Ademais da folga, os sindicatos preparan unha marcha-concentración arredor de San Caetano o mércores 13 de novembro e concentracións en todas as cidades galegas o xoves 21
O 12 de decembro haberá folga de profesorado en toda Galicia. Todas as organizacións sindicais con representación no ensino público convocan ás mobilizacións, que reclaman a recuperación dos horarios lectivos e a mellora das condicións de traballo, e que buscan incidir na aprobación dos Orzamentos da Xunta para 2020. Ademais do paro xeral, os sindicatos preparan outras accións previas, como unha marcha-concentración arredor de San Caetano o mércores 13 de novembro e concentracións en todas as cidades galegas o xoves 21.
CIG-Ensino, CCOO Ensino, ANPE, FeSP-UGT, STEG e CSIF presentaron este venres en Compostela as accións que preparan para as vindeiras semanas, que chaman a atención, sobre todo, sobre a recuperación dos horarios lectivos, que foron modificados (a 18 horas en secundaria e a 21 en primaria) no ano 2012.
"O profesorado galego foi dos primeiros en sufrir os recortes e dos últimos en recuperar os seus dereitos", denuncian
Os sindicatos lembraron que "o profesorado galego foi dos primeiros en sufrir os recortes e dos últimos en recuperar os seus dereitos" e subliñan que sete comunidades autónomas aprobaron xa a devolución do horario lectivo (Navarra, Euskadi, Cantabria, Canarias, Andalucía, Asturias e Estremadura). Denuncian que, "mentres, en Galicia a conselleira segue aludindo a que non darán ningún paso ata que o goberno central habilite unha partida para este fin".
Para a CIG esta resposa é “un auténtico insulto ao profesorado galego, que sabe perfectamente que cando lle foi aplicada a ampliación horaria, a Xunta non lle devolveu a Madrid os cartos que aforrou co recorte de miles de postos de traballo dun ano para outro".
Os recortes supuxeron "un empeoramento moi drástico das nosas condicións de traballo que non tivo moita influencia na calidade do ensino"
Os sindicatos sinalan que "as consecuencias desta medida vímolas padecendo nestes últimos anos: imposibilidade de facer apoios, reforzos e desdobres; aumento da impartición de afíns, das ratios de alumnado por aula e das itinerancias; exceso de carga de traballo para o profesorado que non pode preparar as clases nin corrixir exames e tarefas en condicións…". "En definitiva, un empeoramento moi drástico das nosas condicións de traballo que non tivo moita influencia na calidade do ensino unha vez máis grazas ao sobreesforzo do colectivo docente no noso país”, afirma Suso Bermello.
As centrais que representan o profesorado advirten de que "de non producirse unha negociación antes do 12 de decembro, a partir da semana que vén comezaremos unha intensa campaña de información en todos e cada un dos centros educativos galegos promovendo a mobilización do profesorado".