A situación da pandemia de Covid-19 continúa a empeorar en Portugal. Na tarde deste xoves vén de notificarse un novo máximo de contaxios rexistrados nun só día (16.432) e de mortes provocadas por esta enfermidade (303). Portugal é nestes momentos o país do mundo cunha maior incidencia acumulada (ao redor de 1.600 casos por cada 100.000 habitantes nos 14 días anteriores este mércores), xusto por diante de España, con preto de 900.
O Goberno portugués prohibe durante 15 días as saídas ao estranxeiro da súa cidadanía por vía aérea, fluvial ou terrestre agás "casos excepcionais"
Precisamente este xoves o Parlamento portugués autorizou, cos votos a favor de PS, PSD, CDS e PAN, a renovación do actual estado de emerxencia ata o vindeiro 14 de febreiro. Ademais, o Goberno anunciou o reforzo do peche de fronteiras, prohibindo durante 15 días (ata ese 14 de febreiro) as saídas ao estranxeiro da súa cidadanía por vía aérea, fluvial ou terrestre agás "casos excepcionais". Ata agora o Executivo luso xa restrinxira os voos co Reino Unido e suspedéraos con Brasil, nun intento de limitar a posible entrada das variantes do virus descubertas nestes dous países, cunha maior capacidade de contaxio.
Durante a primeira vaga da pandemia o peche da fronteira tivo un forte impacto social e económico nas localidades da raia galego-portuguesa. O Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza AECT Río Miño pediu este xoves que non se repita "o erro de limitar e dificultar o paso pola raia das persoas traballadoras como aconteceu tralo confinamento de marzo". O vicedirector da entidade e deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, instou a manter abertos todos os pasos nas estradas, principalmente os das Eurocidades, "coas medidas de control que sexan necesarias para facilitar a circulación das persoas que viven ou traballan a ambas marxes do río".
A AECT Río Miño instou a manter abertos todos os pasos nas estradas, principalmente os das Eurocidades, "coas medidas de control que sexan necesarias"
Benítez tamén sinalou que a estas alturas da pandemia "xa debería estar operativa" a tarxeta de ‘cidadanía transfronteiriza’ para cando volvera haber unha situación coma esta. Lembrou que esa proposta do AECT fora proposta ante o último Cumio Ibérico entre España e Portugal e tamén ante o Parlamento Galego, que a aprobou por unanimidade. “Ata o de agora a Xunta non fixo nada, e nestes momentos ese carné transfronteirizo serviría para vixiar máis eficazmente o tránsito de persoas na raia”, destacou Benítez.
A principal preocupación en Portugal pasa pola saturación dos hospitais, especialmente na rexión de Lisboa
Un día máis, a principal preocupación en Portugal pasa pola situación de saturación que viven os centros hospitalarios, especialmente na rexión de Lisboa, que tamén está a rexistrar o maior número de contaxios de todo o país. A ministra da Saúde, Marta Temido, pediu aos hospitais de Lisboa que abran todas as camas posibles, mentres Portugal baralla xa as opcións de enviar doentes a hospitais doutros países, mantendo para isto conversas con Alemaña.
Tamén preocupa a expansión en Portugal da variante da Covid-19 descuberta no Reino Unido
Outro motivo de preocupación é a expansión en Portugal da variante da Covid-19 descuberta no Reino Unido, moito máis estendida do que o está no Estado español. Algúns cálculos elevan ao 50% a proporción de novos casos na rexión de Lisboa motivados por esta cepa, máis contaxiosa. O Primeiro Ministro portugués afirmou esta semana que “se tivéssemos tido conhecimento atempado da existência da variante inglesa, seguramente o quadro das medidas que foram definidas para o Natal teria sido diferente”. O Goberno do Reino Unido deu unha alerta o pasado 14 de decembro, momento en que en Londres e noutras áreas do sur de Inglaterra impuxéronse unhas estritas restricións para impedir a súa extensión.
As localidades que se atopan na fronteira con Galicia rexistran nives de infeccións moi altos, con Caminha, Melgaço e Paredes de Coura superando os tres mil casos
A área de Lisboa presenta unha incidencia acumulada próxima a 1.500 casos por cada 100.000 habitantes pero practicamente todo o territorio portugués presenta unhas elevadas cifras de contaxios. Tamén a rexión Norte e as localidades que se atopan na fronteira con Galicia rexistran nives de infeccións moi altos. Así Arcos de Valdevez ten 2.843 novos casos por 100 mil habitantes, Caminha 3.136, Melgaço 3.706, Paredes de Coura 3.386, Ponte da Barca 2.924, Ponte de Lima 2.350, Valença 1.926 e Vila Nova de Cerveira 2.424. Tamén son moi elevados os indicadores de Terras de Bouro (1.258), Montalegre (1.378), Chaves (1.324) e Vinhais (1.123). Unicamente Monçao sitúase por debaixo dos mil casos.
Os concellos galegos que se atopan na fronteira están a rexistrar tamén algunhas das cifras de incidencia máis elevadas do país
De igual xeito, os concellos galegos que se atopan na fronteira están a rexistrar algunhas das cifras de incidencia máis elevadas e en varias ocasións a Xunta advertiu do risco de propagación da enfermidade dende o territorio luso, incidindo sobre todo no risco de transmisión da variante do virus descuberta no Reino Unido, con maior penetración en Portugal. A situación é especialmente preocupante no sur da provincia de Ourense, con varias localidades con incidencias por riba dos 3.000 casos por cada 100.000 habitantes (Oímbra, Trasmiras, Vilar de Santos...), por riba de 2.000 casos (Bande, Porqueira, Xinzo de Limia, Sandiás...) e a maior parte por riba dos 1.000 casos, entre eles Verín, Baltar, Lobios ou Vilardevós. Tamén Crecente, xa en Pontevedra, supera os 3.000 casos de incidencia acumulada.
No Baixo Miño, Tui, Tomiño, Salceda de Caselas, Salvaterra, O Rosal, Arbo ou As Neves roldan tamén incidencias acumuladas de 1000 casos por cada 100.000 habitantes, lixeiramente inferiores ás que sofren os seus concellos veciños da outra beira do río, pero non tan afastados.