Dende o pasado sábado, 12 de xuño, en Galicia rexe o nivel de restricións da Xunta pola COVID-19 máis livián dende o verán de 2020. A do verán do ano pasado é tamén a referencia para os principais indicadores epidemiolóxicos que marcan actualmente a pandemia en Galicia, aínda que con varias diferenzas clave: os baixos niveis de incidencia son semellantes aos de agosto do ano pasado, pero cunha capacidade diagnóstica moito maior, e ademais rexístranse mentres a vacinación continúa avanzando.
Cos datos do último día completo dispoñible (o sábado, día 12), a incidencia acumulada do coronavirus sitúase en Galicia en niveis de risco de transmisión baixo (atendendo aos protocolos vixentes) tanto a 14 como a sete días, situados en 50 e 25 casos, respectivamente. Nas últimas dúas semanas, o país rexistra uns 43 casos novos por cada cen mil habitantes e algo menos de 21 a sete días.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o indicador a sete días transita nas últimas xornadas por un certo estancamento. Non obstante, o feito de que a incidencia acumulada a sete días siga sendo menos da metade que o indicador a 14 días evidencia aínda que, malia ser lixeira, continúa a tendencia descendente para o global de Galicia.
Sobre o mapa, a situación epidemiolóxica segue sendo de acougo, alén de lixeiras variacións locais. Son máis de 200 os concellos onde non se rexistrou ningún caso novo da COVID-19 nos últimos sete días e un total de 157 levan 14 días sen ningún novo. [No 85% dos concellos galegos a incidencia da COVID baixou ou mantívose tras un mes sen Estado de Alarma]
Na banda contraria sitúanse os concellos con máis incidencia acumulada que, como vén sucedendo dende hai semanas, chegan a niveis moito máis baixos dos rexistrados en anteriores vagas. Así, os municipios con incidencias máis altas a 14 días apenas superan os 300 casos por cada cen mil habitantes e a maioría son, ademais, concellos cun escaso número de habitantes, onde moi poucos casos novos provocan que este indicador suba rapidamente.
No que atinxe ás sete principais cidades, todas elas están dende os primeiros días de xuño por baixo dos 100 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días. A peor tendencia é nas últimas xornadas a de Lugo (82 casos por cada cen mil habitantes) e, no lado oposto, Vigo, Pontevedra e Santiago xa cruzaron cara a abaixo o limiar do risco baixo neste indicador, que os protocolos vixentes sitúan nos 50 casos novos por cada cen mil habitantes.
A menor hospitalización dende agosto de 2020
Todos estes datos epidemiolóxicos continúan, con maior ou menor ritmo segundo o día, reflectíndose nos hospitais. As 69 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 que se rexistraban ás seis da tarde do domingo eran apenas unha máis que vinte e catro horas antes, pero tamén 14 menos que o mesmo día da semana anterior. O impacto das vacinas tamén se reflicte neste indicador, xa que contribúen decisivamente a que as persoas infectadas non desenvolvan a doenza ou, de facelo, non cheguen a precisar asistencia hospitalaria nos máis dos casos. Cómpre ter en conta ademais que os datos de hospitalización dos domingos adoitan estar condicionados polo feito de que durante as fins de semana son tramitadas menos altas hospitalarias.
O alivio da presión asistencial da pandemia sobre o Sergas reflíctese tamén no que segue sendo un dos indicadores de referencia para a Xunta a efectos de comunicación, os denominados casos activos. A actualización desa cifra reflicte este luns apenas 1.401 casos. Cómpre remontarse tamén a mediados de agosto de 2020 para atopar unha cifra tan baixa. No peor da terceira vaga, en plena eclosión dos contaxios do Nadal e Aninovo, Galicia chegou a superar os 22.000 casos activos.