O Sergas combinará na vacinación de menores de 40 o chamamento por SMS coa autocita para "encher ocos"

Persoal do Sergas, no inicio da vacinación masiva na Cidade da Cultura, en Santiago © Xunta

"En xullo" e cun sistema "mixto" de citación automática mediante mensaxes de texto ao móbil (SMS) e de autocita a través de internet. Despois de que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzase nun encontro cunha asociación de xornalistas, o presidente da Xunta confirmou este mércores a preguntas dos medios en rolda de prensa os trazos fundamentais do plan que manexa o Goberno galego para vacinar a poboación menor de 40 anos.

A Xunta ratifica que prevé comezar "en xullo" a vacinación da poboación menor de 40

"Unha vez finalizados os grupos de maiores de 40, empezaremos en xullo cos menores de 40 anos e imos facer un sistema mixto", sinalou Feijóo. Neste grupo de idade, o "sistema de chamamento programado" mediante SMS convivirá con outro de "voluntarios que nos notifiquen o seu interese por ser vacinados" de forma "voluntaria".

Sinala o presidente do Goberno galego que este modelo "mixto" está concibido para quen, por razóns "laborais", de "vacacións" ou "compromisos ineludibles", calculen que non poderán acudir á vacinación cando sexan citados e soliciten facelo antes. Tamén, detalla, porque "a medida que baixa a idade" da poboación chamada a vacinar, descende tamén "dous ou tres puntos" a porcentaxe das persoas que acoden "no prazo sinalado". 

Feijóo e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en San Caetano este 9 de xuño CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Algunhas das ausencias, detallan, son por incompatibilidades horarias que levan estas persoas a acudir cando son citadas de novo, na "repesca", e o Sergas prevé que esta circunstancia poida aumentar co grupo máis mozo, máis aínda no verán. Sanidade calcula que haberá "máis ocos" e por iso abrirá a posibilidade de "enchelos" coas persoas que indiquen "días nos que lles viría ben ser chamadas".

O sistema de autocita, di Feijóo, está concibido para as persoas con impedimentos de "axenda" para acudir cando sexan citadas, se ben o Sergas non pedirá "un documento" para demostralo: "Simplemente, imos crer no que nos din"

Adianta tamén Feijóo que, aínda que a idea sexa que estas persoas se apunten se prevén que terán un motivo concreto que lles impida acudir á cita cando lles chegue, "non imos pedir un documento" que o acredite. "Simplemente, imos crer no que nos din" e "se teñen un evento, necesitan saír de vacacións e xa as teñen pechadas" ou "hai un problema de axenda persoal ou laboral", a Xunta "entende" que "coa palabra das persoas, chega".

"Non imos pedir un documento probatorio, imos pedir a ética e a responsabilidade ante un medicamento que escasea", conclúe. En calquera caso, subliña, "imos seguir citando de forma automática", pero agora tamén "cunha maior previsión para os ocos". Os días concretos en que comece a implantación deste modelo dependerá do avance dos grupos de idade anteriores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.