG en materia educativa, Luis Álvarez. "Polos seus feitos os coñeceredes", ironizou o socialista en rolda de prensa para abordar unha orde que, di, amosa o PP como un "partido estremo, nin moderado nin tolerante", toda vez que con esta orde aposta por unha "manobra" para "salvagadar os concertos" con independencia dos resultados "das eleccións de 2020". Trátase, agrega, dunha "blindaxe dos concertos" que "deixa aberta a posibilidade de limitar o profesorado e o número de unidades nos centros públicos, demostrando que non teñen a mínima intención de recuperar as condicións dos traballadores".
Tamén este venres saía ao paso da nova orde o sindicato CIG-Ensino, cuxo secretario nacional, Anxo Louzao, alerta dos efectos de "comprometer os orzamentos dos vindeiros seis anos" con partidas duns 258 millóns de euros anuais, un 10% máis que na anterior orde. "A Consellería -di Louzao- blinda máis de 1.550 millóns de euros de euros que non serán destinados a mellorar o ensino público nin a ampliar os seus cadros de persoal". "Mentres o ensino público pelexa día a día reclamando a dotación necesaria para cumprir cos parámetros de calidade que merece, a Consellería blinda os centros privados e garántellelos", censura.
Resposta do PP
Os populares retrucan afirmando que a Xunta se limita a "cumprir" a LOMCE e defenden que os colexios que segregar nenos e nenas na escola "non implica discriminación"
Estas críticas foron retrucadas dende o PP por parte do seu voceiro en materia educativa, o deputado ourensán César Fernández, que nun comunicado remitido aos medios defende que a nova orde de concertos se "limita a cumprir estritamente a lei", aínda que no que atinxe á duración vai alén do esixido na LOMCE. "A orde da Consellería -xustifica o conservador- amplía o período dos concertos de catro a seis anos" para que "o concerto teña a mesma duración en todas as ensinanzas que se concertan en Galicia" e ademais, evidencia, "como xa é habitual, os concertos revisaranse todos os anos para axustalos á realidade". Ademais, afirma, cómpre "lembrar" que "Galicia non é a única comunidade autónoma que establece a vixencia dos concertos en seis anos".
Nun sentido semellante Fernández defende tamén a garantía de acceso aos fondos públicos por parte dos colexios que segregan nenos e nenas pola fin da primacía á coeducación, un aspecto que PSdeG e CIG censuran tamén nunha liña semellante ao expresado en días pasados dende o Parlamento por En Marea e BNG. "Respectamos a decisión libre das nais e pais de escoller entre o modelo educativo mixto ou o que separa aos alumnos en función do xénero, porque iso non implica que eses estudantes non reciban unha axeitada educación en valores", asegura o deputado, en cuxa opinión a segregación de nenas e nenos na escola "non implica discriminación, sempre que as oportunidades e contidos educativos que reciben os alumnos sexan iguais".