Tres de cada catro solicitantes do Mestrado de Formación do Profesorado queda sen praza nas universidades galegas
Tres de cada catro solicitantes do Mestrado de Formación do Profesorado queda sen praza nas universidades galegas. É a denuncia que fai CIG-Ensino, logo dos datos trasladados polo sindicato estudantil Erguer, tras advertir desta "disfunción" entre a "oferta raquítica" e a demanda educativa.
Segundo as cifras difundidas pola central nacionalista, son 775 as prazas ofertadas no sistema universitario galego, un número escaso que, denuncia a CIG, provoca "unha fenda económica entre o estudantado e favorece o lucro de entidades privadas de fóra de Galiza".
Unha oferta, a do actual curso 2020-21, que contrasta coas case 3.300 solicitudes presentadas (3.298) presentadas, unha demanda 4,5 veces superior ás prazas dispoñibles.
As prazas ofertadas no sistema universitario galego son 775, fronte ás 3.300 solicitudes presentadas
CIG-Ensino lembra que durante a pandemia as administracións educativas abriron listaxes de substitucións sen esixir o Mestrado de Formación do Profesorado como requisito para exercer. Ademais, e ante as "oportunidades laborais que se abren" no ensino público e privado coa renovación do persoal docente que se xubilará nesta década, as persoas aspirantes a ocupar estes postos atopan "como un dos principais obstáculos" estas escasa oferta educativa das universidades.
Así, e á marxe das titulacións en Primaria e Infantil, que non precisan curso a maiores do grao universitario para exercer a docencia, "só unha de cada catro persoas tituladas noutras especialidades obteñen praza no Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas".
As cifras detalladas tíranse do estudo feito pola organización estudantil Erguer que lle foi presentado á CIG por medio dos seus voceiros na Universidade de Santiago de Compostela (USC), Paulo Alonso e Javier Fouces.
O secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, e mais a responsable de Formación, Ana Rodiño, amosaron o seu apoio ao sindicato maioritario do ensino público na campaña que iniciou para "conseguir un aumento de prazas públicas para cursar estes estudos" en Galicia.
"Grandes desigualdades"
"Esta escaseza provoca grandes desigualdades entre o estudantado que quere formarse para poder acceder á docencia, sobre todo en termos económicos pero tamén académicos", coinciden Erguer e CIG.
“Non ten ningún sentido que habendo posibilidades de inserción laboral posterior no ensino público, como se está observando nestes últimos ano e se agarda nos próximos, sexan as universidades galegas as que obstaculicen esas opcións derivando cara a institucións privadas de fóra de Galiza ao alumnado que se pode permitir pagar os prezos abusivos de matrícula que ten este Mestrado e que, en boa parte, dos casos rolda os 6.000 euros fronte aos pouco máis de 600 que custa no noso país”, explicou Bermello, que pide á Xunta "levantar o veto á ampliación da oferta e permitir que o noso estudantado poida cursar estes estudos no noso país e na rede universitaria pública”.