No marco das novas restricións pola COVID-19 en Portugal, que atravesa a súa peor situación dende o comezo da pandemia cun pronunciado colapso sanitario, os Gobernos español e portugués coordináronse para aplicaren un peche nas fronteiras que, no caso da raia galego-portuguesa, deixa unicamente dous pasos permanentes (entre Verín e Chaves e entre Valença e Tui) e outro de catro horas ao día (Salvaterra-Monção). Entre os múltiples atrancos para a vida cotiá desta decisión destaca que moitas persoas que residen nunha beira da fronteira e traballan na outra se volven ver obrigadas, como na primavera de 2020, a dar longos rodeos para chegar ao traballo e regresar á casa.
O novo peche de fronteiras deixa só dous pasos permanentes entre Galicia e o Norte de Portugal
Dende o propio anuncio da medida, entidades que agrupan a concellos de Galicia e Portugal como o Eixo Atlántico ou a AECT Río Miño apelaron a Madrid e Lisboa para que "non cometesen outra vez o mesmo erro". O clamor, cando menos de momento, non tivo efecto e propiciou que, como xa acontecera ao comezo da pandemia, alcaldes e alcaldesas da raia se mobilizasen este xoves para reclamar a fin deste "castigo" ao persoal transfronteirizo.
A propia protesta de representantes municipais viuse condicionada polas restricións. Axentes da Guarda Nacional Republicana impediron os rexedores e rexedoras camiñasen simbolicamente ata a metade da ponte vella sobre o Miño, en Tui. "As forzas da orde impediron a escenificación, malia que se explicou que se trataba dun acto simbólico", lamentan dende a Deputación de Pontevedra, membro da AECT Río Miño.
Foi así como os alcaldes portugueses se viron obrigados a dar un rodeo en coche, "pasar oficialmente polo control da fronteira na ponte da autoestrada, a un quilómetro" e regresaren a territorio galego para comparecer conxuntamente cos seus homólogos ante a prensa. Esta, explica Uxío Benítez, vicedirector da AECT Río Miño e deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación pontevedresa, é "unha reivindicación xusta" fronte a "un auténtico escándalo" nunha fronteira "dinámica, con moitas relacións económicas, laborais e empresariais" e polo tanto, con "moita mobilidade" que non pode limitarse, neste caso, á ponte da autoestrada entre Tui e Valença.
Na protesta dos concellos, atrancada polas propias restricións, alcaldes e alcaldesas advertiron do incremento dos gastos de combustible e tempos de desprazamento para as persoas que viven nunha beira da raia e traballan na outra
Con esta decisión dos gobernos de ambos Estados, advirte Benítez, non están a reducir o número de persoas que transitan pola fronteira, porque teñen que seguir indo traballar e así o fan, senón que simplemente provocan desprazamentos máis longos. Os Estados, reprocha, deciden "non poñer gardas" en todos os pasos e "trasladan ese gasto" ao persoal, que ten que destinar máis cartos a combustible e ademais, subliñan, arriscarse a engarrafamentos de tráfico.
Na mesma liña, o presidente da AECT Rio Minho e presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, coida que este novo peche supón non "respeitar os trabalhadores transfronteiriços". O peche, censura, está a obrigá-los a levantar-se muito mais cedo para realizar dezenas ou até centenas de quilómetros a mais e a prejudicar a saúde física e psicológica de todos eles", sinalou en declaracións que recolle Rádio Vale do Minho nun contexto no que ademais, subliña Nogueira, "estão a obrigar seis mil trabalhadores a atravessarem quase todos o mesmo ponto de fronteira" cando "existiam oito pontos de passagem", o cal supón favorecer aglomeracións cando a finalidade das medidas fronte á COVID pretende ser todo o contrario, resalta.