"Non é certo que vaia haber menos profesorado que no curso 2019-20, haberá máis", di a Xunta ante a denuncia de sindicatos, centros e ANPAs
Mentres as protestas en institutos e colexios por contaren para o vindeiro curso con menos profesorado que antes da pandemia séguense espallando por Galicia, a Consellería de Cultura e Educación nega con rotundidade os recortes. Fronte a denuncias como as da CIG-Ensino, que advirte dun "plan de liquidación dos actuais cadros de persoal nos centros educativos", as afirmacións contundentes da Xunta de que "haberá máis docentes" que no curso 2019-20, o último que empezou sen rastro do coronavirus.
"Non é certo que vaia haber menos profesorado que no curso 2019-20; podemos afirmar que haberá máis", insiste a Consellería, que advirte de que só se poderá facer balance en setembro, cando se peche a matrícula, pero que asegura que "non existen recortes".
Faino en resposta ás denuncias que chegan de sindicatos, anpas e varios colexios e institutos agora que as xefaturas territoriais de Educación están a informar aos centros do cupo de profesorado para o curso 2021-22. A CIG-Ensino, que fixo un estudo que abrangue xa arredor do 50% dos centros de Secundaria, advirte dun recorte, polo momento, de 435 prazas respecto do curso pasado e de 189 en comparanza con hai dous, sen os docentes de reforzo pola COVID que si houbo ata este mes de xuño.
CIG-Ensino, en base a un estudo no 50% dos centros de Secundaria, advirte dun recorte, polo momento, de 435 docentes con respecto ao curso pasado
"Estes números serán maiores aos que estamos mostrando xa que quedan datos de moitos centros galegos que serán evidentes ao comezo do curso agás que a Consellaría recapacite e modifique os cupos dos centros", advirte a CIG, que di que "as cifras non admiten dúbidas". "O recorte de profesorado será enorme en Secundaria e as condicións nas que se traballará nos institutos e nos colexios serán moito peores", insisten nunha crítica que comparte co BNG.
A formación nacionalista denuncia tamén "unha avalancha de recortes en todos os niveis do ensino público" e pregúntass e "esta é a maneira que ten o Goberno de Feijóo de agradecerlle ao profesorado o esforzo na pandemia".
Arredor de 30 institutos, segundo denuncia o sindicato, perderán para o vindeiro curso máis de 5 docentes, chegando a superar o dobre ou o triplo nalgúns casos. Entre eles, o IES María Soliño de Cangas ou o IES da Illa de Arousa, onde xa houbo mobilizacións da comunidade educativa, como antes no colexio de Infantil e Primaria de Outes, onde se perderían dous profesores e unha coidadora, ou no CEIP Areouta, en Sardiñeiro, Fisterra, entre outros.
No centro do Morrazo, o claustro e o ANPA emitiron un comunicado no que denuncian o "drástico recorte de profesorado" e manifestan a súa "indignación e impotencia". Denuncian que perderán cinco profesores e medio respecto ao curso 2019-20 malia que "existe unha previsión no incremento da matrícula respecto ao curso pasado de máis de 50 alumnos e que se aprobou a creación dun grupo máis en 1º da ESO".
En institutos de Cangas ou A Illa, centros e Concello rexeitan o "drástico recorte de profesorado" para o vindeiro curso
O recorte, denuncian, imposibilitaríalles a organización das gardas, así como impartir diferentes materias. "Esta redución déixanos nunha situación totalmente precaria, pois só disporíamos de 42 profesores fronte aos 49 e medio que tivemos este ano", din.
Na Illa de Arousa, ás queixas da ANPA unírase tamén o Concello, advertindo tamén da súa "total disconformidade coa dŕastica reducción do profesorado" no instituto de cara ao vindeiro curso académico. "É absolutamente sorprendente que na educación pre-covid o número de profesionais fose de 23 e agora, aínda en pandemia, se reduza a cifra a menos que antes dela", denunciaron os pais e nais. Serán, din, sete profesores menos que o ano pasado co mesmo alumnado.
Desde a Consellería insisten en que non hai recortes e que as "modificacións" que houber "irían en relación a cambios na matriculación polo descenso demográfico (só en Infantil e Primaria haberá 4.000 alumnos menos pola caída da natalidade) ou dos requisitos sanitarios establecidos polo Goberno central". "Pero os centros seguirán contando con todo o persoal preciso para cubrir todas as súas necesidades e manter os estándares de calidade", din. E isto, aclara Educación, a pesar de que seguen "sen saber que recursos vai transferir o Goberno ás comunidades autónomas para este fin".
"Os centros seguirán contando con todo o persoal preciso para cubrir todas as súas necesidades e manter os estándares de calidade", di a Xunta
Con todo, outros colectivos, como a Confederación Anpas Galegas, denuncian tamén "fondos recortes de profesorado" e acusan a Consellería de comunicalos "ás agachadas, sen informar ás famlias do que quere facer e utilizando as vacacións para realizar cambios sen resposta social".
Ademais, a estas denuncias súmanse tamén as de pais e nais de alumnado de escolas infantís unitarias, como o caso ade Sabaxáns, en Brión. Alí, a comunidade educativa denuncia que a Xunta decidiu pechar unha das dúas aulas que tiñan, reducir as horas da mestra de apoio e xuntar os 18 alumnos dos tres cursos de infantil.
"Queremos que se manteña a escola igual ca o ano pasado, mantendo así as distancias de seguridade e as horas da mestra de apoio. Alegamos motivos de saúde, distancia social e prevención fronte á COVID", demandan nais e pais.
"A mellor ratio alumno / profesor de España", di a Xunta
Así, e respecto das queixas de que a perda de profesorado influirá tamén no aumento das ratios, desde a Consellería advírtese de que estas "están reguladas pola lei estatal de educación e non cambiaron nin coa pandemia nin coa aprobación da lei Celaá". "Son 25 alumnos por aula en Infantil e Primaria e 30 en Secundaria. Galicia non só cumpre estas ratios, senón que as mellora", din.
"Temos a mellor ratio alumno / profesor de España xunto a Estremadura (9,2 fronte á media estatal de 11,3). Ademais, o 70% das aulas de Infantil e Primaria da nosa Comunidade teñen 20 alumnos ou menos e o 30% teñen 10 alumnos ou menos", insisten desde Educación.