A Xunta presentou o Protocolo de Adaptación para o curso 2021-22 nos centros de ensino non universitario. O documento supón unha relaxación de moitas das restricións e medidas de seguridade e prevención que estiveron en vigor no curso pasado co obxectivo de evitar contaxios. Porén, CIG-Ensino denuncia que "haberá menos persoal" e que se eliminan a maior parte dos desdobres e reducións de ratios.
En caso de transmisión moi baixa permitirase que os grupos de convivencia estable interaccionen con outros grupos do mesmo curso, sobre todo ao aire libre
Entre as novas medidas presentes no protocolo, destaca a ampliación da capacidade en bibliotecas ao 75%, recuperándose o préstamo de libros. Así mesmo, poderase volver a compartir os materiais escolares entre o alumnado. Tamén aumenta o aforo dos aseos ata o 50%. A distancia mínima entre o centro das cadeiras será de 1,20 metros excepto en infantil e primaria, onde haberá grupos de convivencia estable. Engádese que, se o tamaño da aula non é suficiente para manter a distancia, poderán colocarse mamparas que garantan unha distancia de 1 metro.
Elimínase a posibilidade do ensino semipresencial no Bacharelato e mantense para a FP e ensinanzas de réxime especial. Así mesmo, elimínase a recomendación de que o persoal e profesorado non roten e se organicen en grupos estables. De igual xeito, en caso de transmisión moi baixa permitirase que os grupos de convivencia estable interaccionen con outros grupos do mesmo curso, sobre todo ao aire libre.
A CIG critica que "haberá menos persoal" e eliminaranse a maior parte dos desdobres e reducións de ratios
CIG-Ensino amósase crítica co protocolo, non tanto por estas medidas, como pola desaparición de moitas das accións de reforzo de persoal que permitiron reducir o tamaño dos grupos no curso que vén de rematar. Segundo o sindicato, "haberá menos persoal" e eliminaranse a maior parte dos desdobres e reducións de ratios. A central nacionalista critica que na reunión do Consello Escolar de Galicia o Conselleiro de Educació "só falase de 1.200 contratos vinculados a programas como ARCO ou PROA (a media xornada) e que non se comprometese a blindar as 1.350 contratacións que a día 10 de outubro de 2021 se produciran por riba do habitual para dar resposta á covid".
"Que agora se pretenda volver ás andadas dos recortes, das aulas saturadas e do profesorado insuficiente é a proba da falta de empatía e de compromiso da Xunta coa educación en xeral e co ensino público en particular"
Para a CIG, no curso que vén de remata quedou claro "que só o alto nivel de implicación de profesorado, persoal non docente, familias en xeral e, por suposto, o propio alumnado, puideron levarnos a onde estivemos: garantindo a presencialidade e a maior equidade posíbel fronte aos intentos iniciais da Consellaría de recorrer á semipresencialidade e a limitar ao máximo o aumento de persoal docente".
"Que agora se pretenda volver ás andadas dos recortes, das aulas saturadas e do profesorado insuficiente é a proba da falta de empatía e de compromiso da Xunta coa educación en xeral e co ensino público en particular", conclúe a central, que engade: "deixen as felicitacións e déannos recursos humanos e económicos".