A comunidade educativa do CEIP de Baamonde mantén a súa mobilización para impedir o peche do colexio, impulsado polo Concello de Begonte e, en principio, aceptado pola Consellaría de Educación. Nos últimos días nais e pais do alumnado levaron a cabo unha cadea humana ao redor do centro. Na protesta as familias amosaron novamente as faixas e carteis contra a clausura do centro empregadas noutras ocasións.
Nos últimos días nais e pais do alumnado levaron a cabo unha cadea humana ao redor do centro
A ANPA do CEIP de Baamonde esixe da Consellaría de Educación unha xuntanza para ser informada da situación na que van quedar os seus fillos e fillas. A reunión foi solicitada en varias ocasións con anterioridade, sen atopar resposta por parte do departamento autonómico, sinala a ANPA.
As matrículas para o vindeiro curso péchanse esta semana e as familias xa non puideron matricular os nenos e nenas no CEIP de Baamonde. Algunhas optaron por facelo no colexio de Parga, en Guitiriz. A Deputación de Lugo publicou nos últimos un vídeo sobre o colexio, coincidindo co 50 aniversario do centro. "Dáme moitísima pena que a nena teña que marchar para outro cole", di unha das nais. "Están a desmantelar todo: o médico, o colexio, a única sucursal bancaria que había", denuncia outra.
A Xunta de Persoal Docente non Universitario da provincia de Lugo iniciou o pasado mércores un peche no edificio administrativo do Goberno galego
De igual xeito, a Xunta de Persoal Docente non Universitario da provincia de Lugo iniciou o pasado mércores un peche no edificio administrativo da Xunta na capital provincial para protestar contra a decisión de clausurar o centro. "Consideramos que a existencia dun centro educativo próximo, no contorno rural, a maiores de ser un servizo público esencial, é un elemento dinamizador deste ámbito xa que contribúe a manter e fixar poboación e facilitar a vida dos habitantes da zona", sinalan os sindicatos participantes no encerro.
As centrais critican que a Consellería de Educación non accedera a reunirse con eles e anuncian que nos vindeiros días decidirase a realización de máis accións.
A veciñanza defende o "funcionamento exemplar" do centro e alerta do "golpe ao rural" que suporía o seu peche
As accións dos últimos días únense ás que se veñen realizando dende o pasado mes de decembro, con concentracións e manifestacións no propio Baamonde e tamén ante a sede do Parlamento, hai dúas semanas. No Concello de Begonte (Lugo) existen na actualidade dous colexios: o CEIP de Baamonde, cun 29 alumnos e alumnas, e o CEIP Virxe do Corpiño, na capital municipal, cuns 70 rapaces e rapazas. O peche da escola de Baamonde foi unha iniciativa do Concello de Begonte, no que o PP conta con maioría absoluta, e foi aceptada pola Consellaría de Educación.
A veciñanza defende o "funcionamento exemplar" do centro e alerta do "golpe ao rural" que suporía o seu peche. Nos últimos meses as comunidades educativas de distintas zonas de Galicia, especialmente na provincia de Lugo, vén mobilizándose contra o peche de centros ou o desmantelamento de determinados servizos.