O PP defende que o peche do colexio de Baamonde será "beneficioso para o alumnado”, fronte ás críticas de veciñanza e oposición

Protesta de alumnado e familias do CEIP de Baamonde ante o Parlamento © Defensa do cole de Baamonde

A clausura do CEIP de Baamonde e o "reagrupamento" dos seus 30 alumnos e alumnas no CEIP Virxe do Corpiño de Begonte, situado a uns sete quilómetros, “resultará beneficiosa para o alumnado”, defende o Partido Popular, que este martes rexeitou a proposición non de lei presentada polo PSdeG-PSOE que lle demandaba á Xunta que se mantivese o funcionamento do centro o vindeiro curso. A proposta será votada este mércores, aínda que os populares xa anunciaron o seu voto negativo.

O PSdeG-PSOE cualificou de "inadmisible" o apoio do PP ao peche do centro e lembrou que o colexio ten seis veces máis alumnos e alumnas que o mínimo legal 

O PSdeG-PSOE cualificou de "inadmisible" o apoio do PP ao peche do centro e lembrou que o colexio ten seis veces máis alumnos e alumnas que o mínimo legal para manter aberta a escola. O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, cualificou como un “despropósito sen o mínimo soporte racional” a intención de pechar o centro. "Trátase dun caso único en Galicia, España e a parte coñecida do mundo civilizado onde un alcalde queira pechar un centro educativo", mentres defende esta acción “como mellora educativa”.

Manifestación en defensa da continuidade do CEIP de Baamonde, o pasado mes de xaneiro © Defensa do cole de Baamonde

Aínda que o Goberno galego aínda non informou formalmente do peche do centro, a ANPA do colexio de Baamonde denunciou a pasada semana que xa están a ser denegadas as solicitudes de admisión no centro para o vindeiro curso

O portavoz de Educación do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro, asegurou que co traslado do alumnado de Baamonde a Begonte "poderá crearse un aula para cada nivel educativo mellorando o funcionamento do centro, compatibilizando a racionalización da oferta educativa e o uso eficiente dos recursos coa calidade do ensino”. o portavoz popular salientou “o compromiso da Xunta de realizar o maior investimento público en materia educativa dos últimos anos no concello de Begonte", uns 600.000 euros "para a rehabilitación integral do CEIP 
Virxe do Corpiño".

O peche da escola foi unha iniciativa do Concello de Begonte, no que o PP conta con maioría absoluta, e semella que foi finalmente aceptada pola Consellaría de Educación, aínda que o Goberno galego aínda non informou formalmente do peche do centro. A ANPA do colexio de Baamonde denunciou a pasada semana que xa están a ser denegadas as solicitudes de admisión no centro para o vindeiro curso. Para incrementar a confusión, a Asociación Músico Crisanto, da que depende a actual escola de música, anunciou que o próximo curso disporá das novas instalacións prometidas polo alcalde de Begonte no colexio de Baamonde. Todo iso sen que o DOG teña publicado ningunha resolución oficial sobre un posible peche ou a desafección do centro.

Manifestación en defensa da continuidade do CEIP de Baamonde, o pasado mes de xaneiro © Defensa do cole de Baamonde

Veciños e veciñas das parroquias próximas ao colexio de Baamonde levaron a cabo unha caravana de protesta organizada pola ANPA deste centro educativo e que levou ata as portas do Parlamento a alumnado e familias

Coincidindo co debate parlamentario veciños e veciñas das parroquias próximas ao colexio de Baamonde levaron a cabo unha caravana de protesta organizada pola ANPA deste centro educativo e que levou ata as portas da cámara a alumnado e familias, que reiteraron a súa demanda de que o centro non sexa pechado. A asociación de veciños de Baamonde habilitou un autobús gratuito para o desprazamento da poboación ata Compostela. 

