Madrid e Lisboa volven pechar a fronteira pola COVID 10 días e só deixan dous pasos permanentes entre Galicia e o Norte de Portugal

Autoridades e cidadanía de Tui camiñando cara a Valença pola ponte metálica sobre o Miño na reapertura da fronteira o 1 de xullo tras máis de tres meses pechada © Concello de Tui

Os traballadores transfronteirizos poderán seguir cruzando a raia pero a limitación de lugares habilitados obrigará a rodeos como durante a pasada primavera

Os gobernos centrais de Madrid e Lisboa veñen de decidir restablecer os controis nas fronteiras terrestres entre os dous estados a partir da 1 da madrugada deste domingo 31 de xaneiro e ata a 1 da madrugada do 10 de febreiro. Así o consignou no caso de España o BOE deste sábado. Durante este tempo só estará permitido cruzar a raia para unhas poucas excepcións, entre elas para os traballadores transfronteirizos ou para o regreso ao lugar de residencia. Aquí se poden consultar as excepcións establecidas por España e aquí as de Portugal.

Ponte entre Salvaterra do Miño e Monçao, que só abrirá de luns a venres de 8 a 10 e de 19 a 21 horas CC-BY-SA Kanano

Pero eses cruzamentos excepcionais da fronteira non se poderán realizar por calquera dos pasos existentes senón só por uns poucos. En toda a fronteira peninsular só haberá oito pasos abertos as 24 horas do día durante todos os días, dos que só dous están en Galicia: o de Tui-Valença e o de Verín-Chaves. 

Outros catro pasos fronteirizos estarán abertos só de luns a venres e só de 8 a 10 horas da mañá e de 19 a 21 horas da tarde, pero deles só un está en Galicia, o de Salvaterra do Miño-Monçao. Na lista de pasos divulgada polo Ministerio do Interior non aparece o moi transitado paso de Tomiño-Viña Nova de Cerveira.

Os gobernos centrais volveron non atender as peticións lanzadas nos últimos días por administracións da eurorrexión e entidades transfronteirizas para que se mantivesen abertos máis pasos

Os estados non atenderon así as diversas peticións lanzadas nos últimos días por administracións da eurorrexión e entidades transfronteirizas que reclamaban que, con independencia das medidas de control que se establecesen, se mantivesen abertos todos os pasos fronteirizos para facilitar o desprazamento diario dos traballadores transfronteirizos. Agora estes terán que volver realizar longos rodeos para acceder aos seus postos laborais como xa tiveron que facer durante o confinamento da pasada primavera, cando malia as reiteradas reclamacións a fronteira entre Galicia e Norte de Portugal non se abriu por completo ata o 1 de xullo.

Alcaldes e alcaldesas da 'raia' nunha das protestas da pasada primavera reclamando máis pasos abertos CC-BY-SA Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.