Laura Arroxo (Castroverde, 1979) é profesora de matemáticas no IES Gregorio Fernández de Sarria e forma parte da executiva de CIG-Ensino desde hai xa oito anos. O pasado 7 de xuño, no IX Congreso da central sindical, foi elixida nova secretaria nacional.
Como afronta a súa chegada á secretaría nacional da CIG-Ensino?
Como todos os anos, os finais de curso son máis convulsos, tanto a nivel sindical coma nos centros de ensino. É unha época de moito traballo no sindicato e asumir a secretaría nacional comporta tamén unha maior responsabilidade e máis choio, pero o traballo da CIG-Ensino sempre é colectivo. Eu son a cara visible, pero o labor está moi consolidade e todo o que sexa en conxunto lévase mellor.
"O xefe de inspección educativa escribiu cousas totalmente inadmisibles para ocupar o cargo; todo o que sexa mantelo no posto é ser cómplice do que di"
Chega ao seu novo posto case coa nova da denuncia da CIG-Ensino o xefe de inspección educativa, Enrique Prado, polos seus artigos "ultras"...
Si, e vimos de volver exixir ao conselleiro que tome medidas. Se este home segue no seu posto non é só responsabilidade del, senón de quen o mantén, da directora xeral e do conselleiro. Escribiu cousas totalmente inadmisibles para estar ocupando o cargo que ocupa e agora esperamos que en breve se tomen medidas e sexa apartado do seu posto. Todo o que sexa mantelo será ser cómplice do que el di.

Pero o conselleiro pide "tolerancia". Que ocorre se non é cesado?
Entendemos que é responsabilidade do conselleiro mantelo no posto. A partir de aí, o vindeiro mércores temos unha concentración diante de San Caetano e volveremos pedir á Consellería que recoñeza o labor do profesorado. Para recoñecelo e valorizalo o primeiro que ten que facer Román Rodríguez é non ter nun posto de dirección, porque este home é subdirector, unha persoa que di que di do persoal que somos unha "clase ociosa" de traballadores.
"A instrución para a 'neutralidade ideolóxica' é unha arma de censura para a Xunta. Onde queda a liberdade de cátedra do profesorado e a autonomía dos centros?"
E precisamente atribúen a este subdirector xeral a polémica orde de "neutralidade ideolóxica" nas aulas contra a que tamén se vén de posicionar a CIG-Ensino...
Entendemos que está relacionado, claro. As instrucións veñen da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e, particularmente, de quen xestiona toda a Inspección. Estas instrucións impoñen un control da Inspección sobre calquera modificación da programación xeral, que queda reducida a excepcións extraordinarias, algo que nos parece xa un erro porque durante nove meses de curso ocorren moitas cousas que obrigan a facer mudanzas. Este control está dirixido por este subdirector xeral e deixa atrás a autonomía dos centros. Ademais, as instrucións aluden a un artigo a lei de 1985. Por suposto que está en vigor, pero é un absurdo estar referíndose a un artigo de hai corenta anos cando a lei educativa actual establece a formación dunha cidadanía crítica. O que pretende a Xunta é ter unha arma de censura, que non se poida modificar unha programación agás casos excepcionais e que, se o fas, aínda por riba teñas que pasar polo filtro de Inspección. Onde queda a liberdade de cátedra do profesorado e a autonomía dos centros recollida por lei?
Á marxe desta polémica, que retos e principais problemas ten o ensino público en Galicia nos vindeiros anos?
Un dos principais problemas que temos na actualidade é a atención á diversidade... E, por certo, hai declaracións deste subdirector xeral ao respecto que meten medo. Os centros educativos mudaron moito nos últimos vinte anos porque mudou moito o seu alumnado. Nenos e nenas seguen sendo igual, pero temos moitos avances que, por sorte, permiten diagnósticos máis temperás e que as características dos pequenos e pequenas estean máis analizadas, ademais de ter proxectos máis axeitados para seren atendidos. Temos tamén unha maior incorporación de alumnado inmigrante que precisa duns programas de adaptación aos centros educativos e tamén é certo que hai trastornos de conduta que antes non estaban tan agudizados. Agora mesmo a atención á diversidade é primordial e hai que tomar moitas medidas.
"O principal problema do ensino público é a atención á diversidade; precisa máis recursos e máis profesorado"
Como cales?
As ratios teñen que baixar. Non pode ser que a intención sexa reducilas pero a moi longo prazo; o descenso debe facerse efectivo xa e agora en todas as etapas. Ademais, a Consellería non considera que haxa que baixalas na FP, algo que nós consideramos esencial. A partir de aí, a atención á diversidade precisa máis recursos humanos, máis profesorado... Non só os especialistas en pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, senón nos departamentos de orientación, que necesitan máis recursos. Non pode ser que un orientador dun centro de calquera cidade atenda 600 ou 700 alumnos cando o normal sería que non tivese máis de 200. Pero tamén se precisa profesorado doutras especialidades para poder facer agrupamentos e os apoios precisos para poder atender todas as casuísticas. Porque, en contra do que di o subdirector xeral, ter nenos e nenas con necesidades educativas especiais nunhas aulas ordinarias fai que a educación sexa inclusiva. É riqueza para o resto do alumnado porque unha aula diversa é unha aula rica.

Que outros retos son importantes?
O que ten que ver coa lingua. Á CIG-Ensino non lle fixo falta que o IGE saíse con eses datos sobre o galego porque xa sabiamos da realidade que ocorría nas aulas e que levamos denunciando desde que se aprobou o decreto do plurilingüismo. A perda de galegofalantes é clamorosa e que a rapazada remate a ESO sen poder defender na lingua do noso país é algo ao que temos que darlle moita importancia e sobre o que traballar. Levamos moitos anos denunciando a situación, exixindo en todas e cantas mesas de negociación hai medidas para que o galego estea vivo nas aulas. Agora mesmo, co problema que ten a lingua, sabemos que transcende o sistema educativo, pero tamén que é un piar esencial porque entrar nos colexios supón, en moitos casos, perder a lingua que os nenos e nenas estaban falando ata os 3 ou 4 anos.
"Temos poucas esperanzas postas no pacto pola lingua; a Xunta deixounos fóra e non quere derrogar o decreto do plurilingüismo, que sería a primeira pedra a poñer"
Ten esperanzas no pacto que pretende a Xunta sobre o idioma?
Non, non temos esperanzas. Primeiro porque nos deixaron fóra e cando deixas os sindicatos de educación fóra dos grupos de traballo que teñen que ver co ensino, xa empezamos mal. En segundo lugar porque todas as declaracións que vai soltando a Xunta aos poucos non falan, en ningún caso, de derrogar o decreto do plurilingüismo, que é a primeira pedra que habería que poñer. Así que, esperanzas temos máis ben poucas.
Os sindicatos do ensino que asinaron o pacto de mellora veñen de denunciar a Xunta polo seu incumprimento. Agardaban isto?
Sempre tivemos claro que era un acordo de vergoña, de renuncia, que non recollía practicamente ningunha das demandas, que non eran só da CIG, senón as que todos os sindicatos levaramos ás eleccións sindicais de 2022. Estábase renunciando a moitísimos avances e tiñamos claro, cando se asinou, que era insuficiente para os docentes por haber medidas que non se recollían especificamente, como no que ten que ver coa redución da burocracia, ou por ser insuficientes, como no caso da redución de ratios, cun calendario a moi longo prazo. É certo que se reduciron dúas horas lectivas ao profesorado pero non houbo incremento de persoal, mentres que os docentes de Secundaria, de FP ou de educación especial non viron para nada reducido o seu horario. Sabiamos que era un acordo de renuncias que ía afectar negociacións futuras.
E que lle parece esa denuncia á Xunta nos xulgados?
O acordo non só era insuficiente, senón que as poucas cousas que tiña boas ou os pequenos avances non se están a cumprir. Que agora o denuncien está ben, pero tampouco é dabondo. Todos sabemos como vai de lenta a xustiza e, aínda que lles desen a razón, non llela darán antes de 2-3 anos e iso non pode ser. Que se retracten, retiren a sinatura do acordo e se unan para exixir avances reais e a recuperación de dereitos, pero non temos a esperanza de que o fagan. Eles saben igual ca nós que a denuncia, no caso de dar froitos, tardará anos e o profesorado non pode esperar ese tempo para recuperar dereitos arrebatados durante a crise porque o seu labor non está a ser valorado.
"Non necesitamos nin unha nin moito menos dúas universidades privadas en Galicia; non as queremos"
Abanca xa conta con universidade privada en Galicia e Cesuga anuncia outra. Mentres, a UDC anuncia a súa intención de implantar a titulación de Medicina entre críticas da Xunta e da USC e UVigo. Cal é a reflexión da CIG-Ensino?
As tres universidades públicas de Galicia terían que ir unidas contra a creación de universidades privadas, que non son necesarias en Galicia. Non as queremos. Iso é o primeiro que deberían facer: posicionarse claramente en contra como fixemos nós reivindicando o investimento no ensino público. No que ten que ver con titulacións e pelexas localistas sobre onde situalas, confío en que as tres universidades senten a falar e que se acorde unha repartición de titulacións que sexa xusto, pero desde logo, desa repartición quen ten que quedar fóra é a universidade privada. As universidades públicas galegas demostraron, ao longo da súa historia, a valía que teñen. Non necesitamos nin unha nin moito menos dúas universidades privadas no país.

Falando de ensino privado, cada ano saen informes que advirten de que o ensino concertado cobra cotas malia seren ilegais. Que postura ten o sindicato respecto destes colexios?
A postura é clara: en Galicia sobran concertos, non son necesarios. A rede pública de centros, exceptuando se cadra a situación puntual dalgunha cidade, pode dar cobertura a todo o alumnado, máis tendo en conta o descenso obvio da natalidade. A situación actual non é a dos anos 80, cando se estableceron eses concertos. Queremos un ensino público libre de concertos educativos porque cremos que a educación pública é o maior mecanismo de equidade e inclusión social que hai, o que nos permite que calquera neno ou nena, sexa da cidade ou do rural e teña máis ou menos medios económicos, poida alcanzar os estudos que desexe. Ademais, temos claro que o ensino público está dotado de recursos humanos, de docentes dunha calidade extraordinaria. Estamos en contra do ensino concertado e animamos ás familias a que aposten polo público.
"En Galicia sobran concertos con centros privados; a situación non é a dos anos 80 e o ensino público pode dar cobertura a todo o alumnado"
A CIG-Ensino é o sindicato maioritario no ensino público e aspira a seguir séndoo. Cales son os seus propósitos para a central nos vindeiros anos?
O noso obxectivo é seguir sendo referentes no ensino público. Creo que o fomos ata agora e confío e desexo que o sigamos sendo a partir de agora. Temos uns métodos de traballo que nos avalan e consolidan e somos coherentes co que pensamos e co que facemos, algo que é esencial. O noso propósito é seguir sendo a forza maioritaria dentro do ensino público, manterse e, se podemos mellorar, pois moito mellor. Cremos que somos unha forza sindical necesaria, máis cando o goberno de Rueda, que parecía que non podía ser peor que o de Feijóo, si que o está sendo. Precisamos dunha forza como a CIG para frear as súas políticas. Ademais, outras organizacións sindicais, que é certo que noutros territorios do Estado teñen posturas distintas, aquí o que fixeron foi vender o profesorado.