A incidencia da COVID en Galicia, na 'zona verde' de Europa malia ás subas en tres áreas nos últimos días

O mapa da COVID actualizado polo ECDC a 17 de xuño sitúa Galicia entre os territorios do continente cunha situación máis favorable CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Abegondo | Mapa: ECDC | Montaxe: Praza Pública

O Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC, polas súas siglas en inglés) publica semanalmente un mapa de risco da COVID-19 na Unión Europea e os Estados da súa contorna, baseado nas recomendacións do Consello para aplicar ou non restricións á liberdade de movementos no continente. O coñecido como semáforo do coronavirus ten o seu nivel máis favorable representado coa cor verde e nel sitúanse os territorios cunha incidencia acumulada a 14 días inferior a 50 casos novos por cada cen mil habitantes e unha positividade inferior ao 4% en probas diagnósticas ou unha incidencia por baixo de 75 e unha positividade inferior ao 1%.

Na Península Ibérica só hai actualmente dous territorios dos reflectidos no mapa que cumpren esas condicións. Un é Galicia e o outro, a Comunitat Valenciana. No mesmo nivel están tamén as Illes Balears. Portugal, mentres, está en nivel laranxa (o país veciño conta a estes efectos como unha única unidade territorial), o mesmo que sucede con nove comunidades autónomas de España (outras catro seguen, polo momento, en nivel vermello).

Mapa de risco da COVID na UE, actualizado polo Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades a 17 de xuño de 2021 © ECDC

Esta situación favorable de Galicia, por baixo dos limiares esixidos tanto en incidencia como en positividade, mantense na última actualización do mapa europeo da COVID-19 (publicada este 17 de xuño con datos de dous días antes) malia ao lixeiro e relativo empeoramento dalgúns indicadores epidemiolóxicos no país nas últimas xornadas. Esa circunstancia apenas se aprecia polo momento nos datos a 14 días, pero si se vén vendo con claridade nas incidencias acumuladas a 7 días na área sanitaria da Coruña-Cee dende principios de mes e, máis recentemente e con menos intensidade, nas áreas de Lugo e Ourense.

Os aumentos na incidencia na área da Coruña-Cee e, en menor medida, nas de Lugo e Ourense, propician que o dato galego deixe de baixar e entre nunha fase de estabilidade

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, a tendencia da incidencia acumulada a sete días é claramente ascendente na área sanitaria coruñesa, cuns 38 casos novos por cada cen mil habitantes que, así e todo, están lonxe, por exemplo, da acadada na repunta de incidencia posterior á Semana Santa. A mudanza na tendencia da área de Lugo é máis recente e sitúaa arredor dos 27 casos novos por cada cen mil habitantes neste período. Un brote laboral e un encontro familiar están -segundo informou a área sanitaria e recolle El Progreso- por tras do groso deste incremento. Ourense, pola súa banda, tamén vira a tendencia e sobe dos 24 casos novos por cada cen mil habitantes a sete días.

Estas mudanzas locais provocan que o dato galego da incidencia acumulada a sete días deteña o seu descenso e suba unhas décimas (ata un pouco máis dos 20 casos novos por cada cen mil habitantes) e que suceda o mesmo co indicador a 14 días (arredor dos 42). Son, en calquera caso, incrementos moi lixeiros e notablemente afastados do acontecidos en anteriores vagas. É tamén significativo que, no dato global galego, o dato a sete días siga sendo menos da metade que o dato a 14 días, o que implica estabilidade e mesmo lixeiras posibilidades de volver baixar.

Estabilidade nos novos casos e na hospitalización

Estas variacións locais, sobre todos os incrementos en días pasados nas áreas da Coruña-Cee e Lugo, dan lugar a que os descensos nas cifras de novos casos para o conxunto de Galicia deixasen paso, nos últimos días, a unha tendencia máis estable. Este venres, o Sergas notificou 87 novos casos do coronavirus, os detectados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. Nos últimos sete días con datos completos foron diagnosticados unha media diaria de algo menos de 80 infeccións. Hai unha semana, este dato situábase un chisco por baixo das 82.

Tamén a estabilidade é a tónica dominante na situación dos hospitais. Por segundo día consecutivo, o Sergas informa de 61 persoas ingresadas nos hospitais galegos con test positivo do coronavirus. Son oito menos que unha semana antes e, malia a ralentización da diminución, outro mínimo dende agosto de 2020.

Fin da obriga xeral de usar máscara ao aire libre dende o 26 de xuño

Sánchez sinala o avance na vacinación como clave para relaxar o uso da máscara, que en Galicia é obrigatoria ao aire libre aínda que haxa distancia de seguridade dende xullo de 2020

Todos estes indicadores rexístranse na xornada en que o Goberno de España, por boca do seu presidente, puxo data a unha das medidas máis agardadas das últimas semanas e meses: a fin da obriga xeral de uso de máscara ao aire libre para evitar contaxios da COVID-19. Nun discurso ante o Cercle d'Economia catalán, en Barcelona, Pedro Sánchez avanzou que a vindeira semana, nun Consello de Ministros extraordinario, o seu gabinete aprobará as mudanzas precisas na lei de nova normalidade para modificar ese precepto. O cambio, avanzou, estará en vigor dende o sábado 26 de xuño.

En Galicia, a obrigatoriedade xeral do uso da máscara en exteriores aínda que haxa distancia de seguridade entre as persoas está implantada dende xullo de 2020 por decisión da Xunta. Esta obrigatoriedade, á que se sumara a práctica totalidade das comunidades autónomas, incorporouse de maneira máis ampla á lexislación estatal o pasado marzo, tras a prolongada tramitación parlamentaria da devandita lei, que agora será modificada pola vía rápida. Sánchez sinala a boa marcha da vacinación contra a COVID-19 como unha das claves para a relaxación desta restrición. Á espera dos detalles da reforma, prevese que a máscara continúe sendo obrigatoria ao aire libre cando non sexa posible gardar distancia de seguridade e que tamén o siga sendo en espazos interiores.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.