Os atascos redúcense no segundo día de peche da fronteira tras unha primeira xornada caótica malia as reiteradas advertencias do que podería suceder
Separados por uns poucos centos de metros do seu lugar de traballo, empregados e empregadas en Vila Nova de Cerveira que vivan en Tomiño, ou na Guarda que vivan en Caminha, deben dar longos rodeos por Tui para chegar aos seus postos tras a decisión dos gobernos centrais de Portugal e España de, para controlar a expansión da COVID, manter só dous pasos fronteirizos abertos as 24 horas en toda a fronteira entre Galicia e o país veciño, o de Tui-Valença e o de Verín-Chaves, co de Salvaterra-Monçao reducido a catro horas ao día.
Se a esa redución de pasos se suma o control exhaustivo dos vehículos que cruzan que se rexistrou este luns en Valença o resultado é que aos rodeos hai que engadir atascos, -menores este martes que os quilométricos do luns- que non son unha sorpresa senón a confirmación das alertas lanzadas desde diversas entidades da eurorrexión, xa desde o comezo da pandemia, pero non escoitadas en Lisboa e Madrid.
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal (a eurorrexión na que está presente a Xunta), o Eixo Atlántico que agrupa as cidades galegas e do Norte de Portugal ou a AECT Río Miño na que están concellos galegos e lusos do Baixo Miño son algunhas das voces que advertiron do que acabou pasando. Que segundo como se aplicasen os controis asociados ás medidas de restrición tomadas aos dous lados da fronteira, con confinamentos en Portugal e peches perimetrais en Galicia, ían provocar o colapso da raia polo elevado volume de traballadores e mercadorías que todos os días cruzan cara un ou outro lado.
O Eixo Atlántico lembra que xa houbo peches ou controis en ocasións anteriores como a visita do Papa ou a Eurocopa e reclama visión de futuro cunha reforma do tratado bilateral España-Portugal "porque se xeraron estruturas de cooperación transfronteiriza que xa non están amparadas nel"
Este luns a AECT Río Miño, que mantivo un encontro co delegado do Goberno central en Galicia, sinalaba que este lles transmitiu que os atascos do luns puideron deberse a que os axentes portugueses realizaron unha “revisión exhaustiva de toda a documentación presentada polas persoas que pretendían cruzar”, mentres que “non é un problema de medios” dos axentes españois.
Mirando máis alá do agora sucedido, desde o Eixo Atlántico lembran que “hai solucións, e levamos tempo propoñéndoas”. O secretario xeral desa asociación de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, Xoán Vázquez Mao, lembra que xa houbo controis ou peches de fronteiras coa visita do Papa en 2017 ou a Eurocopa en 2004.
“Pedimos tres cousas, que cando pase algo así e sexa necesario controlar a fronteira, agora pola pandemia pero antes ou despois por outros motivos, non se deixen abertos as 24 horas só dous pasos como agora senón cando menos catro, tamén o de Tomiño-Cerveira e o de Salvaterra-Monçao; que se reforme o tratado bilateral España-Portugal porque se xeraron estruturas de cooperación transfronteiriza que xa non están amparadas nel; e que esas novas estruturas permitan que en situacións así ámbitos como as eurocidades permitan peches no límite non entre eses municipios senón entre esas agrupacións e o resto dos territorios portugueses ou galegos, porque Valença e Tui supoñen menos que algún barrio de Vigo no que te podes mover libremente”.