A vixente estratexia estatal para afrontar a COVID-19 inclúe o coñecido popularmente como semáforo de niveis de risco de transmisión do virus, en liña co fixado polas autoridades sanitarias da UE. Este risco pode ser moi alto, alto, medio ou baixo e fixa un nivel final da chamada "nova normalidade". Depende de diversas variables. Unha delas, a incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes), considérase de "risco baixo" cando descende dos 50 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e dos 25 a 7 días.
A incidencia a 14 días cruza o limiar dos 50 casos por cada cen mil habitantes despois de que o indicador a 7 días xa baixase dos 25
Nos primeiros días de xuño, Galicia xa cruzou o limiar do risco baixo na incidencia a 7 días e agora disponse a facer o mesmo coa variable a 14. Nos últimos sete días con datos completos rexistráronse uns 22 casos novos por cada cen mil habitantes e nos últimos 14 foron 50,88, pero incorporando os datos rexistrados entre as 00:00 e as seis da tarde do martes, día 8, o resultado xa é inferior a 50. Todo isto, un mes despois da fin do segundo Estado de Alarma pola COVID-19, momento elixido pola Xunta para anunciar que, dende o vindeiro día 12, dará un paso máis na relaxación das restricións suprimindo os límites ás reunións entre non conviventes, entre outras mudanzas.
Por áreas sanitarias, a incidencia acumulada a 14 días baixa con claridade de 50 nas da Coruña (43) e Ourense (47). Nas restantes, non obstante, a tendencia é descendente e a de maior incidencia acumulada neste indicador, Lugo, vén de baixar dos 60.
O cruzamento deste limiar numérico prodúcese nunha xornada na que o Sergas notificou 71 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes, once menos que na mesma xornada da semana anterior. Nos últimos sete días con datos completos, en Galicia diagnosticouse unha media algo inferior ás 85 infeccións diarias. É o nivel máis baixo dende os primeiros días de agosto de 2020, aínda que daquela eran procesadas unhas 1.500 probas PCR ao día e agora son máis de 4.000 e ademais, na actualidade outras probas como os test de antíxeno teñen un peso que non existía naqueles meses do pasado verán.
Neste cadro xeral, os únicos indicadores relativamente máis desfavorables chegan dende algunhas das sete principais cidades. É o caso da Coruña e Ourense, onde os indicadores de incidencia acumulada a 7 días son máis da metade das cifras a 14 días, que están practicamente planas. Esta circunstancia apunta a un empeoramento relativo dunha situación que, así e todo, cando menos de momento está lonxe de rebrotes de importancia e dúas cidades, A Coruña e Santiago, estarían tamén por baixo do nivel de risco baixo polas súas incidencias a 14 días.
Outro mínimo na hospitalización dende o pasado agosto
Mentres que as comparacións co verán pasado a respecto das cifras totais de novos casos sempre son arriscadas (daquela, a capacidade diagnóstica era moito menor), os indicadores hospitalarios si poden ser algo máis precisos para realizar este paralelismo. E o que din é tamén que a situación é a máis favorable dende aquela, pero en sentido descendente.
As 71 persoas con test positivo da COVID-19 ingresadas nos hospitais galegos ás seis da tarde do martes son 40 menos que o mesmo día da semana anterior. Quince delas (+1) están na UCI, seis menos que unha semana antes.
Mentres, os datos de mortalidade ligados á pandemia volven situarse na contorna dun falecemento ao día, de media, na última semana. O total oficial mantense por terceiro día consecutivo en 2.427, se ben a Xunta avanzou que no cómputo do xoves entrará un falecemento máis, deste mércores. Cómpre ter en conta que non todas estas mortes de persoas con test positivo da COVID-19 son necesariamente consecuencia do virus, senón que poden influír nelas outras patoloxías.
Fin ás restricións ás reunións de non conviventes, agás na hostalería
Todos os locais hostaleiros que conten con medidor de CO2 poderán abrir ata a 1 da madrugada e a Xunta amplía os límites en actividades como as de lecer e tempo libre mentres ultima unha "revisión integral" das medidas
Con todos estes datos sobre a mesa, a Xunta confirmaba este mércores que, dende o vindeiro sábado 12, xa non aplicará restricións aos encontros de persoas non conviventes. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirma que dende esa xornada "quedan sen efecto as prohibicións de reunións de non conviventes" que ata agora rexían entre a 1 e as 6 da mañá.
Ademais, xa non haberá límite xeral no número de persoas non conviventes que se poden xuntar. Si se mantén, polo momento, nos locais de hostalería, nos que non obstante tamén chegan novas flexibilizacións: de agora en diante, nas mesas interiores poderán sentar ata 6 persoas e o límite nas terrazas pasa de 10 a 15. Ademais, todos os locais hostaleiros -con independencia da súa categoría concreta- poderán pechar á 1 da madrugada sempre e cando conten cun medidor de CO2 para garantir a calidade do aire no interior.
Entre as novidades que o Goberno galego prevé implantar dende o sábado -Feijóo matiza que será se o Goberno de España o permite, algo que está previsto que suceda ao rectificar as normas comúns no Consello Interterritorial de Saúde- figura tamén unha ampliación nos límites nas actividades de tempo libre para a infancia ea mocidade, que chegarán ata o 70% de capacidade e ata 125 persoas participantes en espazos exteriores. A ampliación de capacidade en campamentos ou albergues figurarán tamén nunha "revisión integral" da normativa que, non obstante, será revisada con maior profundidade cara a fin de mes, avanza Feijóo.