España rectificará as normas para controlar a COVID na fronteira tras desacougar á raia e incomodar a Portugal

Acción reivindicativa dos concellos da raia na Ponte da Amizade Tomiño-Cerveira durante o peche da fronteira pola COVID © AECT Rio Minho

Unha das múltiples consecuencias das restricións aos movementos de persoas para procurar frear a COVID-19 foron os atrancos para a libre circulación na fronteira con Portugal, á que durante meses regresaron os controis esquecidos coa integración europea e con eles, amplos incomodos para a veciñanza de ambas beiras. Especialmente, para a que reside en Galicia pero fai vida cotiá en Portugal (e viceversa).

A nova normativa española esixe certificado de vacinación ou proba negativa da COVID para atravesar a fronteira por estar Portugal entre os territorios de risco. Transportistas, persoal transfronteirizo e veciñanza da raia quedan fóra do requisito

A esta sucesión de desacougos engadiuse o pasado luns un máis. Dende este 7 de xuño está en vigor a resolución da Dirección Xeral de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade que concreta os "controis sanitarios" nos "puntos de entrada a España". O novo marco legal pretende, entre outros aspectos, integrar os certificados de vacinación pactados no seo da UE. Mais o Goberno de España tamén fixa nela os requisitos que deben ser cumpridos para entrar en territorio do Estado dende países considerados "de risco" epidemiolóxico, en aplicación do semáforo epidemiolóxico comunitario.

Na actualización máis recente desta listaxe, en vigor dende o propio día 7, Portugal é un dos países "de risco". Para eles, a resolución sinala que "todas as persoas, de seis anos ou máis" que "cheguen a España por vía terrestre" deberán "dispoñer dalgunha das certificacións" contempladas na normativa para poderen acceder. Isto é, un certificado de vacinación contra a COVID-19, un certificado dunha proba diagnóstica (PCR ou antíxeno) da COVID-19 que dese negativo ou "certificado que confirme que o titular se recuperou da COVID-19". A aplicación desta norma devolveu a inquietude aos municipios raianos e incomodou abertamente ás autoridades portuguesas. Este martes, o Goberno de España confirmou que o vai corrixir.

Protesta de alcaldes e alcaldesas da raia na ponte internacional Tomiño-Cerveira durante o peche da fronteira pola COVID, o pasado marzo © AECT Río Miño

Este requisito non se ía aplicar, así e todo, a algúns dos colectivos máis afectados polos peches das fronteiras durante os peores meses da pandemia. A norma fixa como excepcións a "profesionais do transporte por vía terrestre no exercicio da súa actividade profesional", ao persoal transfronteirizo (persoas que viven nunha beira da raia, pero traballan na outra) e tamén a "residentes en zonas transfronteirizas, nun raio de 30 quilómetros ao redor do seu lugar de residencia". 

O Goberno portugués considera que o novo requisito "só pode ser um erro" e pide "esclarecimentos" porque "senão, teríamos de adoptar medidas de reciprocidade equivalentes". Horas despois, asegurou que España garante que corrixirá decontado a norma

Daquela, o impacto da medida referente ás fronteiras terrestres non atinxía tanto á vida cotiá na fronteira como ao turismo. E de aí o incomodo nas autoridades portuguesas a comezar polo presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, que este luns considerou "muito estranho" que España adopte unha restrición "unilateral" e o faga, máis aínda, apenas dous días despois de que as autoridades de ambos Estados se reunisen en Madrid ao máis alto nivel para presentaren a súa candidatura conxunta á Eurocopa de fútbol masculino.

"Percebemos que em tempos de pandemia, cada um cuida de si e Deus cuida de todos, isto aplica-se a quem é crente, mas há limites para este entendimento", reflexionou Rebelo. O xefe do Estado portugués di comprender que "cada país pensa, à saída de uma crise económica e social, que o melhor é que os turistas fiquem dentro e gastem dentro, e não fora. Mas isso é pensar, não é o comportamento no espaço europeu", sinalou en declaracións que recolle Público

Exemplo dun radio de 30 km na raia galego-portuguesa, calculados dende Arbo. É a marxe na que a veciñanza se pode mover sen amosar certificado © https://www.mapsdirections.info/

O Goberno de España transmitiu este martes as súas "desculpas" públicas e confirma que corrixirá a norma para "non requirir ningún tipo de proba" nos desprazamentos terrestres con Portugal

Nun sentido semellante, o ministro dos Negócios Estrangeiros, Augusto Santos, considera que "só pode ser um erro" esta nova restrición pola banda española. "Pedimos esclarecimentos sobre esta questão às autoridades espanholas, aguardamos que sejam prestados o mais rapidamente possível, porque, senão, teríamos de adoptar, da nossa parte, medidas de reciprocidade equivalentes", advertiu.

Neste contexto, poucas horas despois o propio Santos afirmaba que o Goberno de España lle garante que vai corrixir decontado a obriga de presentar certificados de vacinación ou de probas negativas da COVID para atravesar a fronteira. "Será corrigido esse equívoco manifesto", afirma o ministro dos Negócios Estrangeiros do país veciño en declaracións que recolle o Diário de Notícias.

Esa rectificación verbalizouna a continuación a voceira do Goberno español, María Jesús Montero. En rolda de prensa tras o Consello de Ministros, Montero expresou as "desculpas" do Executivo pola "confusión" e confirmou que o Ministerio de Sanidade xa ultima a rectificación para "volve onde estabamos" a respecto dos desprazamentos terrestres con Portugal. "Non se vai requirir ningún tipo de proba, ningún tipo de protocolo adicional ao que xa se pide", ratifica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.