No seu intento por esquivar a reforma educativa do Goberno central, o PP de Pablo Casado saca todas as súas armas e a Xunta amaga con seguir as súas directrices. O líder dos populares anunciou esta pasada fin de semana que as comunidades autónomas gobernadas polo seu partido, en solitario ou en coalició con Ciudadanos, adiantarían o prazo de matrícula para o vindeiro curso para sortear as "limitacións" que a nova lei de educación suporía na elección de centro segundo denuncia a formación conservadora.
Casado asegura que os gobernos autonómicos do PP adiantarán a matrícula "para que o vindeiro curso non se vexa afectado polas limitacións na liberdade de elección das familias"
Casado advertiu de que os presidentes autonómicos do PP, tamén Núñez Feijóo, "están comprometidos en que a lei Celaá non afecte negativamente os alumnos de Galicia, Castilla y León, Andalucía, Madrid e Murcia". E adiantou que os seus gobernos "van adiantar o prazo de inscrición, de modo que o curso 2021-22 non se vexa afectado polas limitacións na liberdade de elección das familias". Segundo o presidente do PP, os pais e nais "poderán seguir elixindo libremente o centro educativo dos seus fillos, público ou concertado, alí onde goberne o PP".
Desde Galicia, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, non só non negou esta posiblidade senón que advertiu de que a nova lei educativa ofrécelle abeiro legal á Xunta para adiantar o prazo de inscrición do vindeiro curso e que así a norma non afecte nos centros galegos.
Román Rodríguez asegura que a propia 'lei Celaá' ofrécelle abeiro legal á Xunta para adiantar o prazo de inscirición e evitar que a norma afecta os centros galegos
Roríguez confirmou que o Goberno galego traballa na directriz marcada por Pablo Casado e que a nova norma educativa posibilita nunha disposición transitoria "que se poida fixar" esta cuestión co adianto da publicación do decreto de admisión de alumnado, o que permitiría, segundo o conselleiro, "regular todo o que ten que ver" con esta materia.
"Estamos cumprindo e desenvolvendo a lei Celaá mesmo antes da súa aprobación", advirte Rodríguez, que asegura que a Xunta traballa nesa devandita liña pero tamén "desenvolven doutra serie de aspectos" que afectarían o modelo educativo en Galicia.
A Xunta, xa que logo, busca esquivar aqueles aspectos da lei que considera que prexudican o sistema educativo e "preservar aqueles elementos" que "garanten" os indicadores "de calidade, de equidade e de igualdade de oportunidades".
Desde o PP, a nivel estatal, a rebelión contra a reforma é clara. "As comunidades autónomas onde gobernamos non aplicarán o vindeiro ano a lei educativa que pretende eliminar o castelán como lingua vehicular ou excluír a educación especial", advirte o partido.
"Non facemos un posicionamento ideolóxico", di, no entanto,o conselleiro de Educación, que asegura que a intención da Xunta é "preservar" o modelo educativo galego "dentro do marco legal" que establece a norma. Desde o PP, o seu secretario xeral, Teodoro García Egea, advirte dunha "resistencia cívica, legal e constitucional" contra a nova lei.
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, preguntado ao respecto, negou que o seu partido levase a cabo unha "insubmisión" á lei a través dos seus gobernos autonómicos ao non estar aínda a lei aprobada.
Celaá rexeita a "estratexia política" do PP e di que nin contempla que a formación conservadora "poida incitar ao non cumprimento da lei"
Pola súa banda, a ministra de Educación, Isabel Celaá, rexeitou a "estratexia política" do PP en referencia a ese anunciado adiante de matrícula. "Non é verdade e confunde á cidadanía", dixo este luns tras reunirse en Conferencia Sectorial coas comunidades autónomas.
Celaá recoñeceu que na reunión algúns conselleiros si abordaron ese tema, advertíndolles o Executivo central que a norma aínda está en trámite parlamentario no Senado e ten prevista a súa votación o día 23. "Non observo tan sequera a posibilidade de que unha das forzas políticas que di ser de goberno como o PP poida incitar dalgunha maneira ao non cumprimento desa lei", asegurou Celaá.