A veciñanza de Baamonde leva mobilizándose de forma continuada dende que o pasado mes de novembro se coñeceu por primeira vez o plan para pechar o colexio para trasladar todo o seu alumnado ata a escola de Begonte, situada a uns sete quilómetros de distancia. Defenden o "funcionamento exemplar" do centro e alertan do "golpe ao rural" que suporía o seu peche. Nos últimos meses as comunidades educativas de distintas zonas de Galicia, especialmente na provincia de Lugo, vén mobilizándose contra o peche de centros ou o desmantelamento de determinados servizos.

Nenos e nenas, ás portas do CEIP de Baamonde © TIC-Servizo de Audiovisuais
Interior do CEIP de Baamonde © TIC-Servizo de Audiovisuais

A mobilización da comunidade educativa do CEIP de Baamonde conta co apoio da Deputación de Lugo, cuxo presidente, José Tomé, esixe á Xunta que "escoite á ANPA e aos veciños" e manteña aberto o colexio público de Baamonde. O Grupo Provincial Socialista presentará no próximo Pleno da Deputación una moción para reclamar á Consellería de Educación que garanta o mantemento do colexio, que desbloquee a matrícula para o próximo curso e que "aclare os plans do alcalde de Begonte". “Resulta insólito que un Alcalde do rural queira pechar unha escola pública”, dixo Tomé, que tamén acusou ao Conselleiro de Educación de "xogar ao despiste", mentres "coa súa inacción deixa avanzar a política de feitos consumados do Alcalde”. 

A mobilización da comunidade educativa do CEIP de Baamonde conta co apoio da Deputación de Lugo, cuxo presidente, José Tomé, esixe á Xunta que "escoite á ANPA e aos veciños" e manteña aberto o colexio público de Baamonde

"Mentres a Deputación traballa polo equilibrio territorial e pola mellora da calidade de vida e dos servizos públicos no rural, a Xunta e o Partido Popular redúcenos e privatízanos”, subliñou Tomé. O Grupo Provincial Socialista na Deputación lucense critica tamén a suposta cesión do colexio de Baamonde á Asociación Músico Crisanto, unha entidade privada. "É inaceptable que se recorten servizos no rural cedendo un edificio público a unha iniciativa privada”, sinala. Ademais, lémbrase que o pasado ano a Xunta anunciou o proxecto de dotar a Begonte, Rábade e Outeiro de Rei dun Conservatorio de grao medio, cun investimento de 360.000 euros para a compra dun edificio. "Se o proxecto inicial contaba con cartos da Xunta, por que non se mantén? Onde foron eses cartos?", preguntan os socialistas.

Gonzalo Caballero, apoiando as reivindicacións da comunidade educativa de Baamonde © PSdeG-PSOE

Apoio dende Parga (Guitiriz)

A asociación de veciños de Parga denuncia "o interese egocentrista dun alcalde que, lonxe de defender os dereitos e os servizos da súa cidadanía, pretende desmantelalos, co apoio covarde da Consellería de Educación

A mobilización da comunidade educativa do centro, que abrangue a veciñanza de Baamonde, Pacios, Carballido, Vilariño, Bóveda, Pígara ou Soexo, recibiu tamén o apoio de entidades veciñais de parroquias próximas, como Parga, en Guitiriz. A asociación 'Parga non se divide' amosou a súa "total solidariedade" coa veciñanza de Celeiro e Baamonde, "que están a sufrir un ataque e desmantelamento dos seus servizos similar ao que se vén producindo na nosa propia vila, e que pon en risco a pervivencia dos nosos pobos". A veciñanza de Pígara, en Guitiriz, cuxa rapazada tamén acode ao CEIP de Baamonde, mobilizouse fronte ao Concello de Guitiriz

A entidade denuncia "o interese egocentrista dun alcalde que, lonxe de defender os dereitos e os servizos da súa cidadanía, pretende desmantelalos, co apoio covarde dunha Consellería de Educación que nin tan sequera é capaz de defender unha decisión de tal calado e que se parapeta na maioría absoluta do PP en Begonte para apoiala". A asociación alerta tamén da "destrución de servizos bancarios que se está a producir en ducias de vilas do país, nomeadamente en Baamonde e Celeiro onde pechan as únicas oficinas bancarias existentes".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.