Galicia supera o millón de persoas coa vacinación completa contra a COVID e a incidencia segue contida en risco baixo

Vacinación contra a COVID en Ourense o pasado 18 de xuño CC-BY-SA Sergas

Galicia xa ten máis dun millón de persoas coa pauta completa de vacinación contra a COVID-19, que consiste en dúas doses agás na de Janssen, dunha soa. Foi na área sanitaria de Lugo onde -segundo confirma o Sergas-, foi administrada a simbólica 'dose un millón'. Contra as catro da tarde deste 21 de xuño eran xa, concretamente, 1.011.013 as persoas que completaran o proceso de inmunización despois de tres días, de venres ao domingo, no que foron administradas unha media dunhas 24.000 doses ao día.

Os datos feitos públicos este luns polo Ministerio de Sanidade, pechados o domingo, aínda reflicten unha cantidade de persoas coa pauta completa en Galicia un chisco inferior, pero xa igualmente por riba do millón. Con datos do domingo, o Sergas levaba administradas 2,43 millóns de doses de vacinas, o 96,4% das recibidas, algo máis de 3 puntos por riba da media estatal. Este luns chegou un novo envío ás comunidades autónomas.

O 41% da nova poboación diana en Galicia da campaña de vacinación, composta agora por todas as persoas de 12 ou máis anos, ten xa posta a pauta completa e o 62% recibiu polo menos unha dose

Ese algo máis dun millón de persoas coa pauta completa supón superar o 41% da poboación diana da campaña de vacinación, que agora xa non está composta polas persoas maiores de 16 anos, senón por toda a poboación de 12 anos en diante, segundo os cambios aprobados na estratexia de vacinación. Nesta liña, o Ministerio desagrega xa tamén as porcentaxes do seguinte grupo de vacinación que se incorporará á inmunización masiva, o da poboación de 30 a 39 anos. Sobre o total da nova poboación diana, en Galicia é case o 62% a que recibiu xa polo menos unha dose.

Nas últimas xornadas, o maior avance na vacinación en Galicia percíbese nas pautas completas entre a poboación de 50 a 59 anos (que acadan o 65%) e tamén no grupo de 40 a 49 anos, que xa supera o 52% con polo menos unha dose. Prevese que esta semana algúns dos principais avances se perciban nas pautas completas da poboación de 60 a 69 anos, cuxa citación masiva xa deu lugar este luns a retencións de tráfico en centros de vacinación como os habilitados no Ifevi de Vigo ou na Cidade da Cultura, en Santiago.

Incidencia contida en niveis de risco baixo

O Sergas notifica este luns 56 casos novos, exactamente os mesmos que unha semana antes

Este fito simbólico no proceso de vacinación prodúcese mentres, para o conxunto de Galicia, os principais indicadores de evolución da COVID-19 seguen contidos nos seus niveis máis baixos en dez meses, pero cunha capacidade diagnóstica moito máis elevada que daquela. Este luns, o Sergas notificou 56 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo. É exactamente a mesma cifra que hai unha semana.

Cun ritmo estable nunha media dunhas 78 infeccións diarias diagnosticadas nos últimos sete días, as incidencias acumuladas permanecen nos niveis de risco de transmisión baixo -atendendo aos protocolos vixentes- tanto a 7 como a 14 días. O dato global galego é duns 41 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e un chisco menos da metade a 7 días (20,29), o que acredita a devandita estabilidade. Ambos indicadores baixan minimamente.

O feito de que Galicia continúe no nivel de risco baixo propiciará, a priori, unha implantación sen problemas na flexibilización do uso da máscara, que o Goberno de España prevé aprobar o vindeiro xoves para que, dende o sábado, finalice a obriga xeral de portala ao aire libre. Nesta liña, este luns o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, admitía -alén de reiterar as críticas a Pedro Sánchez polo anuncio- que esa medida vai chegar esta semana e evidenciaba que, no entanto, cumprirá que todas as persoas sigan levando consigo unha máscara ao saír, xa que será preciso poñela en lugares exteriores onde non sexa posible gardar a distancia de seguridade e tamén, como ata agora, en espazos pechados.

Incidencias estables ou á baixa agás na área da Coruña-Cee

Esta situación de contención xeral na situación epidemiolóxica, como en días anteriores, segue tendo polo momento unha excepción, a da área sanitaria da Coruña-Cee. A incidencia acumulada a 14 días aínda sobe nesta área sanitaria (cuns 72 casos novos por cada cen mil habitantes) mentres, en todas as demais, segue estable e mesmo en dúas delas, as de Vigo e Santiago-Barbanza, segue a descender. Así e todo, como amosa o g´rafico baixo estas liñas, dende a lixeira repunta de casos novos posterior á Semana Santa, a suma de incrementos das diferentes áreas tende a ser cada vez menos intensa en cantidade e duración.

Neste contexto, a situación hospitalaria tamén segue tendendo ao acougo. Así, e aínda que nas fins de semana é habitual que se tramite un menor número de altas, ás seis da tarde do domingo había nos hospitais galegos 59 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19, unha menos que un día antes e e dez menos que o mesmo día da semana anterior. Son menos de 60 por primeira vez dende o 16 de agosto de 2020.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.