A CIG pide cesar o xefe da inspección educativa por escribir contra as autonomías, a esquerda ou a "clase ociosa" do profesorado

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, tras expor a directores e directoras de centros o pasado 4 de xuño as novidades normativas para o vindeiro curso CC-BY-SA Xunta

O sindicato divulga artigos de Enrique Prado Cueva, subdirector xeral de Inspección e a quen atribúen a polémica orde de "neutralidade" nas aulas, nos que carga contra "o nacionalismo fascista do BNG e o nacionalsocialismo do PSdeG"

CIG-Ensino pide ao Goberno galego o cese do subdirector xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo da Consellería de Educación, Enrique Prado Cueva, a quen atribúen a polémica orde de "neutralidade ideolóxica" nas aulas, por unha serie de artigos que publicou nos que se amosa crítico coa descentralización educativa nas comunidades autónomas, a "nova clase ociosa" do profesorado ou a esquerda en xeral e nas que ao tempo que eloxia a Vox fala do "nacionalismo fascista excluínte do BNG e o nacionalsocialismo do PSdeG". Unhas publicacións que a CIG, sindicato maioritario no ensino público, cualifica como propias dun "ultra" que piden que sexa apartado da inspección educativa. 

Fragmentos de artigos publicados por Enrique Prado Cueva divulgados por CIG-Ensino © Imaxes: Xunta de Galicia e El Catoblepas (nodulo.org) | Montaxe: Praza Pública

A CIG salienta que as instrucións sobre a "neutralidade" ideolóxica nas aulas que están recibir críticas de profesorado, sindicatos ou familias "están asinadas pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa, e o máximo responsábel da inspección educativa e da avaliación do sistema educativo baixo o seu mando é o subdirector xeral Enrique Prado Cueva". Del din que "é unha persoa cunhas firmes conviccións ideolóxicas puramente reaccionarias, ultraespañolistas, contrarias ao marco autonómico actual e a todo o que considera como 'progresismo' e nacionalismo, tanto no aspecto das ideas políticas como no que el entende como progesismo 'antipedagóxico'".

O sindicato sinala que os textos de Prado Cueva apostan "pola ilegalización de partidos independentistas e nacionalistas", "as loas a Vox como único partido que defende con claridade a 'nación española' e as críticas á propia Consellería na que el agora é un alto cargo por ter unha proba de galego nas oposicións docentes para quen non ten acreditado o seu coñecemento". 

Fragmentos de artigos publicados por Enrique Prado Cueva divulgados por CIG-Ensino CC-BY-SA Imaxes: Xunta de Galicia e El Catoblepas (nodulo.org) | Montaxe: Praza Pública

A CIG di que o xefe da inspección educativa "é unha persoa cunhas firmes conviccións ideolóxicas puramente reaccionarias, ultraespañolistas, contrarias ao marco autonómico"

A CIG divulgou unha serie de artigos publicados por Prado Cueva con títulos como Los principios antipedagógicos del progresismo, La dictadura de lo políticamente correcto, La segunda guerra civil española ou Alá y su Profeta iluminan a la izquierda española y al nacionalismo gallego. Neles aparecen afirmacións como que "a educación fracasou no esencial" xa que "é unha educación que busca someter o obreiro ás ocorrencias de ideoloxías comunistas e separatistas"; a única nación é a española e "o único partido que a defende con claridade é Vox"; ou "educación para que? Seguramente para que medre unha nova clase ociosa de funcionarios que nunca espertará do seu soño dogmático ata o día en que, de verdade, vexa perigar o seu traballo e os seus privilexios". 

Entre outras afirmacións un dos artigos di que "a pluralidade do pensamento e o pensamento crítico están en perigo en España con motivo dos famosos cordóns sanitarios que a esquerda progresista quere impoñer a quen non pensan como eles".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.