Madrid e Lisboa habilitan novos pasos fronteirizos temporais pero manteñen só Tui e Verín como permanentes

Protesta este luns reclamando a apertura da ponte entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira, que segue pechada por completo © AECT Río Miño

Malia as reclamacións de maior flexibilidade para o persoal transfronteirizo que chegan desde a raia, os gobernos centrais seguen a restrinxir os movementos pola COVID en cinco puntos a só seis horas ao día

Desde que o pasado 31 de xaneiro os gobernos centrais de España e Portugal decidiron volver a pechar a fronteira como medida de control da COVID, veñen sucedéndose as protestas nas localidades da raia que ven como os reducidos puntos de paso permitidos supoñen importantes rodeos para o persoal que traballa ao outro lado ou para o transporte. Ao tempo, Madrid e Lisboa veñen abrindo a man e habilitando outros puntos de cruce ou ampliando o horario no que se permite empregalos, agora co establecemento doutros dous en Lobios e A Mezquita en horario de 7 a 10 e de 18 a 21 horas.

Protesta este luns na ponte entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira, que segue pechada © AECT Río Miño

Desde este martes 2 de marzo os pasos fronteirizos que quedan habilitados entre Galicia e o Norte de Portugal son os seguintes:

Abertos as 24 horas do día todos os días:

  • Tui-Valença
  • Verín-Chaves

Abertos de luns a venres de 7 a 10 e de 18 a 21 horas:

  • Salvaterra do Miño-Monçao
  • Arbo-Melgaço
  • Baltar-Montalegre
  • Lobios-Lindoso
  • A Mezquita-Vinhais

As protestas seguen, especialmente entre Tomiño e Cerveira, cuxo peche desde xaneiro obriga a rodeos por Tui-Valença a todo o persoal que vive ou traballa río abaixo

As protestas reclamando unha maior flexibilidade nas fronteiras para o persoal transfronteirizo están a ser especialmente rechamantes -por parte da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) do Río Miño, que agrupa administracións locais das dúas beiras- na ponte entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira, pechada por completo desde o 31 de xaneiro, o que obriga a longos rodeos ata o paso de Tui-Valença para todo o persoal que reside ou traballa río abaixo dese punto.

Protesta entre Tomiño e Cerveira © AECT Río Miño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.