A comunidade educativa reclama manter o profesorado de reforzo pola COVID e a Xunta advirte de que foi "extraordinario"

Alumnado dun instituto galego, na aula durante a pandemia CC-BY-SA Xunta

O primeiro curso académico completo afectado pola pandemia rematou xa esta semana entre as felicitacións compartidas entre familias, alumnado e profesorado e o recoñecemento do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, a toda a comunidade educativa polo "intenso e extraordinario traballo" que foi "clave" para acadar a máxima presencialidade e un impacto da COVID menor que no conxunto da sociedade. 

O profesorado de reforzo contratado a causa do coronavirus permitiu o desdobramento de aulas e a redución de ratios que facilitou que en Infantil e Primaria non se superasen os 25 alumnos e que en Secundaria se pasase e moitísimos casos de elevadas cifras de máis de 30 mozos e mozas á vintena. 

Unha aula dun instituto galego, con medidas para manter a distancia pola COVID CC-BY-SA Xunta

Dentro de todo o negativo que trouxo a pandemia, a redución de rapazada por aula permitiu, como destacan docentes, familias ou sindicatos, dedicar máis tempo ao alumnado e artellar mellor un curso con todas as dificultades organizativas que supuxeron as restricións e prevencións pola COVID. 

Malia a petición de anpas, sindicatos e Estado para manter o profesorado de reforzo, a Xunta non o confirma e advirte que a contratación foi "extraordinaria"

Agora, malia a petición clara de todas as centrais sindicais de Galicia, das anpas (asociacións de nais e pais) e do Goberno central para que se manteña no posto todo este profesorado de reforzo pola COVID, a Xunta non só non se compromete a facelo senón que insiste en puntualizar que a situación foi "extraordinaria" e que o aumento de medios debeuse a unha "cuestión sanitaria" que haberá que ver como evoluciona. 

Si se comprometeu o conselleiro, Román Rodríguez, á posta en marcha do Plan Recupera, con 1.250 profesores, para un reforzo académico que evite "que ningún alumno quede atrás" por mor da pandemia. Refírese a un programa xa comprometido e que se inclúe no plan estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola UE. 

"Programas de reforzo coma estes xa están financiados e comprometidos e ían existir igual", lembra Suso Bermello, secretario xeral de CIG-Ensino, sindicato maioritario no ensino público galego. A clave, insisten esta e outras centrais, estará na decisión que tome a Xunta cos 1.350 docentes interinos que a Consellería cifrou na mesa sectorial como "contratacións covid" de reforzo neste curso e que teñen o seu futuro no aire. Os que dela dependen. 

A Consellería contratou 1.350 docentes a maiores pola covid, ademais de contar con perto da mesma cantidade do profesorado extra habitual e a media xornada

Un persoal, este interino contratado especificamente por mor da COVID e para permitir o desdobramento de aulas, que nada ten que ver con programas de reforzo habituais cada ano, de persoal maioritariamente a media xornada, para complementar e axudar ao traballo dos docentes e que este curso incrementou un chisco o seu número. 

En total, uns 2.600 profesores e profesoras extras, pero algo máis da metade deles contratados especificamente para paliar os efectos da pandemia e a maiores do que adoita ser habitual nun curso. Da renovación dos seus contratos depende que se manteñan desdobramentos, ratios reducidos e axeitados e mellores condicións para docentes e alumnado. 

Medición do nivel de CO2 nunha aula do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño © IES Antón Alonso Ríos

Para Confapa-Galicia (Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos), "quedou claro neste curso que o desdobramento de aulas e a redución de ratios foi moi positiva para docentes e alumnado". 

"Toda a comunidade educativa está de acordo en manter o profesorado de reforzo porque o seu impacto foi moi enriquecedor", di Confapa-Galicia

"Toda a comunidade educativa está de acordo en manter o profesorado de reforzo porque o seu impacto foi moi enriquecedor para todos", di Rogelio Carballo, presidente de Confapa, que recoñece non ter "ningunha información" sobre as intencións da Xunta, á que pide que "conten" coa súa opinión á hora de decidir. 

Desde a Xunta aclárase que a decisión dependerá de moitos factores aínda por coñecer, como o número de matriculacións, a evolución da pandemia e os protocolos definitivos que marquen as autoridades, ademais dos fondos estatais que o Goberno central destine para estes reforzos non confirmados. 

O ensino público galego adaptarase ás novas medidas pactadas entre autonomías e Executivo central que reducen a distancia entre alumnos de 1,5 a 1,2 metros e polas que Román Rodríguez xa avanza que poden "xerar algún tipo de axuste".

Fontes da comunidade educativa temen que a Xunta só renove o contrato do profesorado de reforzo en Infantil e Primaria

Fontes da comunidade educativa temen que deses 1.350 docentes interinos extras do curso pasado queden poucos. Moi poucos. Aínda que desde a Consellería non se dá chío, advirten de que a primeira intención da Xunta é manter os arredor de 240 docentes incorporados a Infantil e Primaria que permitiron crear máis de 140 aulas novas. 

Non semella ser a mesma intención que en Secundaria, onde non hai noticias de que se renove o contrato dese profesorado de reforzo para un colectivo que, maioritariamente, prevese que sexa vacinado contra a COVID nas primeiras semanas do vindeiro curso. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